A escultura gótica
No campo da escultura, o gótico destaca por incidir nun maior naturalismo e na busca das emocións nas esculturas. Aínda que habitualmente se di que a escultura románica non ten expresividade isto non é certo, o que ocorre é que a escultura gótica, sobre todo a finais, é moi expresiva! Ademais, dende o século dez (X) ata o século trece (XIII) a meirande parte da produción artística conservada é de temática relixiosa, sen embargo coa adquisición de riqueza por parte de mercadores e da nobreza a partires do século trece (XIII) conservamos máis arte de temas laicos: o amor cortés, as historias de heroicos cabaleiros ou a representación de oficios e traballos será común tanto na escultura como na pintura.
Imos falar dalgúns conceptos que destacan na escultura do período gótico:
Naturalismo
As esculturas son más realistas dende un punto de vista formal. É dicir, aseméllanse máis á realidade grazas á experiencia e á técnica dos escultores.
Compara estas dúas imaxes que representan o mesmo tema: a Virxe co Neno Xesús. A da esquerda é una talla románica do século doce (XII) en madeira, mentres que a da dereita é una escultura gótica do século quince (XV) en alabastro. No caso da dereita, a Virxe ten una postura moito máis natural, cunha lixeira inclinación do corpo. Recordades o "contraposto" da escultura de época clásica? . No século quince (XV) vólvese a recuperar este tipo de postura máis natural e menos ríxida.
Expresividade
Os escultores conseguen unha maior expresividade grazas á plasmación de emocións nos rostros das figuras: dor, amor, ledicia, tristura... Tamén se consegue unha maior expresividade ao facer que as figuras interactúen, de xeito que moitas veces rómpese a frontalidade propia do románico e búscanse varios puntos de vista para unha obra.
Sempre se pon como exemplo o anxo sorrinte da catedral de Reims, xa que é unha das primeiras veces que se mostra o sorriso na arte.
Temas non relixiosos
Unha das características principais da arte románica é que practicamente a totalidade do que se conserva está relacionado coa relixión. Na escultura gótica temos exemplos de figuras que non teñen que ver cun contexto relixioso, senón que eran produtos puramente laicos. Algunhas destas obras son obxectos de uso cotián, como almofías ou soportes de espellos nos que figuran escenas románticas, ou pequenas esculturas, como este cabaleiro do mestre Pero de Coimbra.
Lectura facilitada
- A escultura gótica busca formas máis naturais e mostra máis emocións.
- As esculturas góticas son máis realistas.
- O románico tamén tiña expresividade, pero o gótico acentúaa moito máis.
- As figuras mostran emocións como dor, amor, ledicia e tristura.
- As esculturas góticas interactúan entre elas.
- No románico, as figuras son moi frontais, mentres que as obras góticas poden verse dende varios puntos.
- A partir do século XIII aparecen máis temas non relixiosos grazas ao interese de nobres e mercadores ricos.
- Algúns destes motivos decoran obxectos de uso diario.



