Castelos e fortalezas
De seguro que algunha vez, indo de viaxe, viches ao lonxe a figura dun castelo ou, se cadra, vives nunha vila cun castelo ou fortaleza. Estas construcións eran elementos moi importantes na defensa do territorio, xa que eran os lugares nos que refuxiarse e sobrevivir a asedios en tempos de guerra. A parte máis recoñecible dos castelos son as torres e as ameas, pero os castelos evolucionaron moito dende a Alta Idade Media ata os exemplos baixomedievais, que son os que se conservan.
En orixe os castelos eran construcións de madeira construídas sobre un terreo elevado, chamado mota, cunha cerca ao redor e, nos casos máis importantes, rodeadas dun foso. Co tempo, a pedra foi substituíndo á madeira e os muros fixéronse máis altos, colocáronse ameas e construíronse torreóns e grandes estruturas defensivas, coma pontes levadizas, barbacás etc. A estrutura máis alta era a torre da homenaxe, que era o último lugar no que refuxiarse en caso de ataque inimigo.
Observa como evolucionou a construción de castelos na Idade Media:
Lectura facilitada
Os castelos eran moi importantes na Idade Media porque:
- Servían para defender o territorio.
- A xente refuxiábase neles durante as guerras.
Os primeiros castelos eran sinxelos:
- Estaban feitos de madeira.
- Construíanse en lugares altos.
- Tiñan unha cerca ao redor.
- Algúns tiñan un foso.
Os castelos melloraron co tempo:
- Comezaron a construírse con pedra.
- Fixeron muros máis altos.
- Engadiron ameas e torres.
- Puxeron pontes levadizas.
- A torre máis importante era a torre da homenaxe.
