Saltar navegación

2.3. Facemos unha recensión

Como recomendamos un libro?

A redacción do IES Monte da Lúa quere recomendarlle ao alumnado a lectura do libro O que sei do silencio de Andrea Maceiras, que lles encantou. Para facelo, terán que elaborar unha recensión do libro, pero... que era iso dunha recensión?

Alumnado lendo o libro O que sei do silencio

Lectura facilitada

A redacción do IES Monte da Lúa fará unha recomendación.

Vai recomendar o libro titulado O que sei do silencio.

Este libro é dunha escritora que se chama Andrea Maceiras.

Ao alumnado gustoulle moito este libro.

O alumnado vai facer unha recensión do libro.

Sabedes o que é unha recensión?

Unha recensión é unha pequena xanela aberta a un libro. Non conta toda a historia, pero deixa ver o suficiente para espertar a curiosidade.

É un texto breve no que presentamos unha obra, damos unhas pinceladas do seu contido e, sobre todo, compartimos a nosa mirada como lectores: que sentimos, que pensamos, por que paga a pena (ou non) lela.

Unha boa recensión non revela segredos importantes (sen spoilers!), pero si convida a entrar na historia.

Lectura facilitada

Unha recensión é unha recomendación do libro.

Nunha recensión non se conta toda a historia.

Cóntase só un pouco para que dea gana de ler o libro.

A recensión é un texto breve

no que presentamos unha obra.

Tamén se fala un pouco do contido.

E tamén se comparte a nosa opinión sobre o libro.

Unha boa recensión non revela segredos do libro!

As partes dunha recensión

Toda recensión literaria adoita ter estes elementos:

Presentación do libro

  • Título.
  • Autor ou autora.
  • Unha pequena introdución.

Primeiras impresións (portada e contraportada)

  • Que nos suxire a portada?
  • Que nos conta a contraportada?

Resumo breve

De que trata a historia, sen desvelar momentos clave.

Opinión persoal

A nosa experiencia como lectores e lectoras: emocións, valoracións ou recomendacións.

Lectura facilitada

As recensións adoitan ter estes elementos:

Presentación do libro

  • Título.
  • Autor ou autora.
  • Unha pequena introdución.

Primeiras impresións (portada e contraportada)

  • Que nos suxire a portada?
  • Que nos conta a contraportada?

Resumo breve

No resumo cóntase de que trata a historia.

Pero nunca se desvelan momentos clave.

Opinión persoal

Na opinión persoal fálase da nosa experiencia.

A nosa experiencia como lectores e lectoras é importante.

Pódese falar de emocións.

Tamén se pode facer unha valoración do libro.

E mesmo se poden recomendar lecturas.

Como a elaboramos?

Para escribir unha boa recensión, sigue estes pasos:

Como facer unha recensión?

1. Achégate ao libro

Observa a portada, le a contraportada e mergúllate na lectura.

2. Toma notas

Que che chamou a atención? Que destacarías?

3. Organiza as ideas

Comeza presentando o libro, continúa co resumo e remata coa túa opinión.

4. Escribe con coidado

Emprega unha linguaxe clara, pero tamén persoal e expresiva.

5. Revisa o texto

Asegúrate de que:

  • Non hai spoilers.
  • Está ben estruturado.
  • Resulta interesante para quen o lea.

Lectura facilitada

Sigue estes pasos para escribir unha boa recensión:

Como facer unha recensión?

1. Achégate ao libro

Observa a portada.

Le a contraportada.

Mergúllate na lectura.

2. Toma notas

Que che chamou a atención no libro?

Que destacarías do libro?

3. Organiza as ideas

Comeza presentando o libro.

Continúa co resumo.

Remata dando a túa opinión.

4. Escribe con coidado

Emprega unha linguaxe clara.

Tamén pode ser unha linguaxe persoal,

coma se falases á túa maneira.

5. Revisa o texto

Asegúrate de que:

  • Non hai spoilers.
  • Está ben estruturado.
  • Resulta interesante.

Unha mostra de recensión

Portada do libro O que sei do silencio

Hai historias que non falan só do que pasa…, senón do que calamos. Iso é o que nos propón O que sei do silencio, de Andrea Maceiras.

Desde a primeira frase, o libro xa impacta: a protagonista, Delia, recoñece que foi parte dun caso de acoso no seu instituto. Non como agresora directa, senón como alguén que viu o que pasaba…, e non fixo nada. A través dun blog, decide contar o sucedido e enfrontarse ao seu propio silencio.

A novela sitúanos nun instituto onde unha alumna nova, Silke, comeza a sufrir acoso por parte dun grupo de compañeiras. A historia non só mostra o que ocorre, senón tamén como ese comportamento se estende e como outras persoas, por medo ou por querer encaixar, acaban formando parte do problema .

O máis interesante do libro é precisamente o punto de vista: non o da vítima nin o da acosadora principal, senón o dunha testemuña que se sente culpable. Iso fai que a historia sexa moi real e incómoda, porque obriga a pensar: que fariamos nós nunha situación así?

