Riscos na Rede
Nesta sección falaremos de diferentes riscos aos que estamos expostos cando utilizamos as novas tecnoloxías ou nos conectamos a Internet: o ciberacoso nas súas distintas versións. Imos ver de que se tratan e as medidas de prevención que podemos tomar para evitalos e loitar contra eles.

Ciberacoso
O ciberacoso (derivado do termo en inglés cyberbullying) ou acoso virtual é o uso de medios dixitais para molestar ou acosar a unha ou varias persoas mediante ataques e divulgación de información persoal ou falsa entre outros medios. Os actos de ciberagresión posúen unhas características concretas que son o anonimato da persoa agresora, a súa velocidade de transmisión e o seu alcance.
O ciberacoso pode constituír un delito penal podendo causar danos psicolóxicos de distinta gravidade á persoa acosada e, de igual maneira, de isto van depender as consecuencias legais que terá a persoa acosadora.
A continuación imos distinguir entre algúns dos diferentes tipos de ciberacoso.

Cyberbullying
Aínda que tamén se utiliza como termo xenérico, cando utilizamos cyberbullying, normalmente nos referimos ao ciberacoso no ámbito escolar. Trátase dun tipo de acoso realizado entre persoas usuarias dunha idade similar e contexto social equivalente utilizando medios dixitais, como un teléfono móbil ou a través de videoxogos online, por exemplo.

Grooming
Este anglicismo vén do verbo to groom, que alude a condutas de achegamento ou preparación para un determinado fin. Trátase dunha serie de condutas e accións emprendidas por persoas adultas, a través de Internet, co obxectivo de gañarse a amizade dos e das menores de idade, creando unha conexión emocional para poder gañarse a súa confianza e levar a cabo prácticas de abuso sexual.
Sexting
Dáse cando unha persoa se saca fotos ou se grava en vídeos de índole sexual e as comparte a través de teléfonos intelixentes, correos electrónicos etc. Os riscos son moi altos, como sextorsión ou delito de posuír ou difundir pornografía infantil.
Cyberstalking
A través dun comportamento obsesivo, unha persoa, que pode ser descoñecida ou non, controla a actividade doutra e busca chamar a súa atención dunha maneira que xera escrúpulo ou medo, xa sexa a través de redes sociais, mensaxes ou chamadas telefónicas… Trátase dun acto premeditado, repetitivo, obsesivo e, sobre todo, non desexado, que pode chegar a ter consecuencias moi negativas para quen o sofre.
Suplantación de identidade
Consiste en apropiarse da identidade doutra persoa con motivos mal intencionados para obter datos ou información confidencial, facer fraude económica ou causar dano na súa reputación. Existen varios métodos de suplantación de identidade nas redes, algúns dos máis comúns son os seguintes:
- Phishing: enviando un correo electrónico que pide á persoa usuaria pinchar nun enlace e introducir as súas claves de acceso a determinada plataforma ou rede social. Deste xeito rouban as claves de usuario e as cambian para que a persoa propietaria non poda volver a acceder.
- Suplantación: as persoas ciberdelincuentes crean un perfil ou unha web moi similar á orixinal e fanse pasar por unha persoa ou empresa para obter beneficios económicos ou para desprestixiar á persoa ou á marca.

Prevención
A prevención do ciberacoso require un esforzo conxunto por parte de toda a sociedade para garantir que Internet sexa un espazo seguro para todas as persoas.

A continuación presentamos algunhas estratexias que nos poden axudar:
Educación
Algo esencial é educar sobre prácticas seguras en Internet, por exemplo, a creación de contrasinais fortes, o uso de configuracións de privacidade e ser conscientes da información que se comparte en Internet e as posibles consecuencias que pode ter.
Para acadar isto é imprescindible a participación de toda a comunidade: persoas educadoras, estudantes, familias.
Espazos de fala seguros
Establecer liñas de axuda e servizos de apoio para vítimas de ciberacoso onde poidan buscar axuda e consello.
Precaución no uso das redes
-
Revisar as comunicacións recibidas antes de premer nun enlace ou no botón aceptar. Temos que asegurarnos de que o remitente procede do lugar que di e que non se trata dunha estafa.
-
Manter os contrasinais nun lugar seguro e non compartilas con ninguén.
-
Configurar os perfís das redes sociais do xeito máis privado posible.
-
Evitar compartir información persoal nas redes.
-
Non falar con persoas que se dirixen a nós e que non coñecemos.
-
Se xa estamos sufrindo algún tipo de ciberacoso, o primeiro que temos que facer é bloquear á persoa ou persoas responsables e dirixirnos ás autoridades correspondentes co obxectivo de denunciar o problema (policía, centro educativo, rede social, responsables de aplicacións...).
Respectar a privacidade das demais persoas
Respectar a privacidade das demais persoas en liña é tan importante como protexer a nosa propia. Ofrecer datos persoais de terceiras persoas sen o seu consentimento ou distribuír fotos e etiquetar persoas sen permiso pode ter consecuencias legais e danar as túas relacións.
A continuación expoñemos algúns consellos para manter unha conduta respectuosa e segura en canto á privacidade das demais persoas.
Pedir permiso
Antes de compartir calquera información persoal, fotos ou vídeos de alguén, temos que asegurarnos de ter o seu consentimento explícito. Isto inclúe detalles aparentemente inofensivos como nomes, números de teléfono, enderezos de correo electrónico ou fotos en eventos sociais.

Ter en conta o contexto
Aínda que alguén nos dea permiso para compartir algo, temos que pensar no contexto no que será compartido. Información ou imaxes que poden ser apropiadas nun grupo privado poden non selo nun contexto máis público.
Configuracións de privacidade
Ao etiquetar a alguén nunha publicación ou foto temos que asegurarnos de que as configuracións de privacidade da publicación respectan as opcións da persoa etiquetada.
Ao etiquetar persoas en fotos ou publicacións
-
Preguntar primeiro: antes de etiquetar a alguén, temos que asegurarnos de que está cómodo ou cómoda aparecendo na foto e sendo etiquetado nela.
-
Revisar as opcións de etiquetado: moitas plataformas sociais permiten ás persoas usuarias controlar quen pode etiquetalos ou etiquetalas en publicacións. Respectar estas preferencias e non intentar burlar os controis de privacidade das demais persoas.
-
Eliminar as etiquetas se cho piden: se alguén solicita que elimines unha etiqueta ou unha foto, faino inmediatamente.

Aspectos xerais a ter en conta
-
Empatía: pensa en como te sentirías se alguén compartise a túa información persoal ou fotos sen o teu permiso. Trata ás demais persoas como desexarías que te tratasen.
-
Respecta a privacidade: entende que a privacidade é un dereito fundamental. Respectar a privacidade das demais persoas é fundamental para manter unha sociedade dixital segura e respectuosa.
-
Consecuencias legais: compartir información persoal de terceiras persoas sen consentimento pode ter consecuencias legais, especialmente se causa dano ou molestias á persoa afectada.