Dispositivos de saúde e deporte
Os dispositivos de saúde e deporte, tamén coñecidos como wearables, son dispositivos electrónicos que podemos levar postos no corpo, ben como roupa ou ben como accesorios persoais (tales como reloxos, pulseiras ou colares). Estes dispositivos están deseñados para monitorizar diversos aspectos da saúde, o fitness e a actividade física. Algúns dos tipos máis comúns de dispositivos de saúde e deporte inclúen:
Smartwatches (reloxos intelixentes)
Combinan as características dun reloxo tradicional cunha serie de funcións dixitais, como monitorización da frecuencia cardíaca, seguimento da actividade física, notificacións de teléfono intelixente, seguimento do sono e aplicacións de saúde.

Pulseiras de actividade
Son dispositivos compactos e lixeiros que se usan no pulso e poden monitorizar a actividade física diaria, o número de pasos, a distancia percorrida, as calorías queimadas, a frecuencia cardíaca e a calidade do sono.
.jpg)
Sensores de actividade física
Estes dispositivos poden ser incorporados en roupa deportiva ou calzado e están deseñados para monitorizar aspectos específicos da actividade física, como a cadencia, a velocidade, o movemento ou a técnica de exercicio.
Monitores de frecuencia cardíaca
Son dispositivos que se colocan no peito ou no pulso para monitorizar continuamente a frecuencia cardíaca durante a actividade física e en repouso. Poden proporcionar información útil para o adestramento e o control da saúde cardíaca.
Dispositivos de seguimento do sono
Estes dispositivos están deseñados para monitorizar a calidade do sono -segundo os patróns de sono, a duración do sono e os ciclos de sono-, ofrecendo consellos para mellorar a hixiene do sono e o descanso.

Outros dispositivos especializados
Ademais dos tipos mencionados, tamén hai outros dispositivos de saúde e deporte especializados, como oxímetros de pulso, dispositivos de electrocardiograma (ECG), monitores de presión arterial, dispositivos de electroencefalografía (EEG) e moitos máis.

Estes dispositivos de saúde e deporte ofrecen ás persoas usuarias a posibilidade de monitorizar e mellorar a súa saúde e forma física de forma máis eficaz e personalizada. Con todo, é importante utilizar estes dispositivos de forma responsable e protexer a privacidade dos datos persoais que recollen. Para configurar estes dispositivos de forma segura e protexer a nosa intimidade, aquí tes algúns consellos prácticos:
1. Investigación previa
Investiga sobre a seguridade e privacidade do dispositivo antes de compralo ou utilizalo. Escolle dispositivos de marcas fiables e que teñan boas críticas en canto á súa protección de datos.
2. Actualización do software
Mantén actualizado o software do dispositivo e as aplicacións asociadas. As actualizacións regulares a miúdo inclúen parches de seguridade que corrixen vulnerabilidades.
3. Configuración da privacidade
Revisa e axusta as opcións de privacidade e seguridade do dispositivo nas súas configuracións. Desactiva calquera función que non sexa necesaria ou que poida comprometer a túa privacidade.
4. Acceso seguro
Protexe o acceso ao dispositivo cun contrasinal ou cunha forma de autenticación forte -como a autenticación de dous factores- para evitar o acceso non autorizado aos teus datos persoais.
5. Control das aplicacións
Xestiona os permisos de acceso das aplicacións instaladas no dispositivo. Concede só os permisos necesarios para o seu funcionamento e revoga os permisos de acceso a datos sensibles, como a localización, se non son necesarios.
6. Almacenamento seguro dos datos
Asegúrate de que os datos recollidos polo dispositivo se almacenen de forma segura e encriptada. Se o dispositivo se sincroniza con servizos en liña, elixe plataformas que ofrezan altos estándares de seguridade de datos.
7. Configuración da localización
Limita o acceso á túa localización en tempo real por parte do dispositivo e das aplicacións asociadas. Activa a localización só cando sexa necesario e desactívaa despois de utilizala. Fai uso das opcións de agochado de inicio e fin das localizacións das actividades realizadas nas túas publicacións, xa que poden dar información non desexada.
8. Uso responsable
Emprega os dispositivos de forma responsable e coñece os seus límites. Non compartas información persoal ou de saúde sensible con terceiras persoas sen o teu consentimento explícito.
9. Control da comunicación
Xestiona as notificacións e alertas do dispositivo para evitar a revelación involuntaria de datos persoais. Asegúrate de que só recibes notificacións relevantes e importantes.
10. Educación sobre seguridade e privacidade
Fórmate sobre os riscos de seguridade e privacidade asociados ao uso de dispositivos de saúde e deporte. Mantente ao tanto das últimas noticias e tendencias en ciberseguridade e protección de datos.