Un novo estilo
A pintura gótica segue o que xa vimos na arquitectura e na escultura: as figuras alónganse e fanse máis naturais, aparece unha maior expresividade e interactúan entre elas. Como ocorre no románico, a meirande parte da pintura gótica é de temática relixiosa, aínda que hai pinturas con motivos laicos, case sempre sobre heroes e cabaleiros ou co tema do amor cortés.
Un dos principais cambios respecto do románico é que progresivamente vaise pintando menos nos muros e máis en retablos. Por que vos parece que ocorre isto? Estes retablos eran paneis de madeira colocados enriba dun altar, e estaban decorados con escenas relixiosas.
Pero non toda a pintura era relixiosa. Sónavos o Rei Arturo? Os cabaleiros da mesa redonda? Os personaxes destas novelas decoraban as paredes dos salóns dos nobres, que vían neles modelos de valentía e de heroísmo. Sería o equivalente aos pósteres de futbolistas, cantantes ou actores e actrices que decoran as paredes das vosas habitacións. Un exemplo moi ben conservado é o salón do castelo da Manta, en Italia, onde se decorou a gran sala cos Nove da Fama.
Unha das principais causas, como xa vimos cando estudamos a arquitectura, é que os muros van desaparecendo e son substituídos por grandes ventás. Mentres que no período románico había grandes muros con vanos pequenos, polo que tiñan moita superficie para decorala con pinturas, o uso dos arcobotantes e dos contrafortes na arquitectura gótica permitiu abrir enormes ventás, polo que a superficie que se podía pintar foi cada vez menor. Os retablos foron a solución, xa que permitían ser decorados con pintura ou esculturas. Ademais, ao pintar sobre táboa, a técnica permitía empregar cores moito máis vivas, e empregáronse moitos fondos dourados, que transmitían a riqueza e lle daban ás imaxes certo carácter sagrado.
Outro importante soporte da pintura foron os libros. Pensade que durante os séculos anteriores case todos os libros conservados eran obras clásicas que foran copiadas durante a Idade Media ou libros relixiosos. Agora créanse novos libros, como esas novelas artúricas das que falabamos, ou compilacións de poemas, como os cancioneiros galego-portugueses. Os libros eran obxectos de luxo, e pensade que moi pouca xente era capaz de ler e escribir. Ademais, agora para facer un libro é tan fácil como darlle a imprimir no ordenador, pero na Idade Media o proceso era moito máis complexo!
As ilustracións dos libros chámanse miniaturas, e non é porque sexan moi pequenas! O termo vén do verbo "miniare", que en latín quere dicir "decorar con minio". O minio é un mineral co que se facían as tintas coas que se escribía ou se debuxaba. Por certo, os libros medievais non eran de papel: na Idade Media escribíase sobre pergameo, que é un material feito coa pel dos animais.
Por último, durante o período gótico prodúcese un tipo de pintura moi especial polo soporte no que se pinta: a vidreira. As vidreiras son anacos de cristal colorados que se unen con chumbo para crear un debuxo, e están colocadas nas ventás das igrexas e catedrais, polo que os temas que se representan son case sempre relixiosos. Estas vidreiras serán uns elementos moi importantes, xa que cambian completamente a sensación que se ten cando se entra nun edificio gótico: fronte a escuridade das igrexas románicas, dise que o gótico é a arte da luz e da cor, en grande parte grazas ao efecto das vidreiras.
Lectura facilitada
- As figuras son máis alongadas, naturais e expresivas que no románico.
- Mantense a temática relixiosa, pero aumentan os temas laicos (cabaleiros e amor cortés).
- A pintura pasa dos muros aos retablos de madeira sobre os altares.
- Os palacios nobres decóranse con escenas de cabaleiros (como o Rei Arturo).
- Os libros ilústranse con miniaturas, chamadas así polo minio (tinta) usado.
- As vidreiras de cores son un soporte moi importante e característico do gótico.
- As vidreiras dan luz e cor aos edificios, fronte á escuridade das igrexas románicas.