Internet é hoxe en día unha das principais fontes de información para case todas as persoas. É a fonte bibliográfica máis consultada actualmente por estudantes e profesionais. Por esta razón, para evitar usar información pouco fiable e extraer contidos de calidade que nos acheguen algo bo, é necesario aprender a avaliar a calidade da información que atopamos.

Neste apartado, revisaremos algúns criterios aos que prestar atención cando visitemos un sitio web do que queiramos obter información.
Criterios de avaliación
Internet é dinámica por natureza, cambia a ritmos vertixinosos e está pouco regulada. Non existen leis ou regulamentos que diten a calidade dos contidos expostos en cada sitio web. Máis da metade da información que existe na Internet está escrita en blogs e sitios web de proxectos persoais. Isto quere dicir que cando alguén sobe información á web, non só decide o formato do contido, senón que elixe o tema, as imaxes, o deseño, o contexto, a mensaxe, os textos…
Este proceso non pasa por ningún filtro máis aló do criterio da persoa autora ou editora responsable da publicación. Ninguén se encarga de revisar as webs e calquera pode crear unha e publicala. Por iso é importante diferenciar entre as webs persoais e as institucionais, que si que teñen os contidos revisados.
A continuación, revisaremos algúns criterios aos cales atenderemos cando visitemos un sitio web do cal queiramos obter información. Estes axudarannos a comprobar a calidade da información que ofrece á persoa usuaria. Teñamos presente que o mellor filtro somos nós e o noso criterio é o que nos vai levar a seleccionar a información que máis vale a pena.
Autoría
En primeiro lugar, a persoa autora do contido ten que estar identificada. Nas lapelas "contacto", "quen somos" ou "acerca de" podemos atopar o nome das persoas autoras do contido.
Obxectividade e precisión
Un contido de calidade ten que ser obxectivo no que se refire ao seu contido. É importante considerar que a información estea claramente presentada e as ideas ben definidas. Se se mostra algunha cifra, as fontes bibliográficas que as apoien teñen que estar referenciadas e se se presentan opinións persoais que estean ben fundamentadas.
Actualizacións periódicas
Un sitio web de calidade actualizarase periodicamente. Probablemente non no seu contido, que non ten por que cambiar, pero si que haberá un seguimento do sitio, actualizacións, contido novo...
No seguinte vídeo podes ver exemplos de como verificar se unha web foi actualizada recentemente.
Navegabilidade e usabilidade
O punto anterior lévanos a falar de navegabilidade, é dicir, a facilidade que temos de navegar por todas as páxinas dun sitio web. Cando un sitio web é actualizado periodicamente non hai enlaces rotos. A estrutura será sinxela e a navegación non presentará maiores problemas.
Outro termo importante é o de usabilidade. Con el referímonos á simplicidade e claridade coa que os contidos son presentados, o que influirá no grao de facilidade para acceder e navegar polo sitio dun xeito sinxelo e rápido. Algunhas características que sinalan a usabilidade dunha páxina web son as seguintes:
-
Unha estrutura sinxela e ben definida, é dicir, organizada. Contido dividido en seccións, con títulos por exemplo. A estrutura ten que facilitar a navegación pola web.
-
O menú principal ten que ser facilmente identificable, estar destacado de algún xeito.
-
O número de clics necesarios para facer calquera acción ten que ser o mínimo posible.
-
Utilizar imaxes ou iconas para destacar as seccións. É máis posible que a persoa usuaria preste atención ás imaxes que a moito texto.
-
O texto que inclúa, mellor en parágrafos cortos e ben estruturado.
-
Se o contido da web e moi amplo, algo que facilita a navegación e a atopar o contido específico que buscamos son as caixas de busca internas.
O seguinte vídeo explica en máis detalle este termo. É suficiente con que vexas dende o principio ata o minuto 2.



