Saltar navegación

2.3.1 A deriva continental

En 1912, o científico alemán Alfred Wegener suxeriu que hai millóns de anos os continentes estaban xuntos formando un supercontinente chamado Panxea. Esta gran masa de terra partiuse en anacos que se desprazaron sobre os fondos oceánicos e deron lugar aos continentes actuais.

A teoría da deriva continental exposta por Wegener resultou revolucionaria para a súa época, o que fixo que moitos dos científicos do seu tempo non a aceptaran. O gran problema para a defensa da deriva continental foi que Wegener non soubo explicar de xeito acertado a orixe da forza capaz de arrastrar estas grandes masas de terra ata milleiros de quilómetros.

 deriva continental

Probas da deriva continental

Wegener, para apoiar a súa teoría, achegou as seguintes probas da deriva continental:

  • Xeográficas: as liñas de costa dalgúns continentes encaixan perfectamente, como as costas atlánticas de Sudamérica e África.
  • Climáticas: existen rexións da Terra con indicios de ter no pasado unha localización distinta á actual: restos glaciares en Brasil, fósiles de plantas tropicais na Antártida.
  • Biolóxicas: existencia de animais terrestres idénticos en rexións moi distantes, como ocorre a un e outro lado do Atlántico.
  • Paleontolóxicas: existen fósiles idénticos en zonas distantes e incomunicadas, como son América do sur, Sudáfrica, Antártida, a India e Australia, o que fai pensar que no pasado estas rexións puideran estar unidas.
 Probas da deriva continental

 

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0