Saltar navegación

3.3. Coñecemos os remedios

 

Glosario

Biorremediación

Contaminación

Definición:

Proceso no que se eliminan contaminantes mediante seres vivos coma poden ser bacterias, algas, fungos ou plantas.

Exemplo:

Mediante a biorremediación podemos recuperar augas contaminadas.

Intelixencia artificial

Robot

Definición:

Intelixencia presente en artefactos creados por humanos. Encárgase de imitar a intelixencia humana en computadores.

Exemplo:

Os robots poden empregar a intelixencia artificial.

Lixo espacial

Foguete

Definición:

Material que se mantén en órbita no espazo derivado do lanzamento de obxectos.

Exemplo:

Anacos de foguetes inutilizados quedan no espazo formando o lixo espacial.

Obsolescencia programada

Electrodomésticos

Definición:

Programación da fin da vida útil dun produto tras un período de tempo calculado de antemán ou de modo que se volva obsoleto, non funcional, inútil ou inservible.

Exemplo:

Os electrodomésticos modernos duran poucos anos. A súa obsolescencia está programada para que se teñan que cambiar nuns poucos anos.

Cara á sostenibilidade

Agora tócanos construír, ver se podemos facer algo para axudar á Ecosfera a manterse sostible con nós.

E é fácil porque coñecemos os remedios.

Agora o que temos que facer é incorporalos nas nosas vidas e divulgalos, dalos a coñecer a todas e todos.

Imos ver o que podemos facer!

Lectura facilitada

Agora tócanos construír.

Ver se podemos facer algo para axudar á Ecosfera a manterse sostible.

E é fácil porque coñecemos os remedios.

Temos que incorporar nas nosas vidas eses remedios.

Ademais de dalos a coñecer a todas e todos.

Imos ver o que podemos facer!

Hábitos medioambientais saudables

Consumo responsable

Este termo fai referencia á adquisición de hábitos de consumo cos que a sociedade estea formada cada vez mais por persoas consumidoras responsables; é dicir que adquiran bens e servizos obtidos a partir de medios e procesos de produción sostibles e respectuosos cos ecosistemas e o medio ambiente en xeral.

Por exemplo, unha medida de consumo responsable é adquirir, de ser posible, produtos procedentes do comercio local, de tempada, non empaquetados con materiais que xeren residuos e mercar só o necesario.

Tamén é unha medida responsable adquirir obxectos cunha longa vida útil evitando así a denominada obsolescencia programada.

Consumo responsable
Obsolescencia programada

Xestión de residuos

Xestionar de forma eficiente e sostible os residuos que se producen e que alteran o medio natural como consecuencia das actividades humanas debería ser unha prioridade para a sociedade.

A diversidade de residuos é tal que a súa xestión debe ser necesariamente integral e non unicamente local.

Aínda que poida parecer unha utopía, sempre debe estar presente que “o mellor residuo é o que non se xera”.

Pero a realidade é a que debe guiar calquera acción que se leve a cabo cos residuos que producimos. E é necesario, ao mesmo tempo, levar a cabo campañas de concienciación para reducir os residuos e buscar a maneira de que, unha vez xerados, danen o noso medio natural e á biosfera (incluídos nós) o mínimo posible.

Cada tipo de residuo necesita un plan integral de xestión; por exemplo, a dun residuo sanitario é moi diferente da que se leva a cabo a partir dun residuo procedente da construción de infraestruturas (por exemplo, edificios ou estradas).

Os residuos poden clasificarse seguindo diferentes criterios; por exemplo a súa orixe, a súa composición, a súa perigrosidade ou mesmo a súa biodegradabilidade.

Unha das moitas clasificacións de residuos que existen é a seguinte:

Xestión sostible dos residuos
  • Residuos domésticos.
  • Residuos industriais.
  • Residuos comerciais.
  • Residuos sanitarios.
  • Residuos mineiros.

Pero igual que acontece coa biodiversidade, nos residuos tamén hai variedade e interaccións; e, cada vez máis, a xestión dos residuos producidos (directa e indirectamente polas actividades humanas) debe levarse a cabo de forma global e integrando todos os procesos nun obxectivo común: o modelo do desenvolvemento sostible.

