Saltar navegación

Enerxía radiante (luminosa)

A enerxía radiante é aquela que se transmite en forma de ondas; podémola ver en forma de luz, pero ademais da luz visible existen outras formas de enerxía radiante invisibles para o ollo humano, que son as ondas electromagnéticas: as ondas de radio e televisión, as microondas, os raios ultravioleta, os raios infravermellos ou os raios X. Esta enerxía radiante invisible é utilizada polo home en aparellos como as radios, televisións, aparellos médicos, etc.

O sol é unha fonte natural de enerxía radiante luminosa; del chéganos a radiación visible, infravermella e ultravioleta. As ondas infravermellas notámolas na pel; cando notamos “calor” na pel é que nos están a chegar raios infravermellos. Os raios ultravioleta non os sentimos, pero notamos os seus efectos en forma de queimaduras (tamén poden provocar cancro).

Tradicionalmente usamos a enerxía do sol como fonte de luz natural e para quentar: lembre as solainas das casas tradicionais galegas. Na actualidade empregámola, ademais, para producir auga quente e electricidade. Os organismos fotosintéticos empregan a luz solar; sen eles a vida animal sería imposible.

     

Actividades propostas

S15. A que chamamos enerxía radiante ou luminosa?

S16. Ademais da luz que vemos, existen outras formas de enerxía radiante?

S17. Que tipos de radiación nos chegan do sol?

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0