Saltar navegación

ConCiencia sostible

 

Glosario

Combustibles fósiles

Ilustración que representa un combustible fósil
Definición:

Os combustibles fósiles son aqueles que proveñen da descomposición de restos de organismos que nalgún momento estiveron vivos (plantas, animais ou calquera tipo de ser vivo).

Exemplo:

Os combustibles fósiles son o carbón, o petróleo e o gas natural.

Ecolóxico

Ilustración que representa un planeta nas nosas mans
Definición:

Ecolóxico significa que algo non prexudica ao medio ambiente, que coida o planeta.

Exemplo:

Algúns exemplos de produtos ecolóxicos son: lapis con sementes, cadernos reutilizables, mobles con madeira reciclada...

Desenvolvemento sostible

Ilustración que representa enerxías renovables


Imaxínate dentro de dez anos. Seguro que che gustaría poder seguir usando o móbil, a tableta, a cociña ou o transporte. Pero, para iso, precisamos da enerxía e debemos concienciarnos da importancia do desenvolvemento sostible. Agora ben, que quere dicir?

O desenvolvemento sostible consiste en satisfacer as necesidades actuais das persoas, sen comprometer as necesidades das xeracións futuras. É dicir, non podemos esgotar os recursos que temos na actualidade sen pensar no que pasará no futuro.

Como xa viches nos apartados anteriores, segundo a fonte de enerxía que empreguemos, estaremos contaminando en maior ou menor medida. No planeta Carbonus abusaron do consumo dos combustibles fósiles ata esgotalos e a contaminación nese planeta fai imposible a vida. 

Apagas a televisión ou o cargador do móbil se non o usas? Sabes de onde provén a enerxía para ter luz na casa ou para cociñar? Que consecuencias ten para o planeta a forma na que consumimos enerxía? Estas son algunhas preguntas que debes facer para reflexionar sobre a problemática ecolóxica. Quizais non estea só en perigo o planeta Carbonus. Non hai tempo que perder!

Lectura facilitada

Imaxínate dentro de dez anos.

Seguro que che gustaría poder seguir usando o móbil, a tableta, a cociña ou o transporte.

Pero, para iso, precisamos da enerxía e debemos concienciarnos da importancia do desenvolvemento sostible.

Agora ben, que quere dicir?

Non podemos esgotar os recursos que temos na actualidade sen pensar no que pasará no futuro.

No planeta Carbonus abusaron do consumo dos combustibles fósiles ata esgotalos e a contaminación nese planeta fai imposible a vida. 

Apagas a televisión ou o cargador do móbil se non o usas?

Sabes de onde provén a enerxía para ter luz na casa ou para cociñar?

Que consecuencias ten para o planeta a forma na que consumimos enerxía?

Estas son algunhas preguntas que debes facer para reflexionar sobre a problemática ecolóxica.

Quizais non estea só en perigo o planeta Carbonus.

Non hai tempo que perder!

Modelos enerxéticos

No noso planeta Terra, o modelo enerxético actual provén maioritariamente dos combustibles fósiles e a contaminación vai en aumento. Por iso, é necesario crear novos modelos enerxéticos que nos permitan unha mellora da nosa vida, pero que sexan respectuosos coa Terra. En definitiva, un modelo sostible. 

Na actualidade, tres mil millóns de persoas aínda cociñan con combustibles moi contaminantes. Nos últimos anos, o emprego de enerxías renovables, como a hidroeléctrica, a solar e a eólica vai aumentando, pero non o suficiente. 

A continuación, veremos as diferencias entre o modelo enerxético actual e os modelos enerxéticos sostibles.

Modelo enerxético actual

Algunhas das características máis importantes deste modelo son:

  1. Uso de enerxías non renovables e, polo tanto, dependemos da subministración de carbón, petróleo, gas natural ou uranio, que existen só en certos puntos do planeta.
  2. Esgotamento de recursos. Os combustibles son limitados polo que se poderían chegar a esgotar en poucos anos.
  3. Dificultade para conseguir os recursos naturais a medida que se vaian esgotando.
  4. As enerxías non renovables son máis contaminantes.

Modelos enerxéticos sostibles

Para superar os problemas do modelo actual, debe propoñerse un modelo enerxético alternativo baseado en:

  1. Que todo o mundo poida acceder á enerxía a un prezo razoable.
  2. Protexer o medio ambiente tendo en conta que as enerxías renovables son as máis respectuosas co medio.

ODS

No 2015, os líderes mundiais comprometéronse a conseguir 17 obxectivos para acadar un desenvolvemento sostible no ano 2030. Son os denominados Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

Algúns deles son: fin da pobreza, fame cero, educación de calidade ou agua limpa. Entre eles, está o obxectivo 7: enerxía accesible e non contaminante, que é o obxectivo referente para solucionar o noso reto.

O que se pretende con este obxectivo é garantir que todas as persoas poidan acceder á enerxía, aumentar as enerxías renovables e reducir o consumo de enerxía facendo un uso responsable. 

Nesta táboa podes ver os dezasete ODS. Preme enriba da imaxe para ampliala.

Ilustración que representa os Obxectivos De Sostibilidade


Achegando ideas

Que podes facer ti para axudar á redución da contaminación?

En grupos, deberedes achegar ideas por escrito para contribuír a reducir a contaminación nun folio xiratorio. 

  1. Haberá un folio por grupo. 
  2. Un integrante do grupo comeza a escribir a súa idea e, cando remate, pasa o folio á persoa do lado. E así, sucesivamente, ata que participe todo o grupo.
  3. Antes de escribir, deberedes comentar en alto a vosa idea para que a escoite o resto do equipo.  
  4. Mentres un escribe, os demais pensan e achegan novas ideas.

Cando remate o tempo, expoñeredes ante o resto da clase as vosas achegas. 

Ilustración que representa actividade grupal

Indaga na rede

Agora que xa tes máis coñecemento sobre os modelos enerxéticos e como afectan ao noso planeta, podes facer unha presentación con fotografías. Para iso, debes indagar na rede en busca de información e imaxes para facer a presentación, na que debes explicar como cres que deberían ser os modelos enerxéticos do noso futuro.

Ilustración que representa unha actividade de investigación

Para saber máis

Se queres saber máis sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible pulsa na seguinte ligazón: ODS (nova xanela).

Feito con eXeLearning (Nova xanela)