Saltar navegación

1. Uns séculos non tan escuros...

Comezamos!

Nesta recurso imos seguir adentrándonos no mundo da Idade Media en Europa. Deste xeito continuaremos a aprender sobre a realidade histórica e a desbotar ideas erróneas ou falsas que habitualmente adoitamos escoitar cando a xente fala da Idade Media coma dun período escuro e bárbaro (recordades que ese concepto tamén era bastante conflitivo?).

A Plena Idade Media é o mundo dos castelos, das grandes vilas e das catedrais, dos mosteiros e o momento no que nacen as universidades! Como pode ser escuro semellante período?

A continuación tedes un pequeno vídeo que nos servirá como introdución a este período fascinante. Trátase dun proxecto que se está desenvolvendo en Francia, no pobo de Treigny. Alí, un grupo de entusiastas pola Idade Media comezaron hai 27 anos a construír un castelo empregando unicamente as técnicas e materiais que usaban no medievo: non usan ferramentas modernas nin maquinaria, todo se fai a man!

Lectura facilitada

Imos aprender máis sobre a Idade Media en Europa.

A Plena Idade Media non foi unha época escura.

Foi un tempo de grandes construcións: castelos, vilas e catedrais.

Naceron as primeiras universidades.

En Treigny (Francia) están construíndo un castelo usando só técnicas medievais.

Explicación do reto: coidamos do noso patrimonio

Neste recurso teredes que enfrontarvos a un reto que une novas tecnoloxías, historia, arte e aventura!

O obxectivo é que entre todos e todas poñades a vosa pegada na preservación do patrimonio da vosa contorna, especialmente na de aqueles monumentos ou obras do período medieval. Para conseguilo, escolleredes unha serie de monumentos dos que teñades máis preto e teredes que investigar a súa historia, describir o seu estilo artístico e achegar a maior cantidade de información da que sexades capaces.

Como podemos facelo? O primeiro paso sempre é estar ben informados, e para iso seredes investigadores encargados de sacar á luz a historia deses monumentos. A segunda parte é difundir esa información, porque o coñecemento que non se comparte é coñecemento perdido!

Para esta segunda parte teredes tres opcións, aínda que todas elas son complementarias.

Elaboramos infografías dos monumentos

Nesta opción elaboraredes unhas infografías cos datos do monumento: data, contexto histórico, estilo artístico, importancia na contorna etc. As infografías serán expostas nun lugar público do instituto, para que todos e todas os/as compañeiros e compañeiras poidan velas e apreciar o patrimonio común.

A imaxe mostra o exemplo dunha infografía
 
A imaxe mostra o exemplo dunha infografía 2
 

Creamos códigos QR e instalamolos nos monumentos

Para esta opción crearedes uns códigos QR que conteñan a mesma información das infografías, pero a vantaxe é que estes códigos pódense colocar nos propios monumentos e calquera persoa que vaia a visitalos poderá ver o voso traballo e aprender del. Ollo: antes de colocar nada nun monumento é preciso pedir permiso! Pensade que o patrimonio cultural está protexido e hai leis que regulan as intervencións que se poden facer nel. Non queremos alumnado nos xornais por ser uns vándalos!

Facemos unha planificación de itinerario de visitas

Fotografía dunha visita escolar
 Portada Catedral Amiens (Francia)


Nesta opción teredes que facer un estudo da historia da vosa contorna e escoller os monumentos máis importantes que se poden visitar. Para cada un deles deberedes buscar información histórica e artística, pero ademais deberedes proporcionar os datos precisos para poder visitalos. Poñédevos en situación: pensade que vén un grupo de intercambio doutro país e queredes ensinarlles os magníficos monumentos que tedes preto. Para facelo, tedes que elaborar un calendario con horarios, indicacións e as explicacións necesarias para poder visitar os lugares no caso de que tiveran que facelo sós.

Recordades quen foron os vándalos? Efectivamente, foron un dos pobos xermánicos que se instalaron na Península. Tiñan fama de guerreiros e destrutores, tanto que aínda hoxe a palabra "vandalismo" vén deles!

A imaxe mostra pintadas na fachada da Catedral de Santiago
Canal Sur. Vándalos en la Catedral de Santiago (Dereito de cita)

Como o faremos?

O reto é unha actividade grupal: o mestre ou mestra dividirá a clase en grupos que decidirán que actividade queren facer de acordo cos seus intereses (infografía, QR, itinerario cultural). Dentro do grupo, as tarefas dividiranse entre os seus membros e cada persoa terá que facer o que lle corresponda.

Que ferramentas precisamos?

En primeiro lugar, os coñecementos necesarios para encher as nosas infografías e códigos QR! Isto fai preciso un traballo previo de investigación: teredes que buscar información sobre a Historia da vosa contorna e dos seus monumentos.

Precisaredes un ordenador para facer as infografías, así como os códigos QR. Podedes empregar unha ferramenta de licenza libre, como QRCODEMONKEY. Se traballas cun ordenador EDixgal podes utilizar o programa QtQr dentro do apartado Gráficos.

Lectura facilitada

  • Ides facer un proxecto especial.
  • Este proxecto xunta:
    • Novas tecnoloxías
    • Historia
    • Arte
    • Aventura
  • Axudaredes a coidar os monumentos da vosa zona.
  • Centrarédesvos nos monumentos medievais.
  • Que tedes que facer?
  • Primeiro:
    • Ser investigadores.
    • Buscar información sobre os monumentos.
    • Aprender a súa historia.
  • Segundo:
    • Compartir o que aprendestes.
    • Contarlle á xente a historia destes lugares.
    • Podedes escoller entre tres formas diferentes de compartir a información.
    • Todas as formas son boas e pódense usar xuntas.

Nesta unidade aprenderás a...

Nesta unidade aprenderás:

  • As principais características sociais, económicas e políticas da Idade Media en Europa.
  • A identificar os diferentes estilos artísticos que se desenvolveron na Idade Media.
  • A conectar as situacións do pasado coa actualidade, para comprender os problemas actuais, de onde veñen e buscar solucións.
  • A analizar a situación das mulleres noutras épocas.
  • A comprender o concepto "do outro".
  • A traballar con fontes históricas directas e indirectas.

Reflexionamos

Imaxe do diario de aprendizaxe no proxecto cREAgal. Amosa un lapis e un caderno co logotipo do proxecto na tapaDespois de ver o vídeo, empregade o diario de aprendizaxe para facer unha reflexión en grupo que recolla as seguintes cuestións:

  • Que sabemos doutros países durante a Idade Media?
  • Coñecemos monumentos medievais conservados na nosa contorna?
  • Cal é a visión que se ofrece habitualmente da Idade Media? Podemos poñer algún exemplo?

É moi importante que o cubras porque para aprender... hai que reflexionar!

Accede ao modelo a través do apartado diario de aprendizaxe e descárgao.

Lembra: Pregunta ao teu profesor ou profesora se a cubres en papel ou no computador.

Se a cubres no computador, non te esquezas de gardala no teu equipo cando a remates!

Ánimo, faralo xenial!

Feito con eXeLearning (Nova xanela)