Retroalimentación
Unha pila é un dispositivo que permite obter unha corrente eléctrica a partir dunha reacción química. Nesta experiencia imos construír unha pila caseira que, ademais, funciona.
Material necesario
-
- Un vaso.
- Unha botella de vinagre.
- Un anaco de tubaxe de cobre (das que se usan para as conducións da auga).
- Un afialapis metálico.
- Cables eléctricos.
- Un aparello que imos facer funcionar coa pila. Obtéñense bos resultados cos dispositivos musicais que levan algunhas tarxetas de felicitación. Tamén pode servir un reloxo espertador dos que funcionan con pilas.
Como construír a pila?
Calquera pila consta de dous eléctrodos (xeralmente dous metais) e un electrólito (unha substancia que conduce a corrente eléctrica). Neste caso imos utilizar como eléctrodos os metais cobre e magnesio. Imos usar unha tubaxe de cobre e un afialapis, cuxo corpo metálico contén magnesio. Como electrólito imos utilizar vinagre. Construír a pila é moi sinxelo; só ten que introducir os eléctrodos no interior do vinagre contido nun vaso e unir un cable a cada un deles.

Debe ter coidado de que a tubaxe de cobre estea ben limpa. Para limpala pode fregala cun papel de lixa.
Como facer que funcione?
Para a facer funcionar só ten que unir os dous cables que saen dos eléctrodos a un aparello que funcione con pilas. O problema é que esta pila proporciona unha intensidade de corrente moi baixa, debido a que ten unha alta resistencia interna; por iso non sempre vai conseguir que funcione. Ten que elixir o dispositivo adecuado: un aparello que requira unha potencia moi pequena. Por exemplo:
-
- Un dispositivo dos que tocan unha canción nos xoguetes para bebés ou dos que levan incorporados algunhas tarxetas de felicitación (musicais).
- Un reloxo a pilas (serve un espertador).
Só ten que unir os cables da pila aos dous polos do portapilas do aparello. Pero non esqueza que hai que buscar cal é a polaridade correcta; se non pode que o aparello non funcione.
NOTA: mentres non se utilice, hai que ter o afialapis fóra do vinagre para evitar que reaccionen. Observará que cando entran en contacto, o magnesio do afialapis reacciona co ácido do vinagre e despréndense numerosas burbullas. Trátase de gas hidróxeno.
Siga a experimentar
Pode intentar facer funcionar outros aparellos con esta pila. Pode que o consiga cun pequeno motor eléctrico. Tamén pode intentar construír outras pilas utilizando outros metais e outros electrólitos. O problema que vai atopar é que a intensidade que obtén é moi baixa e vaille resultar difícil facer funcionar os aparellos. Pero, se ten un polímetro á man (aparello para medir intensidades e diferenzas de potencial eléctricas) poderá detectar a corrente obtida.