A obsolescencia programada é a determinación ou programación do fin da vida útil dun produto, de modo que, tras un período de tempo calculado de antemán pola empresa fabricante durante a fase de deseño do mesmo, este torna obsoleto, non funcional, inútil ou inservible polos diversos procedementos, por exemplo, por falta de repostos, inducindo ás persoas consumidoras á compra dun novo produto que o substitúa.
A súa función principal é de xerar maiores ingresos debido ás compras máis frecuentes, que redundan en beneficios económicos continuos por períodos de tempo máis longos para empresas ou fabricantes.
O obxectivo da obsolescencia non é crear produtos de calidade, senón exclusivamente xerar ganancias por parte das elevadas vendas coa axuda do lucro económico, sen terse en conta as necesidades das persoas consumidoras, nin as repercusións ambientais na produción, nin moito menos nas terribles consecuencias que se xeran desde o punto de vista da acumulación de residuos e a contaminación que supoñen. Para a industria esta actitude estimula positivamente a demanda ao alentar ás persoas consumidoras para comprar novos produtos dun modo artificialmente acelerado se desexan seguir utilizándoos. Este tipo de obsolescencia utilízase en gran diversidade de produtos que se consumen a diario.
