Mans á obra: Vexo, penso, pregúntome
Se chegaches ata aquí quere dicir que xa es unha persoa experta en historia, con amplos coñecementos no que significa divulgar e a súa importancia, e xa estás a piques de conseguir o que María de Souto e a súa familia non lograron antes. Parabéns!
Se recordas, o reto é crear un auténtico "Congreso de Historia". Pero tes claro en que consiste un congreso e que precisamos para poder organizalo?
Cales son os aspectos máis importantes dun congreso? Sabes que espazos necesitas?
Este documento darache pistas.
Para te axudares a contestar a esta pregunta e aclarar de que falamos cando dicimos a palabra congreso, realiza a seguinte actividade en equipo.
Podes descargar a ficha e cubrila. Lembra gardala ao remate. Consulta co profesorado o xeito de cubrila.
- Accede ao recurso "Vexo, penso, pregúntome" para imprimir (Nova xanela).
- Accede ao recurso "Vexo, penso, pregúntome" para cubrir no ordenador (máis sostible).
Poñemos en marcha o Congreso!
Tan importante coma os propios produtos é conseguir transmitir toda esa información ao maior número de persoas, dado que este era o verdadeiro reto! Para conseguilo é necesario facer unha boa organización e planificación do Congreso de Historia. Os seguintes pasos para logralo serán:
Creación de grupos
Cada grupo será responsable de coordinar unha parte do congreso
Persoas oradoras: serán as persoas encargadas de facer as exposicións orais. As funcións serán:
- Aprender un discurso.
- Coñecer e empregar os materiais creados como soporte.
- Apoiar as restantes persoas oradoras (tendo material á man para poder dar resposta ante algunha dúbida do público).
Persoas expertas-guía: serán as persoas que mostren a zona de recursos visuais (paneis). As funcións serán:
- Especializarse nun panel (ou apartado do panel, dependendo da cantidade de persoas que pertenzan a este grupo).
- Guiar o público na zona do seu panel.
- Sinalar a información máis relevante ou aquela que crean que deben ampliar e non estea no panel.
Xornalistas: son as persoas que van facer unha recollida de imaxes e de información para poder realizar unha publicación sobre o congreso. As funcións son:
- Sacar fotografías ou facer vídeos.
- Recoller impresións do público, dos membros do centro e da organización do congreso.
- Redactar a publicación.
Recepción e organización: serán as persoas que xestionarán o funcionamento do congreso. As súas funcións serán:
- Recibir o público.
- Acompañar o público ás diferentes seccións do congreso.
- Facer unha despedida ao público.
Publicistas: serán as persoas encargadas de publicitar o congreso e dinamizalo. As súas funcións son:
- Crear recursos en diferentes medios para informar da próxima celebración do congreso (carteis publicitarios, trípticos, cuñas de radio, petición de envío de Abalar por parte do equipo directivo ou visitas ás aulas para informar).
- Elaborar recursos que sirvan para unha mellor comprensión do congreso (mapas, infografías ou trípticos).
Preparación do material
Cada equipo dedicará o tempo destinado á preparación do material a:
- Persoas oradoras:
- Repartir os discursos.
- Aprender o discurso.
- Coñecer os materiais creados coma soporte.
- Seleccionar o material necesario para ter de soporte nas exposicións.
- Persoas expertas-guía:
- Repartir os paneis.
- Aprender o panel ou parte do panel que corresponda.
- Escoller a información que se vai sinalar especialmente.
- Xornalistas:
- Preparar o material para sacar as fotos e facer os vídeos.
- Preparar unha listaxe de preguntas a empregar.
- Buscar exemplos ou prototipos de publicacións que queren realizar
- Recepción e organización:
- Repartirse as zonas nas que vai a participar cadaquén (entrada, guía das seccións ou saída).
- Ensaiar os saúdos e despedidas a empregar.
- Crear o itinerario do público para non interromper.
- Publicistas:
- Realizar carteis publicitarios, trípticos, petición de envío de Abalar por parte do equipo directivo ou visitas ás aulas para informar antes da celebración do congreso.
- Elaborar mapas, infografías ou trípticos para o día do congreso.
- Escoller medios para dinamizar ou promover a participación no propio día do congreso: por exemplo crear nunha parede "gaios" sobre a xornada con post-it, crear un fotocall coa temática do congreso, ou empregar a megafonía para dar mensaxes para animar á participación ou promovendo actividades que se van facer.
Para poder asegurarvos de que estades polo bo camiño, tedes a lista de cotexo de autoavaliación.
Ensaio xeral
Os diferentes grupos revivirán a xornada para poder darlles propostas de mellora aos outros grupos ao finalizar ese ensaio xeral.
Para facilitar este labor, tedes unha rúbrica de coavaliación cos aspectos nos que fixarvos.

