Saltar navegación

A cidade árabe: a medina

As cidades árabes. Profundamos nas súas características!

Sabías que...

As cidades musulmáns estaban rodeadas de fermosas hortas e veigas que as autoabastecían de cultivos hortofrutícolas. Practicaban os cultivos de regadío, aproveitando os recursos hídricos polo que, para a súa explotación, foron importantes os muíños de auga, de vento e os sistemas de irrigación, destacando as noras.

Fotografía da Noira de Córdoba
Noira da cidade de Córdoba (Andalucía)


No territorio hispanomusulmán, desenvolvéronse importantes cidades: Sevilla, Granada, Zaragoza, Valencia, Murcia, Toledo, Badaxoz...  (moitas herdadas da época romana ou visigoda) mais, a cidade de Córdoba Califal converteuse na mais destacada do mundo medieval coñecido, chegando a acadar 300.000 habitantes.

Distribución de auga sobre un terreo por medio de canles, levadas, alxibes, presas, represas etc.

Cultivos hortofrutícolas para autoconsumo, aproveitando os recursos hídricos (auga)

Debuxo coa descrición da cidade árabe medieval
Plano dunha cidade árabe medieval

Os árabes vivían en cidades, que eran os centros administrativos, políticos, militares e económicos do mundo musulmán. Nelas confluían as grandes rutas comerciais.

As cidades estaban rodeadas de altas murallas para defenderse, con rúas estreitas e irregulares intramuros. Tiñan servizo de sumidoiros e abastecíanse de auga. Estaban moi poboadas, polo que as casas estaban moi amoreadas. Estas tiñan fachadas pouco destacadas, sobrias, e con poucas aperturas ao exterior. O interior das construcións adoitaba ser moi luxoso.

Nos seus mercados, chamados zocos ou bazares, vendíanse produtos chegados de todas as partes do mundo coñecido (exportaban artesanías e produtos agrícolas e importaban ouro, prata, libros, perfumes, escravos...). As súas moedas eran o dinar de ouro e o dirhem de prata.

Do zoco partían as principais rúas da cidade, dando lugar aos barrios que carecían de planificación.

O centro da cidade, a parte máis antiga, era a medina, con rúas estreitas e sinuosas, con pequenas prazas, onde vivían os artesáns e os comerciantes. Na súa contorna destacaban as construcións máis importantes da urbe:

- O alcázar: o castelo ou palacio onde vivían os gobernantes. Adoitaba construírse na parte máis elevada da cidade. Servía de refuxio e protección aos habitantes da cidade en caso de ataque.

- A alcazaba: un recinto amurallado-fortificado, que adoitaba estar ao redor do alcázar, pois nel vivían os soldados e o servizo dos dirixentes.

- A mesquita ou alxama: edificio relixioso musulmán, onde se reunían para rezar os venres.

- Os baños árabes ou hamman: zonas públicas de ocio, encontro e de hixiene persoal. Podían utilizalos todos os habitantes das cidades (homes, mulleres e cativos mais en distintos horarios). Tiñan grande influencia das termas romanas na distribución dos espazos.

- A madrasa: escola teolóxica, onde aprendían o Corán.

- O maristán ou hospital

- Os cemiterios ou quiblas, que se situaban extramuros da cidade.

- As zonas comerciais, que estaban nas rúas máis próximas á gran mesquita:

O zoco: centro das zonas comerciais. Eran mercados, situados en rúas.

As alcaicerías: mercados privados de obxectos de luxo, creados polos gobernantes.

As alhóndigas ou fundaq: almacén para o gran e outros produtos agrícolas; tamén podía ser un mercado onde se vendía por xunto. Posuían cortellos e pousada para os mercadores.

- As zonas de vivendas:

Os barrios residenciais: organizábanse segundo comunidades relixiosas, profesionais ou étnicas, con pouca relación entre eles. Vivían en casas de dous andares. Na planta baixa había un patio interior, ao que se abrían as habitacións, cociña, despensa ou dependencias do servizo (ao igual que as domus romanas). No segundo andar estaban as habitacións, ao redor dunha galería.

Os arrabais: barrios situados fóra da medina, construídos cando o espazo intramuros non era suficiente para construír máis vivendas. Co tempo foron tamén amurallados. Xunto a eles, xa no límite exterior da cidade, vivían os seguidores doutras relixións.

Gran parte da sociedade árabe vivía nas zonas rurais, en aldeas ou alquerías (caseríos). As casas dos pobres eran pequenas, cunha ou dúas habitacións e faltas de hixiene.  Tamén, nas aforas, había residencias ou casas de campo de musulmáns ricos, chamadas almuíñas. Eran as súas casas de veraneo para evitar o ruído e malos cheiros das cidades coa calor estival.

Sabías que a palabra ALCOBA, sinónima de dormitorio, é de orixe árabe e significa "a cúpula". Nas habitacións das casas árabes había plataformas elevadas no chan, illada do resto do habitáculo por unha cortina, onde colocaban a cama.

