Saltar navegación

Unha ollada ás celulas

 

Glosario

Eucariota

Célula eucariota

Definición:

Organismos cuxas células teñen núcleo definido e outros orgánulos rodeados por membranas.

Exemplo:

Tanto un animal como a herba (e tamén as algas, os fungos e os protozoos) son organismos eucariotas.

Microscopio

Microscopio óptico composto

Definición:

Instrumento que permite observar cousas moi pequenas que doutro xeito non poderíamos ver. 

Exemplo:

Precisamos un microscopio para ver células.

Procariota

Célula procariota

Definición:

Organismo unicelular que non ten un núcleo definido nin outros orgánulos rodeados por membranas.

Exemplo:

As bacterias e as arqueas son organismos procariotas.

Tres eran tres

Temos logo tres tipos fundamentais de células, as procariotas, as eucariotas animais e as eucariotas vexetais. As células procariotas foron as primeiras en aparecer na Terra e as eucariotas evolucionaron a partir das procariotas. Imos ver as súas características principais:

A célula procariota

Representación dunha célula procariotaAs células procariotas son un tipo de célula moi sinxela que se atopa en organismos como as bacterias. Aquí tes algunhas das súas principais características (preme na imaxe para vela rotulada):

  • Sen núcleo verdadeiro: as células procariotas non teñen un núcleo definido. O seu material xenético (ADN) está disperso no citoplasma, nunha rexión chamada nucleoide.
  • Tamaño pequeno: as células procariotas son xeralmente máis pequenas que as células eucariotas, cun tamaño que oscila entre 1 e 10 micrómetros.
  • Membrana plasmática: todas as células procariotas teñen unha membrana plasmática que rodea a célula e regula a entrada e saída de substancias.
  • Parede celular: a maioría das células procariotas teñen unha parede celular que proporciona estrutura e protección. 
  • Ribosomas: as células procariotas teñen ribosomas, que son os orgánulos responsables da síntese de proteínas. Estes ribosomas son máis pequenos que os das células eucariotas.
  • Pili: estruturas filamentosas curtas que están na superficie das bacterias. 
  • Flaxelo bacteriano: algunhas bacterias posúen unha estrutura filamentosa que lles permite desprazarse.
  • Reprodución asexual: as células procariotas reprodúcense principalmente por bipartición.

A célula eucariota animal

Ilustracion dunha célula eucariota animalAs células eucariotas animais son un tipo de célula máis complexa que se atopa en organismos como os humanos, os animais e moitos outros seres vivos. Aquí tes algunhas das súas principais características (preme na imaxe para vela rotulada):

  • Núcleo verdadeiro: as células eucariotas teñen un núcleo definido onde se atopa o material xenético (ADN). O núcleo está rodeado por unha membrana nuclear que o separa do resto da célula.
  • Orgánulos membranosos: estas células conteñen varios orgánulos rodeados por membranas, como as mitocondrias (que producen enerxía), o retículo endoplasmático (que fabrica e transporta proteínas e lípidos) e o aparato de Golgi (que modifica e distribúe proteínas e lípidos).
  • Membrana plasmática: todas as células eucariotas teñen unha membrana plasmática que rodea a célula e regula a entrada e saída de substancias.
  • Ribosomas: as células eucariotas teñen ribosomas, que son os orgánulos responsables da síntese de proteínas. Estes ribosomas son máis grandes que os das células procariotas.
  • Citoplasma: o citoplasma é o fluído que enche o interior da célula e contén os orgánulos. É o lugar onde se realizan moitas das reaccións químicas da célula.
  • Citoesqueleto: as células eucariotas teñen un citoesqueleto, unha rede de fibras que proporciona estrutura e soporte á célula, e tamén axuda no movemento dos orgánulos dentro da célula.
  • Reprodución sexual e asexual: as células eucariotas pódense reproducir tanto sexualmente (mediante a fusión de células sexuais) como asexualmente (mediante a división celular).

