Grupo de individuos que comparten características semellantes e poden reproducirse entre si dando descendencia fértil.
Exemplo:
Os burros e os cabalos, aínda que son semellantes, pertencen a especies diferentes, xa que o seu cruzamento dá lugar á mula, un animal estéril.
Sostible
Definición:
Acción que non pon en risco a vida na Terra nin dana o medio ambiente, tanto no presente como no futuro.
Exemplo:
Unha acción sostible consiste en preservar a biodiversidade do noso planeta.
Creamos conciencia
Hoxe propoñémosvos un reto apaixonante: crear un calendario da biodiversidade baseado nun espazo natural da vosa contorna próxima. Cada especie, por pequena que sexa, xoga un papel crucial no equilibrio do noso planeta. Todas as persoas temos un papel que xogar no mantemento da biodiversidade; que mellor que comezar pola nosa contorna próxima.
Queremos que cada persoa que vexa o noso calendario se sinta inspirada para protexer e valorar a biodiversidade e coñeza a riqueza que temos preto. Necesitamos a vosa creatividade, a vosa paixón e máis o voso compromiso. Cada mes do calendario destacará unha especie dun espazo concreto coas súas características (clasificación, como se alimenta, etc.) ou unha calidade propia, mostrando a súa beleza e importancia. Ademais, cada mes escribiredes unha mensaxe (slogan, copla...) en relación ao que ides aprender ao longo desta unidade.
O calendario será o pretexto para facer a nosa contribución na protección dos seres vivos sendo entón importante promover o uso sostible dos nosos espazos naturais.
Mans á obra! Xuntos, podemos facer que a nosa mensaxe chegue lonxe e que cada persoa se sinta motivada para actuar de seu no obxectivo de conseguir un mundo mellor. Visualiza o vídeo e descobre algo interesante da Península Ibérica, comentado polo pai da biodiversidade.
Agora que viches o vídeo, cal é o país con maior biodiversidade de Europa? E do mundo?
Con este reto descubriredes os segredos e a riqueza do voso entorno natural! Un verdadeiro tesouro diante dos ollos!
Lectura facilitada
O reto trata de crear, en grupo, un calendario de biodiversidade baseado nun espazo natural próximo.
En cada mes do calendario incluiredes unha especie dese espazo concreto coas súas características.
Ademais engadiredes unha mensaxe, que pode ser un slogan o unha copla, relacionado co aprendido ao longo desta unidade.