Cada un dos diferentes grupos sociais que compoñían a sociedade medieval e moderna antes da caída do Antigo Réxime.
Exemplo:
A sociedade estamental rematou coa Revolución Francesa e comezou a sociedade de clases actual.
Imposto
Definición:
Cantidade de diñeiro que se lle entrega ao estado para a contribución aos gastos comúns.
Exemplo:
Os impostos contribúen ao mantemento do benestar social e con eles páganse os gastos en sanidade, educación e defensa.
Privilexio
Definición:
Beneficio exclusivo dunha persoa polo feito de pertencer a un estamento.
Exemplo:
A nobreza na Idade Media tiña enormes privilexios, como non pagar impostos e poder exercer a xustiza nos seus territorios.
Unha sociedade dividida
A sociedade medieval estaba dividida en estamentos: o clero, formado polos relixiosos e relixiosas; a nobreza, formada polos nobres, dos que os reis e as raíñas eran os máis importantes representantes; e os traballadores, formado polo campesiñado, mercadores e artesáns. De acordo con Adalberón de Laón, cada estamento tiña a súa función: o clero rezaba polas almas dos nobres e dos traballadores, a nobreza loitaba e defendía ao clero e aos traballadores, e os traballadores cultivaban os campos e realizaban traballos de artesanía para o clero e a nobreza.
Os dous primeiros estamentos, o clero e a nobreza, eran os privilexiados, xa que tiñan unha serie de dereitos e privilexios que non posuía o resto. Estes dous estamentos controlaban a sociedade exercendo o seu poder dende a política e a relixión.
Que cres que había máis, privilexiados ou non privilexiados? Efectivamente, o grupo máis numeroso era o dos traballadores que non tiñan privilexios, e o número ía diminuíndo a medida que nos achegamos aos grupos privilexiados. Esta división deu lugar á coñecida pirámide estamental, que representa a sociedade medieval.
Velaí o texto de Adalberón de Laón onde describe a sociedade medieval e as funcións de cada estamento:
Tripla é a casa de Deus que creemos unha: neste mundo uns oran, outros combaten e outros, ademais, traballan; estes tres están xuntos e non toleran estar desunidos, de xeito tal que sobre a función dun descansan as obras dos outros dous, todos á súa quenda axudando aos outros dous.
Adalberón de Laón, Poema a Roberto, rei dos francos
Recorda que as fontes históricas están escritas por persoas cos seus propios intereses, e Adalberón de Laón defendía a sociedade estamental porque el mesmo era membro dun dos estamentos privilexiados.
Lectura facilitada
A sociedade medieval tiña tres grupos principais:
O clero:
Eran os relixiosos e relixiosas.
A súa función era rezar polos demais.
A nobreza:
Os reis e raíñas eran os máis importantes.
A súa función era protexer aos outros grupos.
Defendían con armas ao resto da sociedade.
Os traballadores:
Eran campesiños, mercadores e artesáns.
Traballaban para alimentar a todos.
Facían produtos para o clero e a nobreza.
O clero e a nobreza tiñan privilexios especiais:
Tiñan máis dereitos ca os demais.
Controlaban a sociedade.
Tiñan o poder político e relixioso.
Os traballadores:
Eran o grupo máis numeroso.
Non tiñan privilexios.
Facían o traballo máis duro.
Esta organización tiña forma de pirámide:
Arriba: poucos nobres e relixiosos con moito poder.
Abaixo: moitos traballadores con pouco poder.
Audio
Apoyo visual
Clasifica nos seus estamentos
Arrastra cada personaxe ao seu estamento e comproba canto sabes da sociedade medieval.
O estamento do clero estaba formado polos sacerdotes, monxes e monxas que constituían a Igrexa. Na Europa medieval a relixión maioritaria era o cristianismo, aínda que había xente que tiña outras relixións, como xudeus e musulmáns.
