Saltar navegación

2.4 Propiedades xerais da enerxía

Todas as formas da enerxía teñen unhas propiedades comúns, que detallamos nos puntos seguintes.

A enerxía pódese almacenar

  • O combustible que temos no depósito do coche ten enerxía química almacenada, e así seguirá ata que non o queimemos.
  • A batería dese mesmo coche ten enerxía eléctrica acumulada na espera de ser utilizada cando poñamos en marcha o motor.
  • A auga embalsada nun encoro ten enerxía potencial gravitacional almacenada, que non se usará ata que a auga caia e mova as turbinas.

Daquela, a enerxía pódese gardar ou almacenar para ser usada posteriormente. Non todas as magnitudes relacionadas coa enerxía se poden almacenar; na vindeira unidade deste módulo ha ver que a calor, unha magnitude relacionada coa enerxía, non se pode gardar; e o mesmo ocorre co traballo, que estudaremos no módulo 4.

A enerxía transfórmase

Outra das características da enerxía é que unhas formas da enerxía se poden transformar noutras; estudaremos isto con máis detalle na próxima unidade didáctica. Vemos aquí un exemplo de sucesivas transformacións da enerxía:

  • A enerxía potencial da auga nun encoro transfórmase en enerxía cinética cando cae pola canle en dirección ás turbinas.
  • Nas turbinas a enerxía cinética transfórmase en enerxía eléctrica.
  • A enerxía eléctrica pódese transformar logo en enerxía luminosa, sonora, calor, enerxía cinética nun motor, enerxía potencial nun guindastre que eleva unha carga, etc.

A enerxía consérvase

Os cambios que experimentan os corpos e no contorno débense ás transformacións da enerxía. Pero a enerxía nin se crea nin se destrúe no proceso de transformación, xa que o seu valor total permanece constante. Esta característica da enerxía é un principio físico xeral baseado na experimentación científica, chamado principio da conservación da enerxía, que di o seguinte:

A enerxía nin se crea nin se destrúe; tan só se transforma.

Por exemplo, cando a pila dunha lanterna se esgota, a enerxía química proporcionada pola pila transformouse en luz e calor. Logo, a enerxía non se perde, transfórmase noutras formas de enerxía; e dicir a enerxía globalmente consérvase.

Daquela, se unha pedra a unha certa altura ten unha enerxía potencial de 3.000 J, cando chegue ao chan toda esta enerxía transfórmase en 3.000 J de enerxía cinética. A enerxía total do corpo non cambia, só cambia a súa forma.

Así, e segundo o principio da conservación da enerxía, estamos convencidos de que a enerxía total no universo é constante: nin aumenta nin diminúe.

 
Plan Ceibal - Licenza CC.  Reconocimiento - No comercial - Compartir bajo la misma licencia

Actividades propostas

S22. Poña exemplos, distintos dos mencionados, de obxectos que teñan enerxía almacenada.

S23. Come vostede un bocadillo e logo sobe a un monte. Enumere as transformacións de enerxía que ocorren ao longo dese proceso.

S24. Para vaporizar un litro de auga líquida esta ten que recibir 2.257.000 J. O vapor producido levámolo a unha turbina que produce 2.500.000 de electricidade, condensándose a auga de novo a estado líquido. É posible este proceso? Por que?

S25. Nun texto lemos que un meteorito, cando entra na atmosfera terrestre, ten, entre enerxía cinética e potencial gravitacional, 3 MJ (megajoules) de enerxía total. Porén, cando bate contra a terra, só ten unha enerxía cinética de 1,2 MJ. Resulta que os datos están ben. Non se cumpre aquí o principio de conservación da enerxía?

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0