Saltar navegación

4.1. Creamos cultura!

Arde a redacción!


Imaxe dun pictograma dunhas persoas traballando en grupo arredor dunha mesaAgora chegou o momento de comezar o boletín.

A vosa zona de traballo converterase nunha redacción.

Tendes que repartir por grupos os distintos roles.

Haberá: redactores e redactoras, entrevistadores e entrevistadoras, fotógrafos e fotógrafas, maquetadores e maquetadoras...

Tende en conta os pasos sinalados anteriormente.

Tamén lembrade os tipos de textos que van no boletín.

Finalmente, seguide as recomendacións do traballo en equipo.

Moito ánimo!

Lectura facilitada

Chegou o momento de comezar o boletín.

A vosa zona de traballo será unha redacción.

Tedes que repartir os roles por grupos.

Haberá redactores e redactoras.

Haberá entrevistadores e entrevistadoras.

Haberá fotógrafos e fotógrafas.

Haberá maquetadores e maquetadoras.

Lembrade os pasos sinalados antes.

Lembrade os tipos de textos do boletín.

Seguide as recomendacións do traballo en equipo.

Moito ánimo!

Téñome que lembrar de...

Chegou o momento. Despois de investigar, ler, escribir, revisar e mellorar os vosos textos, a redacción entra na fase final do proxecto: dar forma ao boletín cultural do centro.

Para que non se vos escape nada, seguide estas instrucións e ide comprobando paso por paso que a vosa entrega está completa e/ou completade as pezas que falten.

Instrucións para preparar o boletín cultural

1. Reunide todos os textos elaborados e/ou rematade de elaboralos

Antes de comezar a montaxe final, xuntade todos os materiais que fostes creando ao longo deste recurso. Revisade que non falte ningunha das seccións que decidistes incluír no voso boletín. Se falta algo, agora é o momento de incluílo.

Comprobade que tedes:

  • A portada.
  • O título do boletín.
  • O editorial ou presentación.
  • As distintas seccións culturais traballadas.
  • Polo menos unha recensión literaria.
  • As recomendacións culturais.
  • Imaxes, ilustracións ou elementos visuais que acompañen os textos

2. Revisade cada sección unha por unha

Realizade e lede con atención todos os textos antes de maquetalos. É importante que cada parte estea ben escrita e cumpra a súa función dentro do boletín.

1. Portada

Comprobade que a portada inclúe:

  • O nome do boletín.
  • Unha imaxe, debuxo ou elemento visual atractivo.
  • Algún dato identificativo, como o nome do centro.
  • O curso ou a data.

2. Editorial ou presentación

Comprobade que este texto:

  • Presenta o boletín.
  • Explica brevemente o seu contido.
  • Dá a benvida ás persoas lectoras.

3. Novas ou textos informativos

Verificade que:

  • Están ben redactados.
  • A información aparece clara e ordenada.
  • Teñen un título axeitado.
  • Responden ao que queredes contar.

4. Recensión literaria

Asegurádevos de que a recensión:

  • Presenta o título e a autora ou autor da obra,
  • inclúe unha referencia á portada ou á contraportada,
  • fai un pequeno resumo sen spoilers,
  • recolle unha valoración persoal argumentada.

5. Recomendación cultural

Revisade que:

  • Queda claro que obra, libro, película, exposición ou actividade se recomenda.
  • Se explica por que paga a pena.
  • Está escrita dun xeito breve, claro e atractivo.

3. Coidade a presentación final

Un boletín non é só un conxunto de textos: tamén importa moito como se presenta.

Antes de entregar, revisade:

  • Que os títulos se distinguen ben.
  • Que as seccións están ordenadas.
  • Que o tamaño da letra permite unha lectura cómoda.
  • Que hai equilibrio entre texto e imaxes.
  • Que a presentación resulta limpa, clara e atractiva.

Intentade que todo o boletín teña unha mesma estética para que pareza unha publicación unitaria e non unha suma de partes soltas.

4. Facede unha última revisión en equipo

Antes da entrega final, dedicade uns minutos a revisar o boletín completo.

Podedes comprobar:

  • Se hai faltas de ortografía ou erros de puntuación.
  • Se algún texto é demasiado longo ou pouco claro.
  • Se todas as seccións teñen sentido dentro do conxunto.
  • Se o resultado final transmite ben a idea dun boletín cultural para o centro.

Este último repaso é importante, porque axuda a detectar detalles que ás veces pasan desapercibidos cando estamos centrados só nunha parte.

Lectura facilitada

Chegou o momento.

Estades na fase final do proxecto.

Na fase final de redacción.

Agora toca dar forma ao boletín cultural.

Xa fixestes moitas cousas distintas.

Investigastes, lestes, escribistes

e agora hai que darlle forma ao boletín.

Seguide as seguintes instrucións.

Así comprobaredes que estea todo ben.

Instrucións para preparar o boletín cultural

1. Acabade os textos e xuntádeos

Xuntade todos os textos antes de montar o boletín.

Se algún está incompleto, acabádeo.

Lembrade as seccións que ten o boletín.

Revisade que non falte ningunha das seccións.

Comprobade que tedes:

  • A portada.
  • O título do boletín.
  • O editorial ou a presentación.
  • As distintas seccións culturais.
  • Unha recensión literaria.
  • As recomendacións culturais.
  • Ilustracións ou elementos visuais para acompañar os textos.

2. Revisade cada sección

Revisade unha por unha todas as seccións.

Lede con atención todos os textos.

É importante que cada parte estea ben escrita.

Ata que non estean todos ben non se poden maquetar.

1. Portada

Comprobade que a portada inclúe:

  • O nome do boletín.
  • Unha imaxe ou un debuxo.
  • O nome do centro.
  • O curso ou a data.

