Información
A arte románica
O románico é un dos estilos artísticos que se desenvolven no período medieval, xunto co gótico conforman as linguaxes de expresión nos diferentes campos das artes neste amplo período histórico, que é a Idade Media.
Este estilo está considerado tradicionalmente, como a primeira arte unificada do mundo cristián occidental. Desenvolveuse desde finais do século once (XI) e doce (XII), chegando nalgunhas áreas ata principios do século trece (XII), coma foi o caso de Galicia. As súas orixes estiveron en Francia (Loira, Languedoc e Rosellón) e Italia (Lombardía), e desde esas rexións chegou á Península Ibérica, a través das vías de comunicación da época, sobre todo as peregrinacións.
É un estilo que fusiona moitas tendencias e tradicións artísticas europeas do seu tempo e anteriores coma, romanas, carolinxias, bizantinas, islámicas e mesmo de orixe local que van dar ao estilo certas particularidades en cada territorio, sen abandonar os seus trazos recoñecibles.
É importante destacar que a Europa deste período, non é igual á actual, os reinos tiñan fronteiras inestables e cambiantes, algúns tiñan duracións breves ou intermitentes coma o Reino de Galicia, outros foron o xerme dos estados actuais coma o Reino de Portugal. Non esquezas tampouco a situación da Península Ibérica. Practicamente dous terzos da súa superficie estaba ocupada polo Islam, neste territorio non se desenvolveu a arte románica.
Ademais, o románico era tamén reflexo da sociedade estamental. Os grupos privilexiados -clero e nobreza- actuaron como mecenas financiando as obras de arte. En moitos casos este tratábase dun fenómeno rural asociado aos feudos. Se a isto se engade o espírito guerreiro característico da época, enténdese que algunhas igrexas se levantasen a modo de fortificacións, castelos ou cidadelas amuralladas.
A difusión da arte románica lígase a diversos aspectos:
O final das invasións -normandos, árabes, maiares…- e a descomposición do Califato de Córdoba na Península Ibérica, que levaron ao restablecemento da paz no occidente cristián.
A expansión das ordes relixiosas que difundiron o dogma cristián e a forma de transmitilo.
O culto ás reliquias -partes do corpo, das vestimentas ou obxectos de santos/as que se gardaban nas igrexas. Estas fixeron que se establecesen rutas de peregrinación aos lugares onde se atopaban. Este foi o caso, por exemplo, de Xerusalén ou Santiago de Compostela.
Os eidos da arte
Xa sabes que estudamos a arte en tres eidos principais, que, no caso do románico, se centran sobre todo na temática relixiosa, da que chegaron a nós a maioría dos exemplos deste período.
- Arquitectura. Igrexas, mosteiros e catedrais. O auxe das peregrinacións e da relixiosidade, deu un pulo importante para a actividade construtiva. Pero tamén se construíron ou reconstruíron pontes, castelos, edificios civís moitos dos cales non chegaron ata nós.
- Escultura. Moi vencellada á arquitectura relixiosa, case sempre está subordinada a esta.
- Pintura. Frescos e témpera decorando os muros, coma a escultura, cunha finalidade pedagóxica. Transmitir a mensaxe cristiá.
Cada un destes eidos desenvolve formas diferentes pero todas elas presentan características comúns, formando o que se denomina estilo e que permite encadralas na arte románica.
Algunhas claves da arte románica.......bota un ollo!!
As fases do Románico
Para estudar un período artístico tan amplo e variado ides ter que facer unha viaxe no tempo. Así entre os século once e trece (XI-XIII) ides pasar por diferentes fases e lugares. Tradicionalmente distínguense tres grandes etapas:
Un primeiro salto e chegaredes ao Primeiro Románico, entre século once (XI) e comezos do século doce (XII). Desenvólvese principalmente no norte de Italia, desde onde se estenderá polo sur de Francia e norte de Cataluña e Aragón. É un estilo aínda en formación, que maioritariamente se desenvolve na arquitectura, empregando materiais diversos, ladrillo e mampostería. Buscan crear espazos cubertos con bóvedas e empregar columnas con capiteis. Como elemento decorativo distintivo incorporan as chamadas bandas lombardas, coma neste exemplo. Observade tamén que os muros están construídos con pedras de tamaño irregular, a mampostería.
A seguinte parada lévavos ao Románico pleno, que se estende desde o terceiro cuarto do século once (XI), ata mediados do século doce (XII). Neste momento, o románico móstrase xa como un estilo formado e maduro no que xa se desenvolven o resto das formas artísticas (pintura e escultura) ao servizo da arquitectura e da mensaxe relixiosa. É a época das grandes catedrais vinculadas ao Camiño de Santiago, as igrexas do ano mil ou de peregrinaxe, ao longo das grandes vías, estenden o estilo por toda Europa.
No final da viaxe chegaredes a mediados do século doce (XII), e comezos do século trece (XIII), ao Románico Final agora este estilo está evolucionando cara a formas máis recargadas e decorativas. O exemplo máis importante en Galicia e a finalización da Catedral de Santiago e Compostela e o seu pórtico.
Lectura facilitada
Desenvolveuse entre os séculos XI e XIII, con orixes en Francia e Italia.
O románico fusionou diversas influencias artísticas europeas, incluíndo a romana, carolinxia, bizantina, islámica e local.
Esta fusión resultou en variacións rexionais, aínda que mantivo características recoñecibles.
A súa expansión ocorreu a través de roteiros de peregrinación.
O románico, xunto co gótico, representou as principais expresións artísticas da Idade Media, e a súa temática é relixiosa.
Desenvólvese en tres eidos principais:
- Arquitectura. Igrexas, mosteiros e catedrais.
- Escultura. Moi vencellada á arquitectura relixiosa.
- Pintura. Frescos e témpera decorando os muros.
O estilo románico tivo tres etapas principais:
- Románico inicial: entre o século XI e principios do XII. desde o norte de Italia e estendeuse ao sur de Francia, norte de Cataluña e Aragón.
Usaban materiais como ladrillo e cachotería e as bandas lombardas como decoración.
- Románico pleno: finais do século XI ata mediados do século XII.
Construíronse grandes catedrais vinculadas ao Camiño de Santiago.
- Románico final: de mediados do século XII ata principios do XIII.
O estilo evolucionou cara a formas máis decoradas. A grande obra do período foi finalización da Catedral de Santiago de Compostela e o seu pórtico.