Queres saber máis sobre o noso amigo Humpty Dumpty?
Pois aínda que pareza incrible a súa historia comeza en Inglaterra, concretamente no ano 1648 durante a guerra civil inglesa. Nesa data a cidade amurallada de Colchester estaba a ser asediada polo inimigo, pero os habitantes de dita cidade tiñan unha arma secreta, o xigantesco canón Humpty Dumpty. Si, oíches ben, Humpty Dumpty na súa orixe era un canón, ou iso din.
Non se sabe con seguridade por que tiña ese nome, pero o que si se sabe e que os homes que atacaban a cidade lograron derribar o muro onde estaba situado e tirar o canón ao chan. Debido ao seu enorme peso, os homes do rei non puideron volver a colocalo na súa posición orixinal, e ficou no chan para sempre.
Pronto esta historia, verdadeira ou non, converteuse nunha canción infantil que en ton burlón dicía así:
"Humpty Dumpty sentou nun muro,
Humpty Dumpty tivo unha gran caída.
Nin todos os cabalos nin todos os homes do Rei
Puideron a Humpty recompor xamais."
Neste texto xa non se dicía que Humpty Dumpty fora un canón, nin tampouco que fora un ovo, pero o feito de que na xerga inglesa da época, se usara este nome "Humpty Dumpty" para referirse a alguén torpe e pequeno, fixo que a xente esquecera a súa verdadeira orixe.
Foi no ano 1871 cando Humpty Dumpty apareceu por primeira vez con forma de ovo da man do escritor Lewis Carroll, que converteu ao ovo nun personaxe antropomórfico que falaba de filosofía con Alicia na obra “A través do espello”.
Ao longo do tempo tamén inspirou a numerosos artistas e apareceu en numerosas obras literarias e en televisión, como por exemplo cando foi o protagonista dun anuncio de 'Kinder Sorpresa' no ano 1984 ou por ser o antagonista do Gato con botas na película da franquía 'Shrek'.