A célula eucariota vexetal

Representación dunha célula eucariota vexetalAs células eucariotas vexetais son un tipo de célula máis complexa que se atopa en organismos como as plantas. Aquí tes algunhas das súas principais características (preme na imaxe para vela rotulada):

  • Núcleo verdadeiro: as células eucariotas vexetais teñen un núcleo definido, onde se atopa o material xenético (ADN). O núcleo está rodeado por unha membrana nuclear que o separa do resto da célula.
  • Orgánulos membranosos: estas células conteñen varios orgánulos rodeados por membranas, como as mitocondrias (que producen enerxía), o retículo endoplasmático (que fabrica e transporta proteínas e lípidos) e o aparato de Golgi (que modifica e distribúe proteínas e lípidos).
  • Cloroplastos: as células vexetais teñen cloroplastos, que conteñen clorofila e son responsables da fotosíntese, o proceso polo cal as plantas elaboran os seus propios nutrientes utilizando a luz solar.
  • Vacuola central: as células vexetais teñen unha vacuola central grande que almacena auga, nutrientes e produtos de refugallo, e axuda a manter a presión interna da célula.
  • Membrana plasmática: todas as células eucariotas teñen unha membrana plasmática que rodea a célula e regula a entrada e saída de substancias.
  • Parede celular: as células vexetais teñen unha parede celular ríxida composta por celulosa, que proporciona estrutura e protección á célula.
  • Plasmodesmos: pequenos canais que conectan as células vexetais entre si, permitindo o intercambio de substancias e a comunicación entre elas.
  • Citoplasma: o citoplasma é o fluído que enche o interior da célula e contén os orgánulos. É o lugar onde se realizan moitas das reaccións químicas da célula.

Estas características fan que as células eucariotas vexetais sexan únicas e especializadas, permitindo que realicen funcións vitais para a vida das plantas, como a fotosíntese e o almacenamento de nutrientes.

Lectura facilitada

Hai tres tipos fundamentais de células:

Células procariotas

  • É un tipo de célula moi sinxela.
  • Atópase en organismos como as bacterias.
  • Sen núcleo verdadeiro.
  • Tamaño pequeno (entre 1 e 10 micrómetros).
  • A membrana plasmática rodea a célula e regula o tránsito de substancias.
  • A maioría teñen unha parede celular que proporciona estrutura e protección. 
  • Teñen ribosomas, que son os orgánulos responsables da síntese de proteínas. Estes ribosomas son máis pequenos que os das células eucariotas.
  • Posúen pili na superficie das bacterias. 
  • Algunhas bacterias posúen un flaxelo filamentoso na superficie que lles permite desprazarse.
  • Reprodúcense asexualmente por bipartición.

Células eucariotas animais

  • Atópanse en todos os organismos do reino animal e algúns do reino protoctista.
  • Teñen núcleo verdadeiro.
  • Conteñen varios orgánulos rodeados por membranas, como as mitocondrias, o retículo endoplasmático e o aparato de Golgi.
  • Teñen unha membrana plasmática que rodea a célula e regula a entrada e saída de substancias.
  • Teñen ribosomas máis grandes que os das células procariotas.
  • O interior está ocupado polo citoplasma, onde se realizan moitas das reaccións químicas da célula.
  • Teñen citoesqueleto, unha rede de fibras interior, que dá estrutura e soporte ás células.
  • Poden reproducirse tanto sexualmente como asexualmente.

Células eucariotas vexetais

  • Atópanse en todos os organismos do reino plantas e algúns do reino protoctista.
  • Teñen núcleo verdadeiro.
  • Conteñen varios orgánulos rodeados por membranas, como as mitocondrias, o retículo endoplasmático e o aparato de Golgi.
  • Teñen cloroplastos con clorofila para realizar a fotosíntese.
  • Teñen unha vacuola central grande que almacena distintas sustancias e mantén a presión interna da célula.
  • Posúen unha membrana plasmática que rodea a célula e regula a entrada e saída de substancias.
  • Teñen unha parede celular ríxida composta por celulosa, que proporciona estrutura e protección á célula.
  • Presentan pequenos canais, chamados plasmodesmos, conectando as células vexetais entre si e permitindo a comunicación entre elas.
  • O interior está ocupado polo citoplasma, onde se realizan moitas das reaccións químicas da célula.

