Saltar navegación

2.2. Desmontando entrevistas

 

Glosario

Comunidade educativa

Pictograma que representa a comunidade educativa dun centro escolar

Definición:

A comunidade educativa é o conxunto de persoas que forman parte dun centro educativo, e que participan nos procesos de ensino e de aprendizaxe (alumnado, profesorado, familias, persoal do centro...).

Exemplo:

Este centro ten unha comunidade educativa moi implicada na mellora do ensino público.

Conversar

Pictograma que representa unha moza a falar por teléfono

Definición:

Conversar é intercambiar ideas, opinións ou información con outra persoa coa que se ten máis ou menos confianza, ás veces sen outra intención ca a de pasar o tempo.

Exemplo:

Onte conversei coa miña veciña sobre o prezo abusivo dos alugueiros.

Dialogar

Pictograma que representa dous rapaces e dúas rapazas sentados e sentadas dialogando.

Definición:

Dialogar é tamén conversar, pero a miúdo co matiz de intercambiar ideas desde o respecto e coa finalidade de chegar a un acordo.

Exemplo:

As alumnas e os alumnos dialogaron con calma para encontrar unha solución que convencese a toda a clase.

Entrevistador ou entrevistadora

Pictograma que representa un rapaz preguntándolle algo a unha rapaza

Definición:

Un entrevistador ou unha entrevistadora é unha persoa que fai preguntas a outra para obter información ou opinións.

Exemplo:

O entrevistador preparou moi ben as preguntas antes de conversar coa directora de cinema.

Entrevistar é só preguntar?

Pictograma que representa unha muller respondendo as preguntas dunha entrevista na televisiónUn dos traballos xornalísticos máis interesantes que hai é o de facer entrevistas.

Converterse en entrevistador ou entrevistadora é fascinante porque permite coñecer moitas persoas que na nosa vida diaria non poderiamos coñecer.

Un xornalista ou unha xornalista, grazas ao seu traballo, pode falar en pouco tempo, por exemplo, cun cociñeiro, cunha médica, cunha política ou co propietario dun comercio da cidade.

Gustaríavos ser entrevistadoras e entrevistadores?

Lectura facilitada

As entrevistas son un traballo xornalístico.

Son un traballo xornalístico moi interesante.

Facer entrevistas permite coñecer moitas persoas.

Persoas que na nosa vida diaria non poderiamos coñecer.

Un xornalista ou unha xornalista coñece moitas persoas.

Grazas ao seu traballo pode falar con persoas distintas.

Pode falar con cociñeiros ou con médicas,

con políticas ou con comerciantes.

Gustaríavos ser entrevistadoras e entrevistadores?

Explorando entrevistas

Liches algunha vez unha entrevista?

Unha entrevista é unha conversa que ten como finalidade coñecer mellor a persoa entrevistada. Ás veces quérese descubrir algo da súa vida; outras, coñecer unha obra que acaba de facer pública (un disco, un libro, unha película...), pero sempre se fai porque a entrevistadora ou o entrevistador consideran que é interesante o que a persoa entrevistada vaia contar.

Cómpre ter en conta que cando se fai unha entrevista non só se solicita información, senón que tamén se dá información a través das preguntas. Ademais, se a entrevista quere afondar máis no traballo ou na personalidade da entrevistada ou do entrevistado, tamén é habitual que o entrevistador dea a súa opinión a través das preguntas, porque ao fin e ao cabo é unha conversa.

Para entendelo mellor, reparade nestes exemplos de preguntas e respostas tiradas dunhas entrevistas que a xornalista Montse Dopico fixo a tres mulleres distintas. As tres entrevistas están publicadas no xornal Praza.gal (Accede a web, abre en nova xanela).

Lectura facilitada

Liches algunha vez unha entrevista?

Unha entrevista é unha conversa.

Esa conversa ten un obxectivo.

O obxectivo é coñecer mellor a persoa coa que se falou.

Ás veces serve para coñecer a súa vida.

Outras veces serve para coñecer algún traballo seu.

Ese traballo pode ser un disco ou un libro, por exemplo.

Nunha entrevista non só se pide información.

Cando se fan preguntas, tamén se dá información.

Ademais, a persoa entrevistada tamén dá a súa opinión nas respostas.

É como unha conversa.

Non seguintes exemplos entenderédelo mellor.

Son exemplos de preguntas e respostas de entrevistas.

As entrevistas fíxoas unha xornalista que se chama Montse Dopico.

As tres entrevistas están publicadas no xornal Praza.gal (Accede a web, abre en nova xanela).

Entrevista a Illa Bufarda

Captura de pantalla da entrevista a Illa Bufarda

Nesta entrevista ás tres mulleres que desenvolven o proxecto da produtora audiovisual Illa Bufarda encontramos unha entrevista cunha pregunta que se limita a dar unha información:

Fixestes crowdfunding para financiar o documental. Como foi?

