Saltar navegación

3.3. Actuamos

Actuar

Agora que xa exploramos Carbonus e coñecemos os recursos que podemos empregar para devolver a enerxía eléctrica a ese planeta, é o momento de traballar en grupo para realizar as maquetas. Unha maqueta é unha creación a tamaño reducido dunha construción. Neste caso, o voso proxecto amosará como grazas as enerxías renovables é posible producir enerxía eléctrica, permitindo acender as luces da maqueta.

Ilustración que representa unha maqueta

Descrición 

Cada grupo elaborará unha maqueta, na que incluiredes:  

  • 1 aeroxerador, para acender unha luz grazas á enerxía eólica.
  • 1 panel solar, para acender unha luz grazas á enerxía solar.
  • 1 xerador hidráulico, para acender unha luz grazas á enerxía hidráulica.

Cada grupo decidirá os elementos decorativos da maqueta (a forma das casa, as cores, as rúas...). Polo que cada maqueta será diferente e terá como resultado unha diversidade de ideas para compartir e aprender. 

Preparación 

  • Grupos formados previamente por 4 integrantes, segundo as tarxetas que vos tocaron ao comezo do proxecto.
  • Cada grupo terá un cartón ou cartón pluma sobre o que realizar a maqueta (70 cm x 50 cm). Será a base sobre a que iredes poñendo os diferentes elementos da vosa maqueta.
  • Lembrade que, antes de recortar e pegar, primeiro deberedes pensar, buscar ideas, organizar e deseñar.
  • Traballades en grupo, polo que non esquezades que a opinión de cada membro é moi importante, debendo respectar as diferentes ideas e chegar a acordos.  

Exposición

Unha vez rematadas as maquetas, chega o momento de amosar ao resto da escola e ás familias o noso gran traballo e o moito que aprendemos sobre as enerxías renovables. 

Para iso, organizaremos unha xornada de congreso científico. Onde poderedes compartir as vosas achegas científicas cos demais grupos. 

Ilustración que representa unha exposición

Feito con eXeLearning (Nova xanela)