Miniexperiencia: mirando o invisible

Cando falamos de células, o tamaño importa. As células adoitan ser tan pequenas que, para poder velas, precisamos usar un microscopio. Nesta actividade imos ver e comparar as células procariotas coas eucariotas e, dentro destas últimas, as vexetais coas animais. 

Lectura facilitada

  • As células  son moi pequenas.
  • Para poder velas precisamos usar un microscopio.
  • Nesta actividade imos ver e comparar as células procariotas coas eucariotas, e as eucariotas vexetais coas eucariotas animais. 

Preparación procariotas fronte a eucariotas

Compararemos células procedentes do iogur con células de fermento de panadería. 

    1. Coloca un chisquiño de fermento de panadería nun vaso de precipitados con auga morna.
    2. Remexe ata que non haxa grumos. 
    3. Dilúe unhas pingas de iogur bebible nun vasiño cun pouquiño de auga.
    4. Remexe para que se mesture ben.
    5. Colle un portaobxectos e coloca unha pequena pinga de cada vaso, unha enriba da outra.
    6. Coloca un cubreobxectos.

Preparación de células eucariotas vexetais

  1. Prepara un portaobxectos limpo.
  2. Coloca no medio unha pinga de Lugol.
  3. Corta unha lasca de cebola.
  4. Na parte interior, fai cortes para que queden cadradiños de 1cm de lado aproximadamente.
  5. Cunha pinza, colle un cadradiño da película que hai na parte interior da lasca.
  6. Coloca o cuadradiño sobre a gota de Lugol de forma que a parte cóncava quede cara abaixo.
  7. Tapa a pinga e a película de cebola cun cubreobxectos.

Preparación de células eucariotas animais

  1. Prepara un portaobxectos limpo.
  2. Coloca unha pinga de auga na zona central do portaobxectos.
  3. Colle un palillo e roza suavemente o interior da meixela.
  4. Deposita o recollido sobre a gota do portaobxectos con lixeiros toqueciños.
  5. Coloca unha pinga de azul de metileno sobre a pinga de auga.. 
  6. Deixa actuar 1 ou 2 minutos.
  7. Coloca un cubreobxectos.
  8. Introduce a preparación nun papel de filtro dobrado.
  9. Preme lixeiramente para eliminar o exceso de líquido.

Observación

Baixo a dirección da persoa docente, segue este procedemento:

  1. Coloca en posición o obxectivo de 4 aumentos (o máis pequeniño).
  2. Coloca a platina na posición máis baixa usando o parafuso macrométrico.
  3. Coloca a preparación sobre a platina
  4. Centra a zona na que está o material a observar.
  5. Acende a fonte de luz.
  6. Sube a platina ata a posición máis alta.
  7. Enfoca afastando a platina moi a modo co parafuso macrométrico.
  8. Axusta o enfoque co parafuso micrométrico.
  9. Centra no campo visual a zona que queres ver a maior aumento.
  10. Cambio ao obxectivo de 10 aumentos.
  11. Axusta o enfoque co parafuso micrométrico.
  12. Centra no campo visual a zona que queres ver a maior aumento.
  13. Cambia o obxectivo polo de 40 aumentos
  14. Axusta o enfoque co parafuso micrométrico.
  15. Centra no campo visual a zona onde mellor se vexa o motivo.

Rexistro da observación

Fai no teu caderno un debuxo de cada preparación. Trata de identificar:

  1. As células procariotas e as eucariotas na primeira preparación. 
  2. A parede celular, o núcleo e o citoplasma nas células eucariotas vexetais.
  3. A membrana plasmática, o núcleo e o citoplasma nas células eucariotas animais.

Aplícao

Pregunta

1. Que tipo de células sinaladas na imaxe da dereita?

Respostas

Procariotas

Eucariotas

Pregunta


2. Que tipo de células dirías que son as que se amosan na imaxe da dereita?

Respostas

Eucariotas animais

Eucariotas vexetais

Pregunta

3. Que tipo de células dirías que son as que se amosan na imaxe da dereita?

Respostas

Eucariotas animais

Eucariotas vexetais

Pregunta

4. Que tipo de células dirías que son as que se amosan na imaxe da dereita?

Respostas

Procariotas

Eucariotas

Activar JavaScript

Feito con eXeLearning (Nova xanela)