Saltar navegación

1. O legado da dama esquecida

 

Glosario

Proxecto arqueolóxico

Pictograma que representa unha escavación arqueolóxica

Definición:

É un plan de investigación para saber como vivía a xente no pasado buscando obxectos que quedaron enterrados.

Exemplo:

Grazas a un proxecto arqueolóxico descubríronse os castros do Monte Santa Trega.

Scriptorium

Fotografía dunha especie de biblioteca con mesas de traballo

Definición:

Era o lugar, dentro dun mosteiro, onde os monxes ou as persoas designadas para ese traballo escribían ou copiaban (non existían as fotocopiadoras) escritos antigos e os decoraban con debuxos ou facendo caligrafías especiais.

Exemplo:

A Guía del Monasterio de Ferreira de Pantón foi copiada no scriptorium do Mosteiro de Oseira.

Unha carta, unha misión

Estantería con libros e unha escada apoiadaO día comezou como calquera outro, erades historiadoras e historiadores do departamento de investigación. Semellaba a que sería unha xornada máis pero todo mudou cando a carta fixo a súa aparición.

Nun novo proxecto arqueolóxico da Catedral atoparon unha carta canda un manuscrito. Moitas dúbidas xurdiron. A nosa misión: desvelar todos os segredos que este anaco de papel pode contarnos sobre a nosa historia. 

O primeiro, ler a carta:

1603, Santiago de Compostela 

Á honorable persoa que atope estas palabras:

Son María de Souto, aprendiz no obradoiro de impresións do meu pai, mestre impresor de Santiago. 

Escribo estas palabras nun intento desesperado de pedir axuda e coa esperanza ardente de atopala. 

O meu irmán, canteiro na catedral, entre as pedras do vello claustro románico atopou un manuscrito. Chamoulle a atención e, como sabe da miña curiosidade, tróuxomo. Este manuscrito foi escrito por Rosa da Vila, iluminadora de libros no mosteiro de San Martiño Pinario, no século XII. Sei da súa historia, posto que é a miña devanceira. 

Rosa, como iluminadora, decoraba códices cos símbolos dos peregrinos e os milagres do Apóstolo, traballando no scriptorium á sombra do Pórtico da Gloria. A súa vida non foi doada, pois poucas mulleres podían exercer este oficio, pero non lle bastaba con iso; deixoume unha misión. 

No seu manuscrito escribe sobre unha muller extraordinaria navegante e gobernadora, que cruzou os mares ao mando da súa propia expedición. Non deixaron que ninguén vise ese manuscrito.

Agora, catro séculos despois, quixen acabar o que ela empezara. No meu tempo xa existen imprentas que facilitan a expansión do coñecemento, pero tampouco me permiten deixar este legado por escrito. Deixo esta mensaxe agochada aquí. Espero que quen a atope a faga súa e continúe a misión que a miña antecesora e mais eu non puidemos completar: divulgade esta historia para que nunca se perda no esquecemento. 

María de Souto

Lectura facilitada

O día comezou coma sempre.

Sodes historiadoras e historiadores dun grupo de investigación.

Parecía que ía ser un día normal, pero todo cambiou cando apareceu unha carta.

Na catedral fixeron un novo proxecto arqueolóxico. Alí atoparon unha canda un manuscrito.

Xurdiron moitas preguntas.

A vosa misión é descubrir os segredos que esa carta pode contar sobre a nosa historia.

Primeiro, leamos a carta:


Ano 1603, Santiago de Compostela

Para a persoa que atope esta mensaxe:


Son María de Souto.

Son aprendiz no taller de impresións do meu pai en Santiago.

Escribo esta carta para pedir axuda.

Teño moita esperanza de que alguén a lea.

O meu irmán é canteiro na catedral.

Un día, entre as pedras do antigo claustro, atopou un manuscrito.

Chamoulle moito a atención e tróuxomo, porque sabe que son moi curiosa.


O manuscrito foi escrito por Rosa da Vila.

Rosa viviu no século doce

Rosa era unha muller que decoraba libros no mosteiro de San Martiño Pinario

Ela é unha antepasada miña.


Rosa decoraba libros con debuxos.

Facía debuxos de  peregrinos e  do Apóstolo Santiago.

Facíao nun lugar chamado scriptorium.

A súa vida foi difícil, porque poucas mulleres podían facer ese traballo.

Pero ela fixo algo máis.

Deixoume unha misión.

No seu manuscrito fala dunha muller extraordinaria.

Esa muller era navegante e tamén gobernadora.

Esa muller dirixiu a súa propia expedición por mar.

Non deixaron que ninguén coñecese esta historia.


Catrocentos anos despois, eu quixen rematar o que Rosa comezara.

Agora existen imprentas, pero aínda así non me deixan contar esta historia.

Por iso escondo esta mensaxe.

Se a atopas, faina túa.

Continúa a misión que nin Rosa nin eu puidemos completar.

Conta esta historia para que nunca se esqueza.

María de Souto

Apoio visual

Apoio visual do texto principal apoiado con pictogramas (parte dúas)

Apoio visual do texto principal apoiado con pictogramas



Feito con eXeLearning (Nova xanela)