Saltar navegación

2.5.2 Metamorfismo

As rochas sometidas a altas presións e temperaturas experimentan un proceso chamado metamorfismo, mediante o que, sen chegar a fundirse, se volven rochas metamórficas.

O metamorfismo vai producir cambios no aspecto, na estrutura e no tipo de minerais que a forman. Ten lugar en lugares profundos da codia, debido sobre todo a dúas causas:

  • Altas temperaturas (sen chegar a fundir): polo contacto co magma situado en cámaras magmáticas ou ao ascender este polas chemineas.
  • Altas presións: nomeadamente no fondo dos océanos, onde a acumulación de sedimentos fai que as capas máis fondas se afundan, aumentando a presión e as temperaturas ás que se ven sometidos. Exemplos de rochas metamórficas son a lousa e o mármore.
Lignito  mármore

 

Para saber máis: as rochas sedimentarias

Existe ademais un terceiro tipo de rochas, as rochas sedimentarias, cuxa orixe non se debe á enerxía interna da Terra. O relevo formado polos axentes xeolóxicos internos é modificado polos axentes xeolóxicos externos (auga, vento, mar e xeo). Así as rochas que se atopan na superficie terrestre están sometidas á acción erosiva. Os fragmentos erosionados son transportados e depositados nas chamadas cuncas sedimentarias (as zonas máis baixas da superficie da codia continental e oceánica), onde forman sedimentos que co paso do tempo se van compactando ata formaren rochas sedimentarias..

 Rochas

 

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0