Un período moi longo da Historia
A Idade Media é un período no que cabe de todo, ou case. Xa sabemos que abrangue dende a Caída do Imperio Romano de Occidente no século quinto (V) ata o século quince (XV). É dicir, son mil anos de Historia nos que ocorreron moitísimas cousas e nos que se asentaron as bases do mundo moderno. Pero a Idade Media ten mala fama, sobre todo porque no século dezaseis os historiadores vivían nun momento no que se buscaba volver á cultura da época clásica: todo estaba influído pola cultura grecolatina, dende a pintura e a literatura á arquitectura e a moda. Tratábase do Renacemento, e como adoita ocorrer, os novos artistas querían distanciarse o máis posible das tradicións inmediatamente anteriores.

Algúns séculos máis tarde, durante o século dezanove (XIX) a Idade Media volveu estar de moda grazas á chamada novela gótica (sóavos un tal Frankenstein?) e ao Romanticismo. Neste período a arte medieval resultáballes exótica e bastante misteriosa, xa que dende o Renacemento a arte europea seguía unha tendencia clásica. É dicir, os artistas levaban tanto tempo seguindo os modelos gregos e romanos que redescubriron a beleza única da arte románica e a arte gótica. Pero o problema é que caeron en estereotipos e dende ese momento repetironse mitos sobre a Idade Media que non teñen base real algunha.
Por exemplo, grazas ás óperas de Wagner sempre imaxinamos aos vikingos con cascos con cornos, cando o único casco vikingo conservado non os ten! É por culpa dun novelista neoiorquino que se cre que a xente da Idade Media pensaba que a Terra era plana! Imos ver moitas destas crenzas nesta unidade, pero ao final seredes quen de desmentilas todas e ver que a Idade Media non foi un período tan escuro na Historia da Humanidade. De feito foi o período no que se crearon as universidades, no que chegaron a Europa a pasta e o papel e no que se adoptou o sistema dos números arábigos fronte á numeración romana.
Imos aló!
Lectura facilitada
- A Idade Media durou mil anos, dende o século cinco (V) ao quince (XV).
- Ten mala fama sen merecelo, e vén do Renacemento.
- No Renacemento preferían a cultura clásica.
- Rexeitaron todo o medieval.
- No século dezanove (XIX) a Idade Media volveu poñerse de moda.
- Pero creáronse moitos estereotipos falsos.