Persoalmente, pareceume unha lectura moi dura, pero necesaria. Non é un libro para “pasar o tempo”, senón para reflexionar sobre o que significa calar e sobre as consecuencias que pode ter non actuar. Ademais, a forma de contar a historia, a través dun blog e distintas voces, faina moi actual e fácil de ler.

Recomendaría este libro a todo o alumnado, especialmente porque trata un tema moi próximo como o acoso escolar e fai que nos cuestionemos o noso papel como espectadores. Un libro que non deixa indiferente.

Lectura facilitada

Hai historias que non falan só do que pasa.

Son historias que falan tamén do que non dicimos.

Iso é o que fai a novela O que sei do silencio.

Esta novela é da escritora Andrea Maceiras.

O libro impacta desde a primeira frase.

A protagonista chámase Delia.

Delia foi testemuña dun caso de acoso.

Unha testemuña é unha persoa que ve o que pasa.

Delia decide contar o que pasou nun blog.

Decide non quedar en silencio.

A novela sitúanos nun instituto.

Nese instituto hai unha alumna nova chamada Silke.

Esta alumna nova comeza a sufrir acoso.

Acósana unhas compañeiras.

A historia mostra o que ocorre.

Tamén explica que moitas persoas acaban acosando a vítima.

Acaban formando parte do problema.

O máis interesante do libro é o punto de vista.

Non fala a vítima nin a acosadora.

Quen fala é unha testemuña que se sente culpable.

Iso fai que a historia sexa moi real.

Tamén é unha historia incómoda.

Unha historia que nos obriga a pensar.

Que fariamos nós nunha situación así?

Persoalmente, pareceume unha lectura moi dura.

Paréceme tamén unha lectura necesaria.

Non é un libro para “pasar o tempo”,

é un libro para reflexionar.

O libro fai reflexionar sobre as consecuencias que pode ter non dicir nada.

Ademais, a historia é actual e tamén é fácil de ler.

Eu recomendaría este libro a todo o alumnado.

Trata un tema moi próximo.

Fai que nos cuestionemos o noso papel como espectadores.

É un libro que non deixa indiferente.

Canto lembras da recensión?

Agora imos ver como andas de memoria. Tes memoria de peixe ou de elefante? Le o parágrafo seguinte e escribe as palabras que faltan.

Toda recensión literaria adoita ter estes elementos:

1. Presentación do

Contén o , o autor ou a autora e mais unha pequena .

2. Primeiras impresións

Que nos suxire a portada?

Que nos suxire a ?

3. breve

De que trata a historia, sen desvelar momentos clave.

4. persoal

Transmite a nosa experiencia como lectores e lectoras: emocións, valoracións ou recomendacións.

Activar JavaScript

Para lermos máis

Cabeceira plataforma E-LBE.2
Xunta de Galicia. Captura de pantalla Cabeceira plataforma E-LBE.2 (Captura empregada baixo dereito de cita)

Como xa viches, no IES Monte da Lúa leron a obra O que sei do silencio. É unha obra que se encontra en formato papel, coma a meirande parte dos libros, pero que tamén se pode ler en formato dixital.

Se o teu centro está adherido ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares da Xunta de Galicia, todo o alumnado tedes a posibilidade de acceder e empregar a plataforma dixital E-LBE.2, e nela encontrarás O que sei do silencio formato dixital, para lelo nalgún dispositivo electrónico.

Se despois da recensión do alumnado do IES Monte da Lúa che apetece ler o libro de Andrea Maceiras, podes entrar en E-LBE.2 e pedilo en préstamo.

Ademais de atopar O que sei do silencio xunto con outros libros de Andrea Maceiras, en E-LBE.2 tamén hai moitísimos outros libros de narrativa, teatro e poesía en galego que che poden interesar, xunto con moitísimas obras de consulta.

E-LBE.2 é unha ferramenta que pode ser moi útil para o Tempo de lectura e para descubrir novas lecturas coma se estiveses nunha libraría, pero sen saíres da clase ou da casa.

E, ademais de E-LBE.2, tamén dispoñemos da plataforma Galiciale da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, na que se poden atopar múltiples recursos de lectura dixital. 

Cabeceira da plataforma GaliciaLe
GaliciaLe. Captura de pantalla cabeceira da plataforma Galiciale (Captura empregada baixo dereito de cita)

Lectura facilitada

No IES Monte da Lúa leron a obra O que sei do silencio.

Esta obra está en papel, coma a maioría dos libros.

Tamén se pode ler en formato dixital.

Se o teu centro está no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares da Xunta de Galicia, podes usar a plataforma E-LBE.2.

Alí atoparás O que sei do silencio en formato dixital.

Podes lelo nun dispositivo electrónico.

Se che gustou a recensión do alumnado, podes pedir o libro de Andrea Maceiras en préstamo en E-LBE.2.

En E-LBE.2 tamén hai outros libros de Andrea Maceiras.

Hai moitos libros de narrativa, teatro e poesía en galego.

Tamén hai obras de consulta.

E-LBE.2 é útil para o Tempo de lectura.

Axuda a descubrir novas lecturas coma nunha libraría, pero sen saír da clase ou da casa.

Ademais de E-LBE.2, temos a plataforma Galiciale.

Galiciale é da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

Alí podes atopar múltiples recursos de lectura dixital.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)