Adriana: Si, fixemos unha campaña de crowdfunding que funcionou moi ben, houbo 276 cofinanciadores/as e isto permitiunos comezar coa rodaxe.

Preme aquí para accederes á entrevista completa (nova xanela).

Entrevista a Comba Campoi (pregunta para dar info útil)

Fotografía de Comba Campoi

Nesta entrevista a Comba Campoi, estudosa galega do teatro de monicreques, atopamos unha pregunta complementaria pensada para que a entrevistadora ofreza unha información útil ás lectoras e aos lectores:

E como hai que facer coas entradas?

Son gratis pero hai que reservar a través da páxina web do concello de Rianxo ou chamando ao teléfono 981100888. 

Preme aquí para accederes á entrevista completa (nova xanela).

Entrevista a Su Garrido (pregunta con opinión)

Captura de pantalla da entrevista a Su Garrido

Na entrevista que Montse Dopico lle fai á cantante viguesa Su Garrido, veremos unha pregunta na que a entrevistadora dá a súa opinión coa finalidade de que as lectoras e os lectores comprendan mellor o traballo artístico da entrevistada:

Nese disco está "Camiñan descalzas polas rochas", con letra de Ana Romaní. Tes bastantes cancións que falan de mulleres dun xeito bastante reivindicativo. "As flores silvestres", por exemplo, fala de mulleres obreiras. 

A miña avoa traballa no campo, as miñas veciñas na fábrica, a miña nai no Corte Inglés… Falar diso non é algo consciente, senón falar do que coñeces, do que tes na túa contorna. Do que che resulta máis próximo. [...] Despois souben que, despois dunha folga, a aquelas mulleres prohibíranlles cantar. Na aldea cántase cando se traballa, cantar é parte da vida. E pareceume terrible que lles prohibisen cantar. Por iso esa canción é para elas!

Preme aquí para accederes á entrevista completa (nova xanela).

Lectura facilitada

Entrevista a Illa Bufarda

Nesta entrevista fálase con tres mulleres.

Son tres mulleres que teñen un proxecto cultural.

Ese proxecto é unha produtora audiovisual chamada Illa Bufarda.

Vemos unha pregunta que só dá información:

Fixestes crowdfunding para financiar o documental. Como foi?

Adriana: Si, fixemos unha campaña de crowdfunding que funcionou moi ben, houbo 276 cofinanciadores/as e isto permitiunos comezar coa rodaxe.

Entrevista a Comba Campoi (pregunta para dar info útil)

Nesta entrevista fálase con Comba Campoi.

Comba Campoi é galega.

Comba Campoi estuda o teatro de monicreques.

Na pregunta dáse unha información útil para as lectoras e os lectores:

E como hai que facer coas entradas?

Son gratis pero hai que reservar a través da páxina web do concello de Rianxo ou chamando ao teléfono 981100888. 

Entrevista a Su Garrido (pregunta con opinión)

Nesta entrevista fálase coa cantante Su Garrido.

Su Garrido é de Vigo.

A entrevistadora fai unha pregunta e dá a súa opinión.

Fai as dúas cousas ao mesmo tempo.

Pregunta e dá a opinión á vez.

Faino para que as lectoras e os lectores

comprendan mellor o traballo artístico da entrevistada:

Nese disco está "Camiñan descalzas polas rochas", con letra de Ana Romaní. Tes bastantes cancións que falan de mulleres dun xeito bastante reivindicativo. "As flores silvestres", por exemplo, fala de mulleres obreiras. 

A miña avoa traballa no campo, as miñas veciñas na fábrica, a miña nai no Corte Inglés… Falar diso non é algo consciente, senón falar do que coñeces, do que tes na túa contorna. Do que che resulta máis próximo. [...] Despois souben que, despois dunha folga, a aquelas mulleres prohibíranlles cantar. Na aldea cántase cando se traballa, cantar é parte da vida. E pareceume terrible que lles prohibisen cantar. Por iso esa canción é para elas!

A quen entrevistades?

Duración: 1/2 sesión  Agrupamento: pequenos grupos

Vós lembrades como aprendestes a xogar?

Seguro que non o lembrades, porque o ser humano non aprende a xogar, senón que aprende xogando!

De todos os xeitos, o que si que sabedes é que a mellor maneira de aprender calquera xogo ou calquera deporte é practicar e xogar unha vez temos claras unhas regras básicas.

Así aprendemos tamén a conversar ao longo da nosa vida, aínda que, como xa vistes, dialogar é algo un pouco distinto, porque é moi importante aprender a intercambiar ideas con calma, igual que tamén hai que aprender a escoitar con calma as opinións da outra persoa.

