2.6 Rochas e minerais de Galicia
O territorio galego é dos máis antigos da península Ibérica. Fundamentalmente está formado por rochas de entre 570 e 245 millóns de anos. En Galicia pódense atopar rochas de todos os tipos agás volcánicas.
A nivel xeolóxico está dividida en dúas zonas: a occidental, con predominio de rochas graníticas, e a oriental, con predominio de metamórficas como xistos ou lousas.
-
Rochas graníticas

Xistos
Lousas e cuarcitas
Lousas
Rochas básicas
Rochas ultrabásicas
Areíscas, cuarcitas e lousas
Sedimentos
Gneis
-
-
Granito
Unha das rochas máis abundantes na codia terrestre. Máis dun terzo de Galicia ocúpano afloramentos de granito. Máis abundante no occidente e menos no leste. Fórmase por arrefriamento moi lento do magma na codia terrestre. Ao sufrir erosión crea unha paisaxe característica. Emprégase en construción ao ser moi duro, compacto e resistente á erosión a á presión.
O granito ten aspecto graúdo onde se poden observar e diferenciar facilmente os minerais que o integran: cuarzo, feldespato e mica.
-
Lousa
Rocha metamórfica formada a partir de sedimentos depositados nos fondos mariños. As lousas ocupan un terzo da superficie de Galicia e abundan na parte oriental. Pola súa estrutura sepárase fácil en follas (exfoliación), polo que se usa na construción como material de cobertura e revestimento: tellados, illamento, ... Galicia produce o 70 % da lousa do mundo.
-
Arxilas
Rochas sedimentarias formadas por acumulación de partículas procedentes da erosión doutras rochas como o granito. En Galicia hai pequenas veas de arxila cunha repartición irregular. Cando quece sofre unha transformación que a endurece e vitrifica, polo que se usa en cerámica.

-
Lignito
Carbón formado a partir de bosques de coníferas (piñeiros, abetos, etc.) depositados durante as eras secundaria e terciaria. Emprégase para queimar en centrais térmicas e producir enerxía eléctrica. Un dos carbóns máis contaminantes (alto contido en xofre), causante da chuvia ácida.
En Galicia existían dúas veas nas minas das Pontes e Meirama, nas que se extraía o mineral a ceo aberto. Na actualidade estas explotacións mineiras están xa pechadas, e impórtase o carbón de fóra. O oco deixado pola mina estase a rexenerar formando unha lagoa artificial.

-
-
Para saber máis: A minaría en Galicia
A principal actividade mineira galega está relacionada coa explotación das rochas, sobre todo granito e lousa, que a sitúan entre os primeiros produtores do mundo; e do lignito, que se atopa a piques de esgotarse.
Ata hai poucos anos tamén era relativamente importante a extracción de minerais metálicos (ferro, estaño, cinc, cobre e wolfram). Na actualidade está paralizada por falta de rendemento ou por esgotamento. Mantéñense activas algunhas explotacións de elementos non metálicos como a magnesita, as arxilas e o cuarzo.
En Galicia coñécense e utilízanse os minerais desde a antigüidade. Os habitantes da prehistoria utilizaron o ouro que atopaban en estado nativo do que dan mostra numerosos achados.
Algúns historiadores contan que os fenicios chegaron ás nosas costas na busca de ouro e estaño e tiveron actividade nas minas de Lousame (A Coruña) e Monterrei (Ourense).
Os romanos (século I a.C.) explotaron ouro, estaño, ferro e materiais cerámicos.
Segundo cita Estrabón, Entre os ártabros... aflora na terra, segundo din, a prata, o estaño, e o ouro branco... e aquela terra arrástrana os ríos e as mulleres, escavándoa con angazos, lávano e críbana...
Durante a Idade Media a minería quedou case exclusivamente reducida á explotación de minerais de ferro para o emprego nas ferrerías.
No século XVIII relanzouse a minería do ferro coa instalación do primeiro alto forno siderúrxico en Sargadelos, que deixou de funcionar en 1875.
A comezos do século XX seguía a ter importancia a minería do ferro en distintos puntos da provincia de Lugo. Abandonouse totalmente arredor de 1970 por falta de rendibilidade.
Explotáronse tamén as minas de estaño de San Fins (Noia) e Silleda (Pontevedra), as piritas arsénicas de Castro de Rei e os minerais de cobre de Arnoia (Ourense) e Cerdido (A Coruña)
No tempo comprendido entre a primeira guerra mundial (1912) e a guerra de Corea (1950) explotáronse os minerais de wolfram (wolframita e schelita) pola aplicación na fabricación de armamento e na blindaxe de carros de combate.
En 1949 comezou a explotación industrial dos lignitos das Pontes.
Arredor de 1950 explotáronse minerais de titanio en Bergantiños e Dubra (A Coruña).
A partir de 1970 explótanse os lignitos de Meirama.
Entre 1975 e 1983 explotouse o cobre de Arenteiro, Bama e Fornos que se transformaba en Touro (A Coruña) e se enviaba ás fundicións de Huelva.
En 1977 comezou a explotarse o chumbo e o cinc de Rubiais (O Cebreiro), un dos xacementos máis importantes de Europa, na actualidade esgotado.
A partir do 1982, coa gran baixada de prezos do wolfram, entraron en crise as explotacións galegas; seguiuse producindo estaño durante varios anos ata que as últimas minas acabaron por pechar: Monte Neme, Santa Comba, San Fins e a Penouta.
No século XX comezou a explotación industrial de rochas ornamentais, especialmente o granito e a lousa, e a de rochas para áridos.
Na actualidade o 80 % da actividade mineira está representada polo granito e as lousas.
En conxunto existen unhas 400 empresas que dan traballo a 15.000 persoas e xeran aproximadamente 800 millóns de euros anuais.
Enciclopedia Temática Ilustrada. A Nosa Terra.
Actividades propostas
S19. Todas as rochas magmáticas son iguais? Razoe a súa resposta e poña exemplos.
S20. Que causas poden orixinar o metamorfismo dunha rocha? Poña un exemplo de rocha metamórfica.
S21. Indique tres rochas de importancia mineira en Galicia e a súa utilidade.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0