Saltar navegación

2.3.3 Tectónica de placas

A finais da década de 1960, varios investigadores, con base nas novas descubertas científicos, completaron e corrixiron as teorías anteriores e formularon a teoría da tectónica de placas, vixente na actualidade. A tectónica de placas tamén recibe o nome de tectónica global, xa que é por si soa capaz de explicar todos os fenómenos xeolóxicos que ocorren na Terra. A tectónica de placas pode resumirse nos seguintes puntos:

  • 1. A litosfera está dividida en fragmentos ríxidos chamados placas litosféricas.
  • 2. Os límites das placas litosféricas poden ser:

–      Bordos diverxentes, cando as placas se separan. Isto produce un ascenso de materiais do interior da Terra, que provocan erupcións volcánicas con achega de magma formando nova litosfera. Un exemplo son as dorsais oceánicas.

Imagen 3D dorsal bajo licencia de Creative Commons (Wikimedia Commons) (NASA/GSFC/Robert Simmon)

dorsais oceánicas

Tamén en rexións continentais podemos atopar bordos diverxentes onde existen dorsais en formación. África é un exemplo: se vemos o mapa de placas litosféricas apreciamos que a parte oriental de África se separa do resto. Hoxe nesta rexión atopamos un enorme val, denominado val do Rift. No futuro, dentro de millóns de anos, a separación completarase e alí aparecerá un océano cunha dorsal no seu fondo.

 mapa de placas litosféricas

–      Bordos converxentes, cando dúas placas baten entre elas orixinando fortes terremotos. Nestes bordos prodúcese a destrución da litosfera que se engurra e eleva formando arquipélagos nos océanos, como o do Xapón, e cordilleiras nos continentes, como os Alpes e o Himalaia.

Bordos converxentes

–      Bordos transformantes, cando as placas se deslizan unha sobre a outra, nos que os movementos das placas teñen lugar lateralmente e non se crea nin se destrúe litosfera, pero si orixinan fortes terremotos. Un exemplo e a Falla de San Andrés, en California (Estados Unidos).

Bordos transformantes

 Falla de San Andrés, en California
  • 3. As placas litosféricas desprázanse ao flotar sobre materiais plásticos da astenosfera.
  • 4. Os desprazamentos cáusaos a enerxía térmica das correntes de convección do manto.
  • 5. Ao longo da historia o número de placas variou.
 placas litosféricas

Daquela, non son os continentes os que se moven, como afirmaba Wegener, senón as placas litosféricas. E a causa de que as placas estean en lento pero continuo movemento son as correntes de convección do manto.

Ademais se nas dorsais oceánicas se está formando nova litosfera, loxicamente esta debe destruírse noutras zonas (se non a superficie da Terra aumentaría, o cal non sucede). Esta destrución ocorre nas chamadas zonas se subdución dos bordos converxentes, onde unha placa litosférica se introduce por baixo da outra.

 

Actividades propostas

S6. Como funcionan as correntes de convección do manto?

S7. En que zonas da litosfera é máis probable a saída do magma cara ao exterior. Xustifique a súa resposta

S8. En que se baseou Wegener para afirmar que os continentes se moven?

S9. Que é unha dorsal oceánica?

S10. Que é unha placa litosférica?

S11. Explique a diferenza entre bordos diverxentes, converxentes e transformanrtes. Poña exemplos.

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0