Lectura facilitada

Vós lembrades como aprendestes a xogar?

Seguro que non o lembrades.

Sabedes por que non o lembrades?

Porque o ser humano non aprende a xogar.

O ser humano aprende xogando.

Seguro que sabedes que practicar é a mellor maneira de aprender.

Primeiro temos que ter claras unhas regras básicas.

E despois xa podemos xogar.

Desta maneira aprendemos tamén a conversar.

Imos aprendendo ao longo da nosa vida.

Conversar é dialogar non é o mesmo.

Dialogar é intercambiar ideas con calma.

É moi importante saber dialogar.

E tamén é moi importante aprender a escoitar.

Aprender a escoitar con calma as ideas das outras persoas.

Entón, que facemos?

Agora que xa sabedes que podemos conversar para entreternos, tedes que saber tamén que podemos conversar e dialogar para aprender máis da experiencia doutra persoa.

Iso é, xustamente, unha entrevista, un diálogo con alguén mediante o que aprendemos grazas a esa persoa, mesmo se as súas ideas non coinciden exactamente coas nosas.

O que ides facer agora é unha entrevista a alguén da vosa comunidade educativa. Pode ser alguén do equipo directivo, unha profesora, un alumno ou alguén do PAS (persoal de administración e servizos), coma unha conserxe ou alguén do persoal de limpeza.

Estas persoas, as que traballan nos centros educativos facendo tarefas distintas á docencia son moi importantes, non só porque poñen a funcionar o centro todos os días e o arranxan para que esteamos a gusto nel, senón porque teñen moita máis información sobre as instalacións e sobre a vida do centro da que poidades imaxinar! Son verdadeiras bibliotecas vivas!

Lectura facilitada

Agora xa sabedes que podemos conversar para entreternos.

Conversar e dialogar permítenos aprender máis das outras persoas.

Podemos aprender da súa experiencia.

Unha entrevista é un diálogo.

É un diálogo mediante o que aprendemos.

Aprendemos grazas á outra persoa,

e aprendemos aínda que as súas ideas e as nosas non coincidan.

Agora entrevistaredes alguén da vosa comunidade educativa.

Pode ser alguén do equipo directivo

ou pode ser unha profesora.

Tamén pode ser un alumno,

unha conserxe ou alguén do persoal de limpeza.

Hai persoas que traballan nos centros educativos, pero non dan clase.

Esas persoas fan tarefas moi importantes

porque poñen o centro a funcionar.

Tamén o arranxan para que esteamos a gusto nel.

Ademais, teñen moita información de todo o que pasa no centro!

Son verdadeiras bibliotecas vivas!

Traballo por grupos

Organizade o traballo por grupos. Cada grupo non debería ter máis de catro persoas. O traballo é colectivo, pero é importante que cada persoa do grupo teña un papel determinado, de xeito que se poidan levar adiante todas as tarefas.

Cada grupo pode entrevistar unha persoa distinta. Despois, segundo a extensión que teña o voso boletín, poderedes decidir que entrevistas aparecen transcritas e cales poden aparecer a través dun código QR que leve ao arquivo de audio da entrevista.

Estas son as tarefas principais que hai que levar a cabo:

  1. Preparación das preguntas.
  2. Transcrición das preguntas.
  3. Preparación do material da entrevista.
  4. Realización da entrevista.
  5. Escoita e revisión da entrevista.
  6. Transcrición da entrevista.
  7. Revisión da transcrición.

É moito para un só, verdade? Por iso ides facer grupos, para que, coma as formigas ou as abellas, cada persoa teña unha función e a suma de todas dea un traballo perfecto!

Lectura facilitada

Organizade o traballo por grupos.

Cada grupo non debería ter máis de catro persoas.

O traballo é colectivo,

pero cada persoa ten que ter unha función.

Cada grupo pode entrevistar unha persoa distinta.

Despois poderedes decidir as entrevistas que se transcribirán.

Transcribir significa poñelas por escrito.

Outras entrevistas poderanse divulgar cun arquivo de audio.

Ese arquivo de audio pódese compartir mediante un código QR.

As tarefas principais son as seguintes.

  1. Preparación das preguntas.
  2. Transcrición das preguntas.
  3. Preparación do material da entrevista.
  4. Realización da entrevista.
  5. Escoita e revisión da entrevista.
  6. Transcrición da entrevista.
  7. Revisión da transcrición.

É moito para un só, verdade?

Por iso ides facer grupos.

Así poderedes traballar coma as formigas ou as abellas.

Cada persoa terá unha función.

A suma de todas as tarefas dará un traballo perfecto!

Material

Tede en conta o material que precisaredes para unha boa entrevista:

  1. Un caderno para preparardes as preguntas.
  2. Un dispositivo para gravar a entrevista (pode ser só a voz ou tamén a imaxe).
  3. Un ordenador para transcribir a entrevista.

