Saltar navegación

3.3. Luces medievais

Para acabar cos mitos da Idade Media

Pictograma dun casco vikingo tachado

Hai moitos anos, a historiadora Régine Pernoud contaba unha anécdota: cando estaba a traballar nos Arquivos Nacionais de Francia, recibiu unha carta na que un político lle preguntaba cal foi a data exacta da fin da Idade Media e en que cidade se firmou o tratado que poñía fin a este período. Vós xa sabedes máis ca este político e que os períodos históricos non terminan cun tratado: un non vaise á cama un día sendo antigo e érguese ao día seguinte sendo medieval!

O feito é que sobre a Idade Media hai moitos mitos: que pensaban que a Terra era plana, que se perdeu todo o coñecemento da Antigüidade clásica, que os campesiños estaban todos sucios e malvivían entre animais e os nobres vivían de festa en festa en pazos e castelos, ou que os viquingos tiñan cascos con cornos! Xa sabemos que moitas destas cosas non son certas, pero neste apartado imos ver o desenvolvemento artístico deste período que abrangue mil anos de historia.

De seguro que oíchedes falar do románico, do gótico e da cultura árabe na Península. Pois ben, imos adentrarnos en cada un destes estilos para ver que facían os artistas e artesáns na Idade Media.

Lectura facilitada

  • Os períodos históricos non acaban de súpeto cun tratado.
  • Existen moitos mitos falsos sobre a Idade Media.
    • É mentira que a xente medieval pensaba que a Terra era plana.
    • Os viquingos non tiñan cascos con cornos.
  • Na Idade Media desenvolvéronse estilos artísticos como o románico e o gótico.

Antes de comezar coa arte

Antes de comezar cómpre saber ou lembrar algunhas cousas que de seguro xa vos soan.

Cando falamos de arte temos que ter en conta que o facemos cunha linguaxe propia, e que moitos termos son específicos deste apartado.

Un dos casos máis evidentes é o da arquitectura. Imos ver dous termos importantes para entender o que imos estudar nos seguintes apartados:

Planta

Debuxo da planta da catedral de Santiago

A planta é o "mapa" do edificio. Imaxinade que estades nun globo aerostático xusto por riba da catedral de Santiago e podedes quitarlle o tellado. O que veriades sería, máis ou menos, o que tedes á esquerda.

O que estades vendo é unha catedral con planta en forma de cruz latina (a cruz grega ten os catro brazos iguais). A parte superior da cruz chámase cabeceira, e é onde se atopa o altar maior (A), que é onde o cura di a misa. Onde se cruzan os brazos da cruz é o transepto (B). Recoñecedes todos e todas esta parte porque é onde se colga o Botafumeiro na catedral de Santiago. En moitas igrexas este espazo está cuberto cunha cúpula.

Podedes dicir cantas naves ou corredores ten a catedral de Santiago? Efectivamente, ten tres (3). A nave central (C) é o dobre de ancha cas naves laterais (D). Vedes tamén que as naves laterais seguen ao redor do altar maior. Este espazo, sinalado coa letra E, chámase xirola ou deambulatorio, é no período románico é típico das chamadas "igrexas de peregrinación". A xirola permitía construír máis capelas ao redor, ademais de que os peregrinos e peregrinas podían percorrer todo o perímetro da catedral sen interromper a misa que se dicía no altar maior e sen molestar á xente que estaba na nave central.

Eses semicírculos que vedes ao redor da cabeceira e nos brazos laterais chámanse ábsidas, e eran capelas dedicadas a diferentes santos e santas. As igrexas románicas máis pequenas típicas de Galicia teñen unha única ábsida que é onde está o altar, pero como podedes ver na planta, a catedral de Santiago tiña moitas máis, para poder acoller a toda a xente que chegaba despois de facer o Camiño.

Alzado

Debuxo do alzado románico


O alzado é unha representación dun edificio na que se mostra un corte vertical. Para entendelo mellor, imaxinade que estades diante da catedral de Santiago, na Praza do Obradoiro, e podedes sacarlle á fachada á catedral. Deste xeito poderiades ver como é o edificio por dentro, e sería algo parecido ao que tedes na imaxe da esquerda.

Como podedes ver no alzado, a nave central é máis alta cas naves laterais, xa que se tiveran a mesma altura o edificio sería un pouco estraño. Ademais, sería moito máis difícil de soster as bóvedas, xa que o obxectivo da arquitectura é desviar as presións cara o chan sen que o edificio caia.

Vedes que por riba das naves laterais hai un espazo que se chama tribuna? É un corredor que vai por riba e rodea a igrexa, como unha especie de balcón con ventás que permiten iluminar a nave central. Sabemos que na Idade Media os peregrinos durmían na tribuna na catedral de Santiago.

O Botafumeiro é un incensario, é dicir, un instrumento que serve para queimar incenso, que é unha substancia que servía para eliminar os malos olores e a desinfectar dalgunha maneira o ambiente. Na Idade Media a xente non se lavaba tanto como agora, e pensade nos milleiros de peregrinos e peregrinas que chegaban a Compostela sen unha rede de albergues e de hoteis, como teñen agora... O cheiro de tanta xente xunta tiña que ser bastante forte.

Para compensar un pouco os cheiros desta marea humana, a catedral de Santiago tiña o incensario máis grande do mundo: o Botafumeiro. É un recipiente onde se meten brasas e despois incenso, que é unha especie de goma que se extrae de certas árbores e que ao arder desprende un cheiro agradable. Como pesa moito, para movelo facían falla varios homes que reciben o nome de tiraboleiros.

Algunha vez vos preguntástesvos como se vería a catedral de Santiago dende o punto de vista do Botafumeiro? Pois agora tedes a oportunidade de comprobalo:

Lectura facilitada

Elementos da planta dun edificio medieval:

  • A planta da catedral de Santiago ten forma de cruz latina.
  • O altar maior está na cabeceira e o transepto é onde se cruzan os brazos.
  • A catedral ten tres naves, e a central é máis ancha que as laterais.
  • A xirola é o corredor que rodea o altar e permite o paso aos peregrinos.
  • As ábsidas son capelas semicirculares dedicadas a diferentes santos.

Elementos do alzado:

  • O alzado mostra o interior dun edificio mediante un corte vertical.
  • A nave central é máis alta que as naves laterais.
  • Esta diferenza de altura axuda a soster mellor as bóvedas.
  • A tribuna é un corredor que vai por riba das naves laterais.
    • Os peregrinos durmían na tribuna da catedral de Santiago na Idade Media.

Comprobamos os nosos coñecementos arquitectónicos

Agora toca ver se somos quen de analizar as seguintes imaxes: á esquerda tedes unha plana dunha catedral, mentres que á dereita tedes un alzado. En grupos de 2 ou 3 alumnos e alumnas identificade cada unha das partes.

Imaxe do plano da catedral de Chartres
Imaxe do alzado da catedral de Amiens

Reflexionamos sobre a arte e o patrimonio

Despois de ter visto os diferentes estilos artísticos do período responde ás cuestións desta parte da unidade:

  • Como creo que inflúe a sociedade na arte que se fai nese momento?
  • Que factores afectan á conservación do patrimonio?
  • Débense conservar todos os restos do pasado na actualidade?
  • Que alternativas de conservación se me ocorren ademais dos museos tradicionais?

Feito con eXeLearning (Nova xanela)