2. Editorial ou presentación

Comprobade que este texto:

  • Presenta o boletín.
  • Explica brevemente o seu contido.
  • Dá a benvida ás persoas lectoras.

3. Novas ou textos informativos

Comprobade que:

  • Están ben redactados.
  • A información aparece clara.
  • A información aparece ordenada.
  • Todas as novas teñen un título.
  • Enténdese o que queredes contar.

4. Recensión literaria

Comprobade que a recensión:

  • Presenta o título da obra.
  • Dá o nome da autora ou do autor da obra.
  • Inclúe unha referencia á portada ou á contraportada.
  • Fai un pequeno resumo.
  • Non fai spoilers.
  • Recolle unha valoración persoal da obra.

5. Recomendación cultural

Comprobade que:

  • Queda claro cal é a obra que se recomenda.
  • Hai unha explicación da importancia da obra.
  • Está escrita dun xeito claro e atractivo.

3. Coidade a presentación final

Nun boletín non só importan os textos.

Nun boletín tamén importa a presentación.

Antes de entregar, revisade:

  • Que os títulos se distinguen ben.
  • Que as seccións están ordenadas.
  • Que a letra se le ben.
  • Que están ben combinadas as imaxes cos textos.
  • Que a presentación resulta clara e atractiva.

Intentade que todo o boletín teña unha mesma estética.

Iso significa que as páxinas se parezan entre elas.

Así verase que é unha publicación ben pensada.

4. Facede unha última revisión en equipo

Antes da entrega final tedes que revisar o boletín.

É importante revisalo enteiro.

Podedes comprobar que:

  • Non hai faltas de ortografía.
  • Non hai textos demasiado longos.
  • As seccións están ben construídas.
  • Vese claro que é un boletín cultural.

Este último repaso é importante.

Este repaso axuda a corrixir pequenos erros.

Imaxe con mostras de boletíns

Escollede a vosa propia aventura..., xornalística!

E como a escollemos?

Pictograma de escollerEn primeiro lugar, tede en conta que o boletín deberá ter cada unha das distintas noticias desta fase: un breve, un artigo de opinión e mais un editorial.

Cal vos apetece máis aprender a redactar?

Escollede o que queirades e, entre todas e todos, coa axuda da vosa profesora ou do voso profesor, organizade o traballo para que no boletín non falte ningunha destas novas.

Lectura facilitada

O boletín deberá ter todas as noticias desta fase.

Terá que haber un breve,

terá que haber un artigo de opinión

e tamén terá que haber un editorial.

Cal che apetece máis aprender a redactar?

Escolle o que queiras.

Entre todas e todos organizade o traballo.

Non pode faltar ningunha destas novas no boletín.

Pedide axuda á vosa profesora ou ao voso profesor cando o necesitedes.

Rúbrica

Na elaboración do voso boletín cultural, tedes que ter en conta distintos aspectos como a calidade dos contidos, a presentación, a organización da información ou a corrección lingüística. A seguinte rúbrica axudaravos a entender que se espera en cada apartado e a orientar o voso traballo. Lembrade que, aínda que non cumprades completamente algún criterio, sempre se valorará o esforzo realizado. Ánimo!

Rúbrica do boletín cultural
 InsuficienteSuficienteBenMoi ben
Portada e identidadeFalta portada ou está incompleta. (0.25)Inclúe portada pero pouco clara ou pouco atractiva. (0.5)Portada correcta con título e datos básicos. (0.75)Portada atractiva, clara e completa (título, imaxe e datos). (1)
Estrutura do boletínFaltan varias seccións importantes. (0.25)Ten algunhas seccións pero incompleto. (0.5)Ten case todas as seccións ben organizadas. (0.75)Inclúe todas as seccións e están moi ben organizadas. (1)
Editorial / presentaciónNon hai ou non se entende. (0.25)Presenta o boletín de forma moi básica. (0.5)Explica o contido de forma clara. (0.75)Presenta o boletín de forma clara, atractiva e coidada. (1)
Textos informativosConfusos ou mal redactados. (0.25)Enténdense pero con erros ou pouca orde. (0.5)Ben redactados e organizados. (0.75)Claros, ben estruturados e interesantes. (1)
Recensión literariaIncompleta ou con erros (spoilers, falta opinión…). (0.25)Cumpre parcialmente os requisitos. (0.5)Inclúe resumo, opinión e datos básicos. (0.75)Completa, clara, sen spoilers e con boa valoración persoal. (1)
Recomendación culturalNon queda claro o que se recomenda. (0.25)Recomendación pouco explicada. (0.5)Clara e correcta. (0.75)Clara, atractiva e ben xustificada. (1)
Presentación e deseñoDesordenado ou difícil de ler. (0.25)Presentación simple ou pouco coidada. (0.5)Ordenado e claro. (0.75)Moi coidado, atractivo e equilibrado (texto/imaxes). (1)
Corrección lingüísticaMoitas faltas que dificultan a lectura. (0.25)Algúns erros. (0.5)Poucos erros. (0.75)Sen erros ou moi ben revisado. (1)
Revisión finalNon revisado. (0.25)Revisión moi básica. (0.5)Revisado correctamente. (0.75)Moi ben revisado e mellorado en equipo. (1)
Organización do equipo de redacciónNon houbo organización nin reparto de tarefas. (0.25)Houbo pouca organización. (0.5)O equipo organizouse e repartiu tarefas. (0.75)Excelente coordinación, colaboración e reparto equilibrado. (1)

Elaboración propia proxecto cREAgal. Rúbrica do boletín cultural (CC BY-NC-SA)

  • Actividade
  • Nome
  • Data
  • Puntuación
  • Notas
  • Reiniciar
  • Imprimir
  • Aplicar
  • Nova xanela

Feito con eXeLearning (Nova xanela)