Lectura facilitada

Os árabes vivían en cidades amuralladas, con sumideiros e abastecemento de auga.

As cidades eran centros de poder situados nas rutas comerciais.

As partes máis importantes das cidades eran:

  • Os zocos ou bazares eran os mercados. Usaban as moedas chamadas dinar de ouro e dirhem de prata.
  • O centro da cidade era a medina, con rúas estreitas e nun lugar elevado. Ao redor da medina estaban:
    •  O alcázar ou alcazaba: vivenda dos gobernantes da cidade.
    •  A mesquita: edificio relixioso dos musulmáns.
    • Os baños: espazo onde podían lavarse todos os habitantes da cidade.
  •  Outras construcións próximas eran: a escola de teoloxía, o hospital, o cemiterio...

- Os musulmáns ricos vivían en barrios residenciais, separados por relixións, profesións, razas, ...

As casas tiñan dous andares e un patio interior. Estes grupos adoitaban ter unha segunda casa para o verán.

- O campesiños vivían nos arrabaldes, xuntos cos practicantes doutras relixións.

A Córdoba Califal. A primeira cidade do mundo coñecido. Actividade de lectura e comprensión. Debate.

A cidade de Córdoba (na actual Andalucía) converteuse en cidade califal con Abd-al-Rahmán III, cando no 929 autoproclamouse califa de Al-Andalus, separándose do mundo islámico de Oriente. Baixo o seu mandato, a medina de Córdoba non parou de medrar.

Este texto cóntanos como era a cidade no século X:

"Córdoba contaba entón cunha poboación máis do dobre que a de hoxe, cidade de importancia excepcional na Idade Media, cando París e Londres non pasan de seren grandes poboados. (…) A cidade parece iluminada con lanternas; oito séculos máis tarde, aínda os londinienses tropezarían a escuras polas rúas de Londres. A poboación, en xeral, vivía feliz. Unha cidade con 300 baños públicos, amósanos o seu enorme poder. Case ninguén viaxa a pé: aínda o cidadán máis modesto tiña un cabalo para trasladarse dun lugar a outro. Aquí vivían traballando xuntos homes de toda raza e relixión (…) Este mesmo nivel tiñan a industria, a artesanía e a economía do país. Había uns 15.000 tecedores de la. (…) Adquiriu tal prestixio o curtido e repuxado das peles e coiros que a súa produción recibiu para sempre o nome de cordobán. (…) Un cordobés inventou o cristal.

Gimberg, C. Historia Universal (Trad.)

Analizade, por parellas, o texto sobre a Córdoba califal, tendo en conta as seguintes cuestións:

1.- Con que cidades comparan a cidade de Córdoba?

2.- De que países actuais son capitais?

3.- Avances da cidade. Escollede o que consideredes máis destacado ou importante.

4.- Que inventos se relacionan con Córdoba?

Breve Debate:

Logo, en gran grupo, analizade as vosas respostas. Que é o que máis vos sorprende da vida na cidade de Córdoba? Había cidades iguais nos territorios dos reinos cristiáns do Norte? Tentade razoar a vosa resposta.

Ven a coñecela! Madinat al Zahra "A cidade brillante"_Vídeo interactivo

com/watch?v=iPICS2pQ720

Salón Rico_Madinat al Zahra_Wikpedia

A arquitectura relixiosa musulmán: a mesquita

A mesquita. O edificio relixioso do Islam

A arquitectura, tal como reflicte o esquema, é a arte máis importante do mundo musulmán. Destacaron dous tipos de construcións: as mesquitas e os palacios, no que destacan os aspectos decorativos, mais que os construtivos.

A mesquita é o lugar no que os musulmán rezan ao seu deus, onde non hai imaxes no seu interior (prohíbeas o Corán), nin se celebran sacrificios, nin están presentes as divindades, só é o espazo para axeonllarse os fieis. Ademais de ser un edificio relixioso serve para administrar xustiza, lugar de refuxio para peregrinos e sabios, así como escola para ensinar o Corán.

Son edificios fermosos, especialmente no seu interior! Mirade esta imaxe da mesquita de Córdoba! Gústavos?

No seu exterior destacan os minaretes, o alminares, torres dende onde o muezzín ou almuhedano chama a viva voz aos fieis á oración. A planta das mesquitas pode variar, mais todas comparten características comúns:

Vista aérea (Mesquita de Córdoba)
Fotografía da Vista aérea da mesquita de Córdoba

  1. Un patio ou sahn, cunha fonte, onde os musulmáns fan as súas ablucións (é dicir, lávanse) antes de entrar ao rezo. Con este xesto representan a súa pureza ante Alá. Antes de entrar deben quitar o calzado.
  2. O haram ou sala de oracións con naves que miran cara á Meca. Curioso o significado da palabra haram, que é "pecado" ou "o que está prohibido".
  3. O muro da Quibla, ao fondo da edificación, onde atopamos o mihrab, fornela que indica a dirección da Meca, cara onde deben orar.
  4. No interior atópase o Almimbar ou púlpito, dende onde o imán dirixe o rezo.
  5. Están moi fermosamente decorados con caligrafía (frases do Corán), arabescos e debuxos xeométricos.

