Saltar navegación

Todo é materia

 

Glosario

Probeta

Ilustración que representa unha probeta
Definición:

Unha probeta é un pequeno tubo transparente, de plástico ou de vidro, que serve para medir ou mesturar líquidos.

Exemplo:

Para facer o experimento necesitamos mesturar na probeta 25 ml de auga e 50 ml de alcol.

Propiedades da materia

No universo, todo está formado por materia. Para comprender a realidade do que pode suceder no planeta Carbonus, debemos comprender este concepto. 

Todo o que nos rodea está formado por materia: a auga, as plantas, as persoas, os obxectos e incluso o aire, aínda que non sexamos capaces de velo.

A materia posúe masa e volume, por iso, dicimos que a masa e o volume son as propiedades xerais da materia.

Masa

Ilustración que representa unha báscula

  • A masa é a cantidade de materia que ten un corpo.
  • A principal unidade de masa é o quilogramo.
  • Para calcular a masa que ten un corpo pesámolo.
  • Podemos facelo, por exemplo, cunha balanza ou cunha báscula.

Volume

Ilustración que representa unha botella

  • O volume é o espazo que ocupa un corpo.
  • O litro é unha medida de volume. 
  • Para calcular o volume podemos usar un recipiente graduado cun líquido no seu interior.

Lectura facilitada

Todo o que nos rodea está feito de materia.

A materia ten masa e volume e por iso son propiedades xerais da materia. 

A masa é a cantidade de materia que ten un corpo.

Mídese cunha balanza ou báscula e exprésase en quilogramos.

O volume é o espazo que ocupa un corpo calquera.

Pode medirse cun recipiente numerado e exprésase en litros.

Calculando a masa

                                              Para calcular a masa dun corpo, podemos utilizar unha balanza ou unha báscula para saber o seu peso. 

Ilustración que representa un obxecto sobre unha báscula

  1. Formamos os grupos de traballo para comezar a investigar.
  2. Necesitaremos unha báscula.
  3. Pesamos diferentes obxectos da aula: estoxo, ordenador, mochila, cadernos... E comparamos o seu peso.
  4. Para levar a cabo esta pequena práctica sobre a masa, podemos utilizar a seguinte ficha (nova xanela)(Versión editable)

Calculando o volume

Ilustración que representa a forma de medir o volume dun obxectoPara medir o volume, é dicir, para saber o espazo que ocupa unha determinada materia, podemos facer a seguinte práctica:

  1. Formamos os grupos de traballo.
  2. Necesitaremos unha probeta ou recipiente graduado.
  3. Botamos auga ata unha medida determinada. 
  4. Metemos un obxecto dentro do recipiente.
  5. O nivel de subida da auga é o volume do obxecto. 
  6. Para levar a cabo este experimento, podedes utilizar o seguinte modelo de ficha (nova xanela). (Versión editable)

Outras propiedades da materia

Xa sabemos que a materia é todo o que ten masa e volume e está formada por unidades básicas moi pequenas, que non podemos ver, chamadas átomos.

Os átomos, á súa vez, están formados por partículas máis pequenas que poden ser de tres tipos: os protóns, os electróns e os neutróns, e que son as responsables de que ocorran os fenómenos eléctricos.

  • Os electróns teñen carga negativa.
  • Os protóns teñen carga positiva.
  • Os neutróns non posúen carga.

Outra propiedade da materia é o magnetismo, que é un fenómeno físico polo que os obxectos exercen forzas de atracción ou repulsión sobre outros materiais.

Repulsión

Ocorre cando dous obxectos posúen carga positiva.

Ilustración que representa a forza de repulsión

Ocorre tamén cando dous obxectos posúen carga negativa.

Ilustración que representa a forza de repulsión

Atracción

Ocorre cando dous obxectos posúen distinta carga.

Ilustración que representa a forza de atracción

Pero... Como se produce a corrente eléctrica?

A corrente eléctrica consiste no movemento que teñen as cargas eléctricas a través dun material. Esta corrente é necesaria para que funcionen as máquinas eléctricas a través dos circuítos eléctricos.

Un circuíto eléctrico consiste nun conxunto de elementos que, unidos de forma axeitada, permiten xerar, distribuír e aproveitar a corrente eléctrica. Para que circule a corrente eléctrica a través do circuíto, debe estar pechado, é dicir; que todos os seus compoñentes estean conectados entre si e co interruptor pechado.

Partes do circuíto eléctrico:

Ilustración que representa un circuíto eléctrico

O xerador é o que produce a enerxía eléctrica. Ten dous polos: as cargas saen por un deles e entran polo outro. Así, créase a corrente.

O interruptor, que nos permite cortar ou restablecer a corrente eléctrica.

Os cables, que transportan a corrente eléctrica dende o xerador ao resto dos compoñentes do circuíto. Soen ser de cobre e recubertos con plástico.

Os receptores, como as lámpadas ou os ventiladores, que son os que reciben a corrente e a transforman en luz, calor, movemento...

Circuítos en serie

Os receptores conéctanse uns a continuación dos outros e todos os compoñentes comparten a mesma corrente. Se un receptor se funde, impide o paso da corrente, e os demais deixarían de funcionar.

Circuítos en paralelo

Os circuítos en paralelo son aqueles nos que os receptores están conectados ao xerador de forma directa. Por tanto, se un receptor se funde, os demais seguirán funcionando.

Lectura facilitada

Os átomos son partículas moi pequenas das que está feita a materia.

Os átomos están formados por protóns, neutróns e electróns.

Os protóns, neutróns e electróns encárganse de producir os fenómenos eléctricos.

Os electróns teñen carga negativa.

Os protóns teñen carga positiva.

Os neutróns non teñen carga.

Se dous obxectos teñen carga positiva ou negativa, prodúcese a repulsión (sepáranse).

Se dous obxectos teñen cargas diferentes, prodúcese a atracción (atráense).

A corrente eléctrica prodúcese cando as cargas eléctricas se moven.

Esa corrente eléctrica é a que necesitan as máquinas para funcionar cos circuítos eléctricos.

Un circuíto eléctrico é un grupo de elementos que traballan xuntos para producir, distribuír e aproveitar a corrente eléctrica.

O circuíto ten que estar pechado para que exista corrente eléctrica.

O circuíto eléctrico consta de:

— Xerador: produce a enerxía eléctrica.

— Interruptor: permite cortar ou conectar a corrente eléctrica.

— Cables: levan a corrente eléctrica dende o xerador a todos os elementos do circuíto.

— Receptores: reciben a corrente eléctrica.

Coñeceremos dous tipos de circuítos:

  • En serie: se un receptor deixa de funcionar, os demais tamén.
  • En paralelo: se un receptor se estraga, o resto continúa funcionando.

Argalla: construción dun circuíto eléctrico

Construción dun circuíto eléctrico

Segue estes pasos:

  • Elixe entre elaborar un circuíto en serie, con dous receptores e un interruptor; ou elaborar un circuíto en paralelo, con dous receptores e un interruptor.
  • A continuación, fai un debuxo do circuíto que queredes construír, xunto a unha lista dos materiais que vas necesitar.
  • Despois mostra o debuxo á persoa docente e, se está todo correcto, entregarache o material para poder comezar a construílo (sempre contando coa axuda necesaria).
  • Ao rematar a tarefa, debes comprobar que todo funcione correctamente.
  • Por último, explica ao resto da clase como foi o teu traballo, os pasos que seguiches e os problemas que puideron xurdir durante a tarefa.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)