Exposición oral
As exposicións orais consisten en presentar en voz alta un tema estudado, dirixíndose ao público.
Poden ir acompañadas de presentacións ou outros recursos visuais.
Partes dunha exposición oral
Saúdo inicial e presentación do tema
O primeiro paso sempre ten que ser dar a benvida ao público e dicir quen es. Tamén debes anunciar de que vas falar.
Exemplo: “Bo día, son Carla e hoxe vou falarvos da imprenta e da súa importancia na Historia.”
Introdución
É importante espertar o interese da audiencia, dá unha breve explicación que contextualice o tema. Serve para situar a quen escoita.
Exemplo: “Durante moitos séculos, os libros copiábanse a man e só uns poucos podían ler…”
Desenvolvemento
É a parte principal. Aquí explícase o contido con orde, claridade e exemplos. Pódese dividir en apartados ou ideas principais. O ideal é expoñer tres ideas.
Exemplo: “Gutenberg foi quen perfeccionou os tipos móbiles…” etc.
Apoios visuais
Imaxes, presentacións ou obxectos, por exemplo, axudan a entender mellor o que se está a dicir.
Exemplo: Usar unha presentación de diapositivas mentres falas.
Conclusión ou peche
Resume as ideas máis importante e remata a exposición. Pódese incluír unha reflexión, unha pregunta final ou unha frase para lembrar.
Exemplo: “Por obra da imprenta, o coñecemento espallouse por toda Europa. Grazas pola vosa atención.”
Actitude e voz
É a forma de falar, de estar, de mirar ao público… É importante falar con claridade, bo ritmo e mirando a quen escoita. Recorda proxectar a voz.
Quenda de preguntas
Se hai tempo, e de forma opcional, podes deixar que o público pregunte dúbidas ou comente algo ao final.