Que saibades que na actualidade non é coñecida como mesquita senón coma a Catedral de Córdoba. Se a queredes visitar deberedes ir vestidas e vestidos axeitadamente e pagar para poder entrar (non esquezades coller as entradas con tempo).

Lectura facilitada

As mesquitas e os palacios son as construcións arquitectónicas máis importantes da arte árabe.

A mesquita é o lugar no que os musulmáns rezan ao seu deus.

Nela non hai imaxes pois prohíbeo o Corán e os fieis non poden entrar calzados.

As partes dunha mesquita son:

  • Minaretes ou alminares (torres para chamar á oración).
  • Un patio con fonte para lavarse antes de entrar ao rezo.
  • O haram ou sala de oracións.
  • A quibla, o muro que orienta a mesquita cara á Meca. Neste muro hai unha fornela chamada Mihrab.
  • O púlpito dende onde o seu líder, o imán, dirixe o rezo.

A mesquita máis grande do mundo: cara a ela mira o mundo islámico

A mesquita máis grande do mundo é a Gran Mesquita da Meca (Arabia Saudita), a cidade sagrada do Islam, cara á que oran os musulmáns no mundo. A súa fundación é do ano 638, aínda que foi modificada ao longo da súa historia.

É o templo ao que deben peregrinar os crentes musulmáns, alomenos unha vez na súa vida (un dos piares do Islam), no último mes do seu calendario. Os non crentes teñen prohibida a entrada á cidade.

Os peregrinos chegan por miles á cidade e deben dar sete voltas ao redor da Kaaba, situada no centro do patio ou xardín da gran mesquita. É o  elemento máis importante do conxunto, unha antiga construción de forma cúbica en pedra, cuberta na actualidade por un pano negro de seda, con bordados en ouro e caligrafía con frases do Corán.

Aquí a tedes!!

A Kaaba (1880)
Imaxe da Kaaba en 1880
Detalle da Kaaba durante o Hajj (peregrinación)
Detalle da Kaaba durante o Hajj (peregrinación)

Segundo a crenza do mundo musulmán, a Kaaba sería un meteorito caído do ceo e que formaba parte do paraíso de Adán e Eva. Era coidado pola familia dos coreichitas, á que pertencía Mahoma.

Representa os pecados humanos

O cubo mide: 10,67 metros de fronte, 12,19 metros de lado e 15,24 metros de alto. Un gran cubo para unha pedra de 30 cm. de diámetro, custodiada a 1,5 metros do chan.

Coñecemos algunhas mesquitas!

Ao longo da historia do Islam, os árabes construíron moitas mesquitas para reunirse, mais pouco conservamos das orixinais medievais. Na Península Ibérica, dos case 700 anos que viviron en Al-Andalus, só conservamos: a mesquita de Córdoba (sobre a que se construíu a catedral cristiá no reinado de Carlos V); o alminar da mesquita de Cuatrovitas (de estilo almohade, s.  e o alminar ou minarete da mesquita (Xiralda e parte do patio dos laranxos), ambos templos en Sevilla; a mesquita das Tornerías do s. XI (Toledo) e, a tamén toledana, mesquita de Bib-Al-Mardum, coñecida como Ermida do Cristo da Luz.

Mesquita de Córdoba
Fotografía da Mesquita de Córdoba_Vista aérea
Minarete mesquita de Sevilla (Xiralda)
Fotografía da Xiralda de Sevilla
Mesquita de Bib-Al-Mardum (Antiga mesquita de Toledo)
Fotografía da Mesquita de Bib-Al-Mardum (Antiga mesquita de Toledo)

Todos estas obras árabes foron convertidas en templos cristiáns, ou parte deles, a partir da expulsión dos árabes deses territorios peninsulares.

Características dunha mesquita. Corriximos a lista que quedou desordenada?

Logo de traballar as principias características das mesquitas imos revisar o aprendido nesta pequena tarefa. Serías quen de identificar que representa cada número do plano da hipotética Mesquita de Granada? Lembra que deben seguir a orde dos números que aparecen no plano.

Esquema da Planta de la mezquita mayor de Granada
Planta da mesquita maior de Granada
  • Alminar ou minarete
  • Patio das ablucións
  • Haram
  • Mihrad
  • Quibla
  • Orientación cara á Meca

Comprobar

¡Correcto!

202512212535-60
Actividade non completada#Actividade superada. Puntuación: %s#Actividade non superada. Puntuación: %s#Lista desordenada

Non é correcto... Resposta correcta:

Feito con eXeLearning (Nova xanela)