Dentro do clero estaban os monxes e as monxas, que vivían en mosteiros apartados das cidades e eran autosuficientes: os mosteiros funcionaban como verdadeiras aldeas e producían case todo o que precisaban para a súa vida diaria. Estes monxes e monxas formaban o chamado clero regular, porque vivían sometidos a unha regra ou normas de convivencia e traballo. Cando un monxe non cumpría a regra, era castigado polo abade, que era o monxe que estaba ao cargo do mosteiro. Como vedes, os mosteiros non eran moi diferentes aos vosos institutos.
Mosteiro de Santa Maria la Real de las Huelgas (Burgos)
Nas cidades estaba o clero secular. A palabra vén de século, que é como lle chamaban ao mundo laico ou non relixioso. Estes homes facían o mesmo traballo que os curas das parroquias de hoxe en día. Décheste de conta de que dixemos "estes homes"? Na Igrexa católica as mulleres, aínda hoxe, non poden ser sacerdotes. É dicir, non poden dicir misa e soamente poden ser monxas.
Como xa aprendiches na unidade dedicada ao Reino Suevo, a Igrexa divide o seu territorio en parroquias e dioceses. Unha diocese é un conxunto de parroquias, e está gobernada por un bispo. Este é un sacerdote coma os outros, unicamente se diferencia no goberno do territorio, e os sacerdotes da súa diocese deben obedecelo.
Lectura facilitada
A relixión na Idade Media en Europa:
A maioría da xente era cristiá
Tamén había xudeus e musulmáns
Había dous tipos de clero:
Clero regular (nos mosteiros):
Eran monxes e monxas
Vivían lonxe das cidades
Producían a súa propia comida
Tiñan regras estritas
O abade era o xefe do mosteiro
O abade castigaba a quen non cumprira as regras
Clero secular (nas cidades):
Eran os curas das parroquias
Traballaban coa xente
Só podían ser homes
As mulleres non podían ser curas
Como se organiza a Igrexa:
O territorio divídese en parroquias
Varias parroquias forman unha diócese
Cada diócese ten un bispo
O bispo manda sobre os outros curas da súa zona
Dato importante:
Na Igrexa católica, aínda hoxe, as mulleres só poden ser monxas
Non poden ser sacerdotes nin dar misa
Audio
A nobreza
Torneo medieval. Libro dos torneos de René d'Anjou. París, (Biblioteca Nacional de Francia)
A nobreza era o grupo de aristócratas que gobernaban nos diferentes territorios. De seguro que che soan títulos como duque, conde ou marqués. Estes títulos facían referencia ao territorio onde gobernaban: un ducado, un condado ou un marquesado. Os títulos pasaban de pais a fillos, e soamente o rei podía crear novos títulos nobiliarios.
Entre as funcións da nobreza estaba a de facer a guerra para defender ao reino. Pensa que na Idade Media as guerras eran algo habitual, e ás veces duraban moitos anos. A nobreza tiña a obriga de enviar tropas cando o rei o precisaba, e para iso cobraban impostos e administraban grandes territorios en nome da coroa. Para adestrar en tempos de paz, a nobreza cazaba e organizaba torneos: de seguro viches algunha película na que varios cabaleiros se enfrontan con lanzas. Nestes torneos os cabaleiros e os seus escudeiros exercitábanse para manter a boa forma física e o dominio das armas.
Nos séculos once ao trece (XI-XIII) as armas que empregaban eran as espadas, as lanzas, as mazas e os machados. Para defenderse levaban escudos, e os cabaleiros máis ricos podían levar armaduras, que foron evolucionando durante toda a Idade Media ata chegar á armadura de placas completa.
Por outra parte, a caza era un deporte reservado só aos nobres, xa que as fragas e os animais que vivían nelas considerábanse propiedade da coroa e os traballadores non podían acceder libremente. Nin sequera podían cortar leña sen permiso!
Mentres que os traballadores máis pobres vivían en casas de madeira ou barro, a nobreza vivía en pazos e castelos. A medida que avanzaba a Idade Media, as modas foron cada vez máis ostentosas e o estilo de vida máis luxoso. Aprenderemos máis noutros apartados desta unidade.
Lectura facilitada
A nobreza:
Quen eran?
