Saltar navegación

5. Revisemos o aprendido

Reflexionemos

Se chegaches ata aquí, saberás que a Idade Media, en Europa en xeral, e na Península Ibérica en particular, non é tan escura como se di, nin é un período histórico falto de cultura e arte como se pensa. 

Seguramente, logo do traballo desenvolvido, terás recoñecido a presenza da Idade Media nas nosas parroquias e nos nosos concellos.

Desenvolto o reto, no que analizaches a contorna do teu instituto, recoñecendo as obras románicas ou góticas existentes, seguro que poderiades resumir o voso traballo coa idea de que "Galicia é un museo da Idade Media ao aire libre", pola existencia de igrexas parroquias, catedrais urbanas, cascos antigos das cidades, pontes, enxeños hidráulicos e, especialmente, cos diversos camiños de peregrinación a Santiago.

Chega agora o momento de elaborar as conclusións do noso traballo e expoñelas na clase.

Conclusións

  1. Repasamos o paso da Idade Antiga á Idade Media e os acontecementos históricos que o provocaron.
  2. Coñecemos a sociedade estamental e analizamos as desigualdades sociais e as relacións de dependencia persoal que as caracterizaron.
  3. Identificamos o feudalismo como un sistema social, político e económico da Idade Media, dende o século IX ao XV, que estivo caracterizado polo sistema de vasalaxe.
  4. Descubrimos os castelos como as construcións características das damas e cabaleiros, en definitiva, do estamento nobiliario (privilexiado).
  5. Recoñecemos os mellores espazos físicos para a localización de castelos, mosteiros, templos ou poboados (cristiáns, viquingos ou musulmáns).
  6. Identificamos o contexto histórico no que xurdiron e as principais características dos estilos artísticos da Idade Media (románico, gótico, hispanomusulmán, mudéxar, mozárabe).
  7. Localizamos as principais manifestacións artísticas e aplicamos os nosos coñecementos para identificar e clasificar as obras segundo o seu estilo.

Que aprendemos?

Aquí tés un resumo dos aspectos traballados nos distintos apartados deste bloque de traballo. Agora pensa o xeito en que ides facer unha presentación en común cos compañeiros e compañeiras de todo o aprendido, así como o resultado do reto no voso equipo.

Esquema da Idade Media
Esquema da Idade Media

Aprendizaxe cooperativo

Chega o momento da posta en común do traballo desenvolvido, para o cal cada un dos equipos debe facer unha exposición das conclusións desta unidade e dar a coñecer a vosa investigación ao resto de membros da clase. Para isto, podemos empregar diferentes formatos, segundo as indicacións da túa profesora ou profesor: 

  • Exposición das infografías elaboradas polos grupos.
  • Realización virtual do roteiro proposto polo grupo.
  • Realización real do roteiro proposto polo grupo (dependerá da necesidade de transporte e da súa dispoñibilidade).
  • Práctica dos códigos QR cos móbiles. (Lembrade que a normativa da Xunta de Galicia obriga a ter os teléfonos apagados e na mochila, mais igual podemos usalos puntualmente para probar se funcionan os códigos)
  • Presentación dixital

Rematando o diario

Imaxe do diario de aprendizaxe no proxecto cREAgal. Amosa un lapis e un caderno co logotipo do proxecto na tapaTen en conta que debes cubrir o bloque 5: Explorar Reto final do teu diario de aprendizaxe para cada un dos proxectos dos demais grupos.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)