Saltar navegación

Afondando

Darwin

Como podemos explicar a gran cantidade de organismos que existen na Terra? Durante séculos, pensábase que as especies nunca cambiaban, que eran inmutables. Non obstante, uns científicos chamados Charles Darwin e Alfred Russel Wallace atrevéronse a cuestionar esta idea. Sabes que descubriron? Que as especies si cambian co tempo.

Investiga sobre a vida e o traballo científico de Charles Darwin e responde no teu caderno:

a) Onde e cando naceu Charles Darwin?

b) Que lugares visitou durante o súa famosa viaxe a bordo do barco Beagle?

c) Que papel tivo Wallace?

Darwin propuxo a teoría da selección natural, segundo a cal o ambiente no que viven os seres vivos dunha poboación inflúe na súa capacidade de supervivencia e reprodución. Aqueles individuos con características máis favorables para o seu entorno, como a cor da pelaxe no caso de animais que dependen da camuflaxe, teñen maiores probabilidades de reproducirse.

Non o entendes de todo? Non te preocupes! Explicarémoscho con máis detalle no seguinte apartado.

Lectura facilitada

Durante séculos, pensábase que as especies nunca cambiaban.

Charles Darwin e Alfred Russel Wallace demostraron que cada poboación faino co tempo.

Darwin propuxo a selección natural.

A selección natural di que cando o ambiente cambia aumenta a reprodución dos seres vivos que conteñan algunha característica favorable (como por exemplo unha determinada cor de pelaxe).

 

Máis polo miúdo

Como xa mencionamos anteriormente, a diversidade dentro dunha poboación é fundamental para a súa supervivencia fronte a cambios ambientais como glaciacións, inundacións, secas ou movementos tectónicos, xa que permite unha maior adaptación ás novas condicións. 

Máis polo miúdo:

  • Dentro dunha poboación as características son diversas: cor da pelaxe, raias nas cebras, lonxitude das patas nas ras...
  • Esta variedade de características é fundamental cando cambia o ambiente como por exemplo ante as glaciacións, as inundacións...
  • Os individuos que teñan unha característica favorable para ese ambiente, como por exemplo a cor da pelaxe branca nunha glaciación se, se son animais que dependan da camuflaxe, reproduciranse máis.

Imos con este exemplo das avelaíñas dos bidueiros de Inglaterra para que o entendas ben!

As avelaíñas nas árbores

  • Situación A: en Gran Bretaña abunda unha avelaíña que vive na cortiza dos bidueiros. No século pasado, as cortizas das árbores estaban cubertas de liques que lle daban cor máis clara. Había avelaíñas de cores claras e negras.
  • Situación B: todo parecía normal ata que chegou a revolución industrial e as fábricas botaban gases polas súas chemineas; os liques desapareceron e as cortizas dos bidueiros adquiriron unha cor máis escura.
  • Poderías predicir que ocorre coas avelaíñas? No seguinte vídeo terás a resposta.

Outro cambio

Ultimamente, estanse controlando as emisións das industrias, a contaminación comeza a reducirse e volven aparecer os liques nas cortizas das árbores.

  • Que ocorrera agora coas avelaíñas cando diminúa a contaminación?

Miniexperiencia: representando o cambio: quen sobrevivirá?

Imaxinade unha zona húmida que adoita estar verde durante case todo o ano, onde viven uns insectos que están moi ben adaptados a súa contorna, polo que terán unha cor verde para camuflarse mellor e uns poucos de cor marrón. Chega unha longa seca que dura varios anos. O campo que antes era verde vólvese seco e marrón. Agora en parellas, reflexionade como representariades esta situación?

  • No caso do campo, que cores escolleriades de papel, goma eva ou cartolina para representar cada medio?
  • E os insectos, como os fariades? Pensade nun material para representalos, non esquezas as cores.
  • A continuación, exemplificade cos materiais elixidos as dúas situacións, é dicir: antes e despois da seca, indicando os insectos que se verán favorecidos en cada unha delas.

Lectura facilitada

  • Dentro dunha poboación hai diversas características (cor da pelaxe, raias nas cebras, lonxitude das patas nas ras...).
  • Esta variedade de características é fundamental cando cambia o ambiente, por exemplo cando hai glaciación ou inundacións.
  • Os individuos que teñan unha característica favorable para ese ambiente, por exemplo, a cor da pelaxe branca ante unha glaciación,  se reproducirán máis.
  • Un exemplo disto son as avelaíñas do bidueiro que poden ser claras ou escuras, e a súa supervivencia depende da contorna.
  • Antes da Revolución Industrial predominaban as claras.
  • Coa contaminación, os troncos escureceron e favoreceron ás avelaíñas escuras. Un claro exemplo de selección natural.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)