Ademais destes materiais básicos, é importante que vos documentedes antes de facer a entrevista, xa que un bo proceso de documentación fai que mellore moito a conversa.

Lectura facilitada

Precisaredes o seguinte material.

  1. Un caderno para preparar as preguntas.
  2. Unha gravadora.
  3. Un ordenador para transcribir a entrevista.

Lembrade que se pode gravar só o son

ou tamén a imaxe.

Tamén é importante preparar a entrevista.

Unha boa preparación fai que mellore moito a conversa.

Como o faredes?

Para conseguirdes unha boa entrevista, é moi importante que sigades estes pasos:

  • Antes de facer a entrevista:
    • Escollede moi ben a persoa á que queredes entrevistar. Pensade varias opcións e quedade coa que creades que vos pode dar máis xogo para conseguir a información que buscades.
    • Unha vez a teñades, pensade en todas as preguntas que vos gustaría facerlle.
    • Cando saibades as preguntas, relédeas e eliminade as que estean repetidas ou as que non sexan tan importantes.
    • Redactade as preguntas tal como as queirades facer, aínda que despois as modifiquedes durante a entrevista.
  • Na preparación da entrevista:
    • Transcribide as preguntas a ordenador e imprimídeas. É importante que as poidades ler ben e que entendades todo o que pon.
    • Imprimide un par de copias para que haxa polo menos dúas persoas que as poidan ler mentres se fai a entrevista.
  • Durante a entrevista:
    • Escollede un espazo tranquilo no que a persoa entrevistada estea cómoda e tamén o esteades vós. Ten que ser un espazo silencioso, sen tránsito de persoas que poidan interromper a conversa nin distraervos.
    • Facede as preguntas devagar, pronunciando ben, de xeito que a persoa entrevistada as poida entender á primeira.
    • Se unha resposta non vos convence ou queredes máis información, podedes facer unha nova pregunta, aínda que non sexa das que levades preparadas.
    • Non abusedes do tempo nin da confianza da persoa entrevistada. Se vedes que hai algo do que non lle apetece falar, non insistades!
    • Dade sempre as grazas ao final! Nun centro educativo as persoas teñen moito traballo, e sempre hai que agradecer o tempo que nos concedan para facer unha nova actividade.
  • Despois da entrevista:
    • Escoitádea enteira antes de empezar a transcribila. Seguro que non durará moito tempo, pero pensade que uns dez minutos de gravación poden supoñer case unha hora de transcrición!
    • Empezade a transcribila. Tede en conta que non hai que escribir o mesmo que aparece na gravación: eliminade as palabras comodín e as repeticións.
    • Refacede todas aquelas frases que se poidan redactar mellor. Unha entrevista non é escribir exactamente o mesmo que dixo a persoa entrevistada, senón escribir para que se poida ler comodamente e entender ben o que aquela persoa quixo dicir.
  • Despois da transcrición
    • Relede o que transcribistes e revisade o texto.
    • Corrixide os erros ortográficos ou gramaticais que poida haber.
    • Se hai algo redundante ou repetitivo que xa se dixese antes, eliminádeo ou unide dúas preguntas que poidan ser complementarias.

Lectura facilitada

Os seguintes pasos son moi importantes para conseguir unha boa entrevista.

  • Antes de facer a entrevista:
    • Escollede moi ben a persoa.
    • Pensade en varias persoas.
    • Pensade nas preguntas que lle faredes a esa persoa.
    • Redactade as preguntas.
    • Relédeas e eliminade as repetidas.
    • Tamén podedes quitar as que non sexan tan importantes.
  • Durante a preparación da entrevista:
    • Transcribide as preguntas a ordenador.
    • Imprimide as preguntas para que se lean ben.
    • Imprimide máis dunha copia.
  • Durante a entrevista:
    • Escollede un espazo tranquilo.
    • A persoa entrevistada ten que estar cómoda.
    • Vós tamén tedes que sentirvos a gusto.
    • Ten que ser un lugar sen ruído.
    • Facede as preguntas devagar.
    • Podedes facer algunha pregunta que non estea preparada.
    • Respectade se a persoa entrevistada non quere responder algunha pregunta.
    • Dade sempre as grazas ao final.
  • Despois da entrevista:
    • Escoitádea enteira antes de transcribila.
    • Non hai que escribir toda a gravación.
    • Podedes eliminar os comodíns.
    • Tamén podedes eliminar as repeticións.
    • Refacede as frases que se poidan redactar mellor.
  • Despois da transcrición:
    • Revisade o texto.
    • Corrixide os erros ortográficos.
    • Eliminade as repeticións.
    • Tamén se poden xuntar respostas que falen sobre o mesmo.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)