O reto: creamos o noso boletín cultural
Despois de coñecer o que fixeron na redacción do IES Monte da Lúa… agora tócavos a vós.
No noso centro, a dirección detectou unha realidade: ao longo do curso realízanse numerosas actividades culturais, deportivas e educativas que non sempre chegan a toda a comunidade.
Moitas iniciativas pasan desapercibidas, outras non quedan recollidas na memoria colectiva do centro e, ademais, as propostas culturais da contorna non sempre son coñecidas polo alumnado e mais as familias.
Ante esta situación, animádesvos a crear unha redacción para mellorar a difusión cultural do noso centro e da nosa contorna?
Imaxinade que a vosa aula se converte nunha auténtica redacción xornalística.
Haberá reunións, reparto de tarefas, entrevistas, investigación e moitas ideas enriba da mesa.
O voso obxectivo será claro: crear un boletín informativo cultural para toda a comunidade educativa.
Non será un traballo “de mentira”. Será un produto real, pensado para que outras persoas o lean e se informen grazas ao voso esforzo.
Lectura facilitada
Xa coñecemos o que fixeron na redacción do IES Monte da Lúa.
Agora tócavos traballar a vós.
No noso centro hai moitas actividades culturais.
Pero non todo o mundo sabe delas.
A dirección deuse conta deste problema.
Hai actividades que pasan desapercibidas.
A xente non se dá conta delas.
Doutras non se gardan fotografías nin textos.
Na contorna tamén hai actividades,
pero ás veces nin as familias nin o alumnado as coñecen.
Gustaríavos mellorar esta situación?
Queredes mellorar a difusión cultural do noso centro?
Imaxinade que a vosa aula se converte nunha redacción xornalística.
Nesta redacción haberá reunións,
faranse entrevistas,
investigarase
e tamén xurdirán moitas ideas.
O voso obxectivo será crear un boletín informativo.
Este boletín informativo recollerá noticias culturais.
E esas noticias serán para toda a comunidade educativa.
Non será un traballo “de mentira”.
Será un produto real.
Outras persoas lerano e informaranse grazas a vós.
Audio
Que teño que facer?
Durante estas semanas converterédesvos en xornalistas culturais e encargarédesvos de:
- Informar sobre as actividades culturais realizadas no centro ao longo do curso.
- Contar un dos sucesos máis importantes acontecidos no instituto.
- Difundir propostas culturais da contorna: teatro, concertos, actividades deportivas ou eventos sociais.
- Realizar entrevistas a persoas interesantes da zona (deportistas, artistas, escritoras e escritores ou profesionais diversos).
- Redactar noticias e crónicas sobre a vida escolar.
- Crear unha sección de novidades (libros, música, cine, teatro…).
- Preparar recomendacións culturais para a fin de semana, pensadas para familias e para a mocidade.
Traballaredes en equipo, repartiredes roles (redactoras e redactores, entrevistadoras e entrevistadores, fotógrafas e fotógrafos, maquetadoras e maquetadores…) e aprenderedes a organizar unha publicación real.
Lectura facilitada
Durante estas semanas seredes xornalistas culturais.
Teredes varias tarefas:
- Informaredes sobre as actividades culturais.
- Contaredes os sucesos máis importantes do instituto.
- Difundiredes as propostas culturais da contorna.
- Falaredes de teatro e de concertos.
- Tamén falaredes de actividades deportivas.
- Faredes entrevistas a persoas interesantes.
- Redactaredes noticias sobre a vida escolar.
- Crear unha sección de novidades (libros, música, cine, teatro…).
- Preparar recomendacións culturais para a fin de semana, pensadas para familias e para a mocidade.
Traballaredes en equipo.
Para iso teredes que repartir os traballos.
Cada persoa fará unha función distinta.
E aprenderedes a organizar unha publicación real.
Audio
Que conseguirei?
Con este reto non só elaboraredes un boletín, tamén:
- Melloraredes a vosa expresión escrita en galego.
- Aprenderedes a buscar e contrastar información.
- Desenvolveredes o traballo cooperativo.
- Gañaredes autonomía e responsabilidade.
- Sentirédesvos parte activa da vida do centro.
- Veredes como o voso traballo pode ter un impacto real na comunidade.
Lectura facilitada
Con este reto conseguiredes varias cousas:
- Expresarédesvos mellor en galego.
- Aprenderedes a buscar información.
- Traballaredes en equipo.
- Gañaredes autonomía.
- Seredes máis responsables.
- Sentirédesvos parte activa da vida do centro.
- Faredes un traballo moi importante para toda a comunidade.
Audio
Por que é importante?
O boletín converterase nunha ferramenta para dar visibilidade á cultura do centro e da contorna. Grazas ao voso traballo, máis persoas coñecerán o que acontece ao seu redor e poderán participar activamente.
Non se trata só de escribir: trátase de informar con responsabilidade, seleccionar con criterio e comunicar con claridade.
Se no IES Monte da Lúa foron quen de crear a súa propia redacción…
Atrevédesvos vós a poñer en marcha a vosa e facer que a cultura do voso centro teña voz propia?
Lectura facilitada
O boletín daralle visibilidade á cultura.
Á cultura do centro e á cultura da contorna.
Grazas ao voso traballo
moitas persoas coñecerán o que pasa ao seu redor.
Pero non só teredes que escribir.
Tamén teredes que informar con responsabilidade.
Teredes que seleccionar a información
e comunicala con claridade.
Noutros centros educativos crearon a súa propia redacción.
Atrevédesvos a poñer en marcha a vosa?
Así o voso centro terá voz propia!