Saltar navegación

3.6. A mesturarse!

A materia segundo a súa composición

Diferentes sustancias puras e mesturas.

Como xa vimos ao longo do REA, a materia é todo aquilo que ten masa e ocupa un volume. Con respecto a composición da materia podemos diferenciar:

  • Substancias puras: a súa composición non cambia. Estas sustancias non se poden separar mediante métodos físicos. Un exemplo sería a auga. Podemos atopala auga en diferentes lugares ou formas; pero sempre ten a mesma composición.
  • Mesturas: a súa composición cambia. Están formadas por dous ou máis tipos de substancias, que se poden separar por métodos físicos. Un exemplo sería a auga de mar que está formada por auga e sales.

Hai dous tipos principais de mesturas

Mesturas heteroxéneas

Son aquelas nas que si se poden ver ou separar os compoñentes. Se abrimos un ovo podemos observar a clara, a xema e a casca. Estas partes son diferentes e pódense ver e separar facilmente. Isto fai que o ovo sexa unha mestura heteroxénea.

Mesturas homoxéneas

Son aquelas nas que non se poden distinguir os compoñentes (as substancias que mesturamos). Se batemos a clara e a xema dun ovo teremos unha mestura homoxénea, porque non podemos distinguir as partes a simple vista.

Algunhas veces, queremos separar as substancias dunha mestura. Aquí hai algúns métodos que podemos usar:

Diferentes métodos de separación de sustancias.

Filtración

Úsase para separar sólidos de líquidos. Por exemplo colar a auga con area.

Decantación

Serve para separar dous líquidos que non se mesturan, como o aceite e a auga. O aceite queda arriba e a auga abaixo, e podemos quitalos por separado.

Destilación

Serve para separar dous líquidos que se poden mesturar entre si. Non todos os líquidos pasan ao estado gasoso á mesma temperatura, uns fano a temperaturas máis baixas e outros a mais altas. A destilación aproveita esta propiedade para separar os gases.

Evaporación

Se temos unha mestura de auga con sal, quentamos a auga ata que pasa a estado gasoso e o sal quedará no fondo.

Tamizado

Úsase para separar sólidos de diferentes tamaños, como area e pedras pequenas.

Podes ter mais información sobre os métodos de separación vendo este vídeo:

Lectura facilitada

A materia é todo o que ten masa e ocupa un volume.

Con respecto a composición da materia podemos diferenciar:

  • Nas substancias puras a súa composición non cambia.  Un exemplo sería a auga.
  • Nas mesturas a súa composición cambia. Están formadas por dous ou máis tipos de substancias. Un exemplo sería a auga de mar.

Hai dous tipos principais de mesturas:

  • Nas mesturas heteroxéneas pódense ver ou separar os compoñentes.  As partes do ovo forman unha mestura heteroxénea: a clara, a xema e a casca. Estas partes son diferentes e pódense ver e separar facilmente.
  • Nas mesturas homoxéneas non se poden distinguir os compoñentes (as substancias que mesturamos). Ao bater a clara e a xema dun ovo teremos unha mestura homoxénea.

Para separar mesturas de materias podemos empregar:

  • Filtración: úsase para separar sólidos de líquidos. Por exemplo colar a auga con area.
  • Decantación: serve para separar dous líquidos que non se mesturan, como o aceite e a auga. O aceite queda arriba e a auga abaixo. Podemos quitalos por separado.
  • Destilación: serve separar dous líquidos que se poden mesturar entre si. A destilación aproveita que os líquidos se evaporan a distinta velocidade.
  • Evaporación: se temos unha mestura de auga con sal, deixamos que a auga se evapore e o sal quedará no fondo.
  • Tamizado: úsase para separar sólidos de diferentes tamaños, como area e pedras pequenas.

Actividade de encher ocos

Lea o parágrafo seguinte e escribe o método de separación de mesturas correspondente.

  • Colando o cacao quente:
    Imos facer unha cunca de cacao, pero botamos moito po e quedaron grumos! Para separalos, usamos un coador. Este proceso chámase .
  • Aceite e auga no aderezo da ensalada:
    Se mesturamos aceite e auga para facer un aderezo, vemos que non se mesturan ben. Deixamos repousar uns intres e comprobamos que o aceite está por riba. Este método é a .
  • Recollendo sal da auga do mar:
    Na praia collemos auga salgada do mar e deixámola ao sol durante varios días. A auga desaparece, pero o sal queda no fondo. Este método chámase .
  • Separando area e pedras no xardín:
    Queres xogar cun cubo de area, pero hai pedras polo medio. Usas un cribo ou un baruto para deixar pasar a area e separar as pedras. Este método é coñecido .
  • Recollendo clips do chan:
    Estás a facer manualidades e caeron clips ao chan mesturados cun pouco de papel. Para separalos rapidamente, pasas un imán que atrae os clips e deixa o papel atrás. Este método chámase .

Activar JavaScript

Cociñamos unha mestura?

Humpty cociñando unha tortillaParácheste a pensar que as persoas cociñeiras pasan todo o día a facer mesturas na cociña? A cociña ten unha parte moi importante de ciencia.

Se escachamos un ovo nun bol e o batemos que tipo de mestura teriamos? E se lle botamos cachiños de xamón, seguiriamos a ter o mesmo tipo de mestura?

Que che parecería cociñar na clase? Que outras receitas se che ocorren que sexan tan sinxelas coma esta?

Lectura facilitada

As persoas cociñeiras pasan todo o día a facer mesturas na cociña.

A cociña ten unha parte moi importante de ciencia.

Escachamos un ovo nun bol. 

Batemos ese ovo.

Que tipo de mestura temos?

Se lle botamos cachiños de xamón que tipo de mestura temos.

Queres cociñar na clase?

Que outras receitas sinxelas se che ocorren?

Feito con eXeLearning (Nova xanela)