Saltar navegación

2.1.1 Estudo da xeosfera

O estudo da composición da xeosfera presenta unha problemática importante respecto ao estudo da atmosfera e a hidrosfera, que é que non se pode facer de xeito directo, xa que as perforacións máis profundas realizadas na codia terrestre chegan só ata os 13 quilómetros, o que é unha cifra moi pequena comparada cos máis de 6.000 que mide o raio do planeta.

Daquela, a maioría da información sobre o interior da Terra tense que obter por métodos indirectos, como son:

  • Volcáns: mediante o estudo dos materiais expulsados procedentes do interior terrestre
  • Terremotos: como se transmiten as ondas sísmicas que xeran? Cando se produce un terremoto orixínanse ondas sísmicas de distinto tipo, diferenciándose entre elas en propiedades como a velocidade e capacidade de atravesar os materiais fluídos. Así, recollendo en distintos lugares da superficie terrestre os datos achegados polas ondas sísmicas formadas nun sismo, podemos saber como son os materiais que atravesaron na súa viaxe. Este é o principal medio para o estudo e a diferenciación da Terra en capas.
 Comportamento das ondas sísmicas

Comportamento das ondas sísmicas ao atravesar o planeta. As traxectorias detectadas só poden explicarse no suposto que a Terra se organice en capas de distinta natureza. Ademais, o núcleo externo non pode ser atravesado por ondas S, que só poden viaxar polos sólidos, o que significa que esta capa debe estar en estado fluído

Capas da xeosfera

Partindo da información obtida polos métodos indirectos, podemos dividir a xeosfera en capas concéntricas segundo dous criterios:

  • Composición química dos materiais.

–      Codia: é a capa máis externa, delgada, sólida e lixeira. Podemos distinguir:

–      Codia continental: forma os continentes. Alcanza unha profundidade de ata 50 km. A rocha máis abundante é o granito

–      Codia oceánica: forma os fondos dos océanos, cun espesor non superior a 10 km A rocha máis abundante é o basalto. É polo tanto máis delgada ca codia continental, pero debido a que ten unha distinta composición é máis densa.

 Codia

–      Manto: constitúe a capa intermedia. Chega ata unha profundidade de 2.900 km e divídese en dúas partes: manto superior, con parte dos seus materiais fundidos, e manto inferior, sólido debido ás maiores presións a que están sometidos os materiais.

–      Núcleo: é a capa máis interna da Terra. Chega desde o límite inferior do manto ata o centro do noso planeta, a 6.378 km. Formado por materiais máis pesados como o ferro e o níquel. Considérase dividido en dúas partes, o núcleo externo, formado por materiais fundidos, e o núcleo interno, que debido ás altas presións é sólido.

 Estrutura da xeosfera recipiente líquidos con densidades diferentes 

A explicación da estrutura da xeosfera en capas débese ao proceso de formación da Terra. Nas primeiras fases da formación do planeta todos os materiais estaban fundidos polas altas temperaturas. Os materiais máis densos ocuparon os lugares máis fondos e os menos densos as zonas máis externas, igual que cando metemos nun recipiente líquidos con densidades diferentes. Daquela, o núcleo ten a densidade máis alta e a codia a máis baixa

  • Comportamento dinámico dos materiais. Na actualidade valórase tamén a estrutura atendendo á súa mobilidade. Daquela, atopamos a seguinte división:

–      Litosfera: formada pola codia e a parte superior do manto, que forman unha capa completamente sólida e ríxida cun grosor de entre 30 km e 100 km. Esta capa non é continua, senón que está dividida en grandes fragmentos que reciben o nome de placas litosféricas ou tectónicas.

–      Astenosfera: por baixo da litosfera atopamos unha capa que debido ás condicións de temperatura e presións ten un comportamento de material viscoso sobre o que flotan e se moven as placas litosféricas.

–      Mesosfera: capa formada polo resto do manto en estado sólido

–      Endosfera: correspondería ao núcleo. Os materiais fundidos do núcleo externo móvense arredor do núcleo interno, rico en ferro. Isto fai que o núcleo terrestre se comporte como un electroimán que orixina o campo magnético da Terra.

 Comportamento dinámico dos materiais

 

 

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0