2.2. Pero... ti que dis?
O home descende do mono!
De certo que non é a primeira vez que o escoitas:
O home descende do mono!
Pois se trata dunha cuestión científica que non é certa e cómpre aclarar.

Esta afirmación foi feita por primeira vez para ridiculizar e poñer en cuestión a teoría da evolución de Darwin, e, como moitas outras cousas, foi sendo transmitida ata que se converteu en algo que a maioría da xente dá por certo.
Cando dicimos "o home descende do mono" todo o mundo pensa nun chimpancé como antepasado noso, máis iso non é así e convén aclaralo.
O ser humano e os monos actuais compartimos un devanceiro común. Desde o punto de vista evolutivo, todos os seres vivos estamos relacionados. Compartimos antepasados cos monos actuais, pero tamén cos ratos, coas galiñas e con todos os seres vivos. A clave disto é saber cando se separaron as liñas evolutivas.
Si é certo que compartimos máis características xenéticas cos monos actuais que cos ratos, xa que o noso predecesor común é máis recente. Os científicos estiman que o antepasado común entre o ser humano e os monos viviu hai entre 4 e 13 millóns de anos.
En ciencia é moi importante empregar termos adecuados baseados no saber científico. Polo tanto, os humanos non descendemos dos monos, o que pasa é que compartimos un antepasado común.
Cóntocho no seguinte son:
Lectura facilitada
- Seguro que escoitaches algunha vez que "O home descende do mono!"
- Trátase dunha cuestión científica que non é certa.
- Dixérona a primeira vez para ridiculizar e poñer en cuestión a teoría da evolución de Darwin.
- Foise transmitindo e a maioría da xente a dá por certa.
- Cando se di "o home descende do mono" todos pensamos incorrectamente nun chimpancé como antepasado noso.
- O ser humano e os monos actuais compartimos un antepasado común.
- Desde o punto de vista evolutivo todos os seres vivos estamos relacionados.
- Compartimos antepasados cos monos e con todos os seres vivos.
- A clave disto é cando se separaron as liñas evolutivas.
- Compartimos máis características xenéticas cos monos actuais que cos ratos.
- O predecesor común entre humanos e monos é máis recente que o predecesor común de humanos e ratos.
- O antepasado común entre o ser humano e os monos viviu hai entre 4 e 13 millóns de anos.
- En ciencia é moi importante empregar termos adecuados baseados no saber científico.
- Os humanos non descendemos dos monos.
- Os humanos e os monos compartimos un antepasado común.
Audio
A ver se o entendiches
Responde no teu caderno (fai clic na imaxe para vela ampliada):
- No esquema cal é a letra que representa o antepasado común dos chimpancés e os seres humanos?
- E os antepasados de todos os que se observan no esquema?
- Que é c e b?
- Gardamos un maior parecido cos lémures ou cos gorilas?
- Segues pensando que os seres humanos descenden do mono?
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Atribución Non-comercial Compartir igual 4.0
