O IES Monte da Lúa vén de facer un boletín sobre medio ambiente elaborado polo seu alumnado. Nel trátanse diferentes temas de actualidade relacionados co coidado do planeta, con noticias, consellos e propostas interesantes. Bótalle un ollo para ver como está feito e para coller ideas que che poidan servir:
Lectura facilitada
O alumnado do IES Monte da Lúa fixo un boletín.
Nese boletín falan de medio ambiente.
Falan de coidar o planeta.
Tamén hai noticias e consellos interesantes.
Bótalle un ollo ao boletín.
Poderás ver como esta feito
e tamén poderás coller ideas.
Audio
Imos por partes...
Antes de poñernos mans á obra no noso boletín, imos coñecer de maneira práctica de que elementos está formado o boletín medioambiental de Monte da Lúa. Por un lado, coñeceremos as diferentes seccións que o conforman e, polo outro, identificaremos as súas partes principais para comprender para que serve cada unha delas.
Lectura facilitada
Antes de empezar temos que coñecer os elementos dun boletín.
Veremos que elementos ten o boletín medioambiental de Monte da Lúa.
Primeiro coñeceremos as súas seccións.
Despois identificaremos as súas partes
e veremos para que serven.
Audio
Seccións
As seccións dun boletín informativo son as distintas partes nas que se organiza o contido para facilitar a súa lectura e comprensión. Cada sección agrupa información sobre un tema concreto, permitindo que o lector atope rapidamente o que lle interesa.
Imos ver que seccións aparecen no boletín do IES Monte da Lúa:
Portada
É a primeira páxina e serve para presentar o boletín,
destacando os contidos máis importantes
e chamando a atención do lector.
Adoita conter imaxes grandes.
Noticias locais
Nesta sección recóllese información sobre actividades,
proxectos ou iniciativas medioambientais
que se desenvolven no centro
ou na contorna máis próxima.
Noticias nacionais e internacionais
Nesta sección aparece información
que permite coñecer problemas, avances e curiosidades
relacionadas co medio ambiente
noutras partes do estado e do mundo.
Entrevista
Nesta sección inclúense conversas
con persoas expertas ou implicadas no ámbito ambiental.
Ofrece diferentes puntos de vista
e experiencias sobre temas de actualidade.
Consellos e recomendacións
Nesta sección de consellos e recomendacións
atopamos propostas prácticas e sinxelas
que o alumnado pode aplicar no seu día a día
para coidar o medio ambiente e ter unha implicación activa.
Lectura facilitada
As partes dun boletín chámanse seccións.
Estas seccións organizan o contido.
Serven para facilitar a lectura
e axudan a comprender mellor a información.
Tamén serven para atopar a información rapidamente.
Agora verás as seccións do boletín do IES Monte da Lúa.
Portada
É a primeira páxina.
Serve para destacar os contidos máis importantes.
Chama a atención das lectoras e dos lectores.
Adoita conter imaxes grandes.
Noticias locais
Nesta sección difúndese actividades,
que se desenvolven no centro.
Ás veces tamén na contorna do centro.
Estas actividades poden ser proxectos
ou iniciativas medioambientais.
Noticias nacionais e internacionais
Nesta sección aparece información
doutras partes do estado e do mundo.
Entrevista
Nesta sección inclúense conversas
Conversas con persoas implicadas no medio ambiente.