3.3. E ti, de quen ves sendo?
LUCA a que se refire?
Sabemos que somos moitos e diferentes, verdade? Agora imos descubrir de onde ven esta incrible variedade.
Os seres vivos dos cinco reinos que acabamos de estudar: animal, plantas, fungos, protoctistas e moneras teñen algo en común? Ou cada un vén do seu pai e da súa nai?
Prepárate para aprender como a vida está conectada de forma sorprendente!
Todos os seres vivos, dende as bacterias aos animais, forman parte dunha gran familia da vida. Aínda que a simple vista parecen moi diferentes, teñen aspectos que os conectan. Imaxina unha gran árbore á que lle saen ramas onde se atopan os reinos; todas elas levan a un antepasado común: LUCA. Non é o primeiro ser vivo, pero é o antepasado común de todos os seres vivos.
LUCA non era un animal, planta ou fungo, senón un organismo unicelular parecido ás bacterias actuais. Eran grupo de células microscópicas moi simples que viviron hai uns 3.500 millóns de anos e deron lugar a toda a vida na Terra. A comunidade científica denominouno LUCA, acrónimo de "Last Universal Common Ancestor" (último antepasado común universal). Baseándonos en todo o anterior, onde situarías a LUCA nesa árbore? Na raíz ou nas pólas?

A conexión entre LUCA e os reinos ensínanos que, aínda que somos moi diferentes, todos compartimos un pasado común. Iso fai que a vida sexa tan fascinante! Tan iguais e tan distintos!
Lectura facilitada
- Os seres vivos pertencen aos reinos: animal, plantas, fungos, protoctistas e moneras.
- Aínda que somos moitos e moi diferentes todos descendemos de LUCA, é dicir, temos un antepasado común.
- LUCA significa último antepasado común universal.
- LUCA foi un organismo unicelular parecido ás bacterias, e viviu hai 3500 millóns de anos.
Completa
Le o texto e enche os ocos coas palabras que faltan.
Hai uns 3500 @@millóns@@ de anos unha célula ou grupo de células deu lugar a toda a @@vida@@ que existe na Terra. Denominárona LUCA acrónimo de “Last Universal Common Ancestor” ou “Último @@Antepasado@@ @@Común@@ Universal”. Non era un animal, planta ou fungo senón un organismo unicelular non moi diferente ás @@bacterias@@ actuais. LUCA está situada na @@raíz@@ da árbore filoxenética de todos os organismos que conforman a vida na Terra.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Atribución Non-comercial Compartir igual 4.0
