Característica dun ser vivo (anatómica, fisiolóxica ou de conduta) que lle permite vivir nun hábitat determinado.
Exemplo:
As prolongacións do corpo dos dragóns de mar son adaptacións que fan que se poidan camuflar e pasar desapercibidos para os seus depredadores.
Poboación
Definición:
Conxunto de individuos da mesma especie que viven nun lugar e nun momento determinado.
Exemplo:
Poboación pertencente á especie de Lepas anatifera (falso percebe) atopada nas nosas costas.
Como é posible que existan grupos ou reinos tan diferentes entre si?
Hai moitísimo tempo, a Terra era un lugar moi diferente ao que coñecemos hoxe. Non había animais, nin árbores, nin flores. Só había mares, océanos cheos de pequenas formas de vida.
Evolución das plantas
Organismos semellantes ás algas verdes foron as primeiras en iniciar unha aventura fascinante: saír da auga e colonizar a terra firme! Ás veces, quedaban fóra da auga por un intre. Algúns destes organismos posuían estruturas de protección do sol para non secar, é dicir, algunhas puideron vivir nas beiras. Así foi como apareceron as primeiras plantas terrestres, que eran pequenas e simples, como os musgos que vemos hoxe. Co tempo, esas primeiras plantas simples evolucionaron, pois algunhas comezaron a desenvolver raíces, o que fixo posible que buscasen auga no chan, e creasen talos e follas para captar a luz do sol, flores e sementes. Isto posibilitoulles estenderse por todo o planeta.
Evolución dos animais
Mentres tanto, os océanos estaban cheos de vida: peixes, medusas e outras criaturas. Algúns animais comezaron a saír da auga, como fixeron as plantas moito tempo antes. Os primeiros en facelo foron uns peixes con aletas fortes, onde algúns posuían patas, o que lles permitiu colonizar a terra. Así, naceron os anfibios, como as ras, que podían vivir tanto na auga como na terra. Co tempo, os anfibios evolucionaron en réptiles, e, máis tarde, apareceron os mamíferos (como os ratos e raposos) e as aves (como as gaivotas e os gorrións). Mesmo nós, os seres humanos, evolucionamos de mamíferos máis antigos, como os primates. Ocórreseche algunha adaptación que os seres humanos tiveramos e que fora beneficiosa? Tes a resposta no son no apartado 2 "pero... ti que dis?
Os seres vivos desenvolveron estratexias para sobrevivir nos diferentes ambientes. Desde os desertos máis áridos ata os océanos máis profundos, cada poboación evolucionou para adaptarse á contorna e asegurar a supervivencia. A continuación observa o vídeo e descobre algunhas adaptacións dalgúns organismos ao seu entorno.
Toda esta evolución foi un proceso lento que durou millóns de anos. Dentro de cada poboación hai diferenzas como, por exemplo, a cor da pelaxe, que axuda aos seres vivos a sobrevivir cando cambia o ambiente, como nas secas, nas inundacións ou nos terremotos. A evolución mostra como a vida se adapta aos cambios no planeta. Grazas a ela, temos unha gran diversidade de vida: animais, plantas, protozoos, fungos e microorganismos que fan que a Terra sexa un lugar único.
Resultouche interesante? Ten en conta que debes identificar unha adaptación dos seres vivos que elixiches para o teu calendario. Por exemplo, se estiveses en Australia, poderías elixir o koala. As súas garras longas e afiadas, xunto con almofadas rugosas nas súas patas, fan que poida subir e aferrarse ben ás árbores.
Lectura facilitada
Organismos semellantes ás algas verdes iniciaron a colonización da Terra e evolucionaron en plantas terrestres simples como os musgos ata plantas con flores.
O mesmo ocorreu cos animais algúns peixes saíron da auga e deron orixe aos anfibios. Estes evolucionaron en réptiles, e logo xurdiron os mamíferos e as aves.
Dentro de cada poboación hai diferenzas como a cor da pelaxe.
As diferenzas de características na poboación axudan aos seres vivos a sobrevivir cando cambia o ambiente.
A evolución mostra como a vida se adapta aos cambios no planeta.
Un exemplo de adaptación é o koala, coas súas garras longas e afiadas, xunto con almofadas rugosas nas súas patas, pode subir e aferrarse ben ás árbores.
A evolución foi un proceso lento que durou millóns de anos.
Selecciona
Baseándote no vídeo, reflexiona e aplica os coñecementos con respecto ás adaptacións.
Escolle as respostas correctas e preme sobre o botón "responder".
Que che pareceu descubrir como os seres vivos se adaptan á súa contorna? Cómpre saber que ditas adaptacións poden ser de diferentes tipos:
Morfolóxicas
Son cambios na forma ou estrutura, como por exemplo as espiñas dos cactos, pois as follas foron substituídas por espiñas para reducir a perda de auga.
Fisiolóxicas
Son cambios no funcionamento interno dun organismo, como, por exemplo, a produción de sustancias urticantes pola ortiga para defenderse dos herbívoros. Cómpre aclarar que os pelos urticantes que conteñen dita sustancia son unha adaptación morfolóxica.
Condutais
Son cambios nos hábitos ou comportamentos dun organismo, como, por exemplo, a emigración das cegoñas para evitar o frío e a escaseza de alimentos durante o inverno.