Eran os gobernantes dos territorios.
Había diferentes títulos: duques, condes e marqueses.
Os títulos pasaban de pais a fillos.
Só o rei podía crear novos nobres.
As súas funcións:
Defender o reino nas guerras.
Enviar soldados cando o rei os pedía.
Cobrar impostos.
Administrar territorios.
Como se preparaban para a guerra?
Organizaban torneos.
Practicaban con armas.
Cazaban.
Os cabaleiros loitaban con lanzas.
Os escudeiros axudaban aos cabaleiros.
As súas armas:
Espadas, lanzas, mazas e machados.
Defendíanse con escudos.
Os máis ricos tiñan armaduras.
A caza:
Só os nobres podían cazar.
Os bosques eran do rei.
Os traballadores non podían entrar sen permiso.
Non podían cortar árbores libremente.
Como vivían?
Tiñan pazos e castelos.
Gastaban moito diñeiro en luxos.
Audio
O campesiñado?
En moitos libros de texto faise referencia ao terceiro estamento como ao "campesiñado", pero este termo non é de todo correcto. Os non privilexiados eran todos aqueles que non eran nobres ou relixiosos, polo que comprendía traballadores da terra, mercadores, tecedoras, cantantes, zapateiras, albaneis, carniceiras... canta profesión podades imaxinar, pertencía ao terceiro estamento. A súa función era traballar e manter aos outros dous estamentos a cambio do seu coidado: a nobreza protexíaos en caso de guerras e gobernaba, mentres que o clero coidaba das súas almas.
Debuxo de campesiños levando gran ao muíño
Dentro do terceiro estamento había grandes diferenzas: non vivía igual un campesiño que un mercador, e non se vivía igual nunha aldea de Galicia que nunha cidade como París ou Roma. O que si era igual en todas partes era a dificultade da xente non privilexiada para acceder a un estamento privilexiado. No caso da nobreza, o rei podía crear novos títulos e facer nobre a unha persoa, pero era algo extremadamente difícil. Por outra banda, os postos máis importantes dentro da Igrexa eran ocupados por fillos de familias nobres.
A medida que avanzaba a Idade Media o terceiro estamento foi gañando poder, especialmente gracias ao comercio. Mentres que a nobreza pasaba o tempo guerreando e cazando, os mercadores e descubridores abriron rutas de comercio que xeraron grandes fortunas. Ademais, na Idade Media apareceron os bancos, e moitas familias de banqueiros e mercadores chegaron a ter máis cartos que os propios reis. Isto supuxo un cambio de mentalidade importante e a progresiva perda de poder da nobreza.
Lectura facilitada
O terceiro estamento:
Quen formaba parte del?
Todas as persoas que non eran nobres nin relixiosos.
Campesiños que traballaban a terra.
Mercadores que vendían produtos.
Artesáns: zapateiras, tecedoras, albaneis.
Carniceiras e outros oficios.
Calquera persoa que traballase.
Cal era o seu papel?
Traballar para manter aos outros grupos.
A nobreza protexíaos nas guerras.
O clero coidaba da súa vida espiritual.
Había diferenzas entre eles:
Non todos vivían igual.
Os mercadores tiñan mellor vida ca os campesiños.
A vida era distinta nas aldeas e nas cidades.
Era moi difícil chegar a ser nobre ou relixioso importante.
Como cambiou co tempo?
Os mercadores fixéronse máis ricos.
Abriron novas rutas de comercio.
Apareceron os primeiros bancos.
Algunhas familias de mercadores tiñan máis cartos ca os reis.
A nobreza foi perdendo poder pouco a pouco.
Audio
Medievalizámonos!
Imos dividirnos por estamentos sociais, de xeito proporcional á sociedade medieval feudal. En equipo, cada estamento, elaborade un esquema simple coas obrigas, vantaxes e desvantaxes de cada estamento.
Gustaríache cambiar algo?
Entendes as motivacións das revoltas campesiñas como a dos Irmandiños?
Reflexiona desde o punto de vista do teu estamento feudal.