Un exemplo da necesidade de xestionar de forma global os residuos é o problema do asentamento dos residuos nucleares ou o tratamento dos residuos que orbitan arredor da Terra, o lixo espacial, procedentes das diferentes misións espaciais e que cada vez máis necesitan plans internacionais que eviten que continúen aumentando.

Evolución da cantidade de  lixo espacial

Respecto á natureza

Non hai dúbidas sobre a importancia e necesidade urxente de vivir e levar a cabo as nosas actividades respectando o medio natural co que convivimos.

E é necesario recoñecer a necesidade de que a sociedade de forma global coñeza como funciona a Terra globalmente (a Ecosfera) para valorar e coidar todos os seus compoñentes, incluídas todas as súas interaccións.

Respectar o medio natural significa coñecelo.

Coñecelo significa ser consciente das súas necesidades e poñer en práctica actitudes, habilidades e formas de vivir sostibles e que aseguren a conservación e continuidade dos nosos ecosistemas.

Incorporar nas nosas vidas hábitos saudables para os nosos ecosistemas é un primeiro paso para respectar ao noso hábitat natural; a súa protección e conservación é imprescindible para a nosa supervivencia e, sobre todo, para que a vida continúe evolucionando no seu único fogar: a Ecosfera.

Respecto ao medio ambiente

Educación ambiental

A acción que nos pode achegar máis á conservación dos ecosistemas e á incorporación dos hábitos saudables necesarios para vivir dunha forma sostible é o coñecemento.

O cambio de paradigma que permitirá aos humanos vivir en equilibrio co medio natural e desenvolver as súas actividades de forma sostible non será posible se, previamente, non coñecemos os nosos ecosistemas (os seus compoñentes e o seu funcionamento).

É necesario que a sociedade se eduque desde un punto de vista ambiental.

Se non hai educación ambiental, o cambio non é posible.

É imprescindible para a supervivencia da Ecosfera que a sociedade se implique e se comprometa na solución dos problemas globais aos que se enfronta o noso medio natural.

As revolucións tecnolóxicas coas que convivimos na actualidade poden axudar a solucionar algúns problemas relacionados co medio ambiente e a súa protección, pero a súa eficiencia ante posibles crises ambientais necesita unha sociedade educada ambientalmente.

A educación ambiental in situ (no medio natural) non é incompatible coa incorporación das novas tecnoloxías (por exemplo, a intelixencia artificial) ás nosas vidas e á nosa educación; sempre sen perder de vista o respecto ao medio ambiente, a urxencia da necesidade de conservalo e protexelo e a importancia de coñecelo con rigor científico.

Educación ambiental
Intelixencia artificial

A educación ambiental debe ser transversal e é fundamental involucrar a todos os axentes sociais, desde os máis novos ata os adultos; non é unicamente unha necesidade das aulas, é sobre todo unha necesidade social, unha prioridade social. Unha sociedade relacionada directamente co medio ambiente, que interactúa con el, debe asumir as súas responsabilidades. E as responsabilidades deben asumirse desde todas as perspectivas sociais e sempre cun obxectivo común: transformar a nosa realidade en beneficio do medio ambiente; é dicir, no noso beneficio. Xa que formamos parte da biosfera e interaccionamos con todos os seus compoñentes.

A UNESCO ( Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura) pretende que a educación ambiental para o desenvolvemento sostible sexa un compoñente central dos sistemas educativos en todos os niveis, e apoia aos países para que desenvolvan e amplíen as actividades educativas centradas en cuestións de sostibilidade (cambio climático, biodiversidade, redución do risco de desastres, a auga, os océanos, a urbanización sostible, os modos de vida sostibles).

Este organismo internacional define a educación ambiental como “un proceso que dura toda a vida, cuxo obxectivo é xerar conciencia ambiental, coñecementos ecolóxicos, actitudes e valores cara o medio ambiente, co fin de fomentar a toma de decisións responsables e accións que promovan o desenvolvemento sostible”.

https://www.unesco.org/es/sustainable-development/education?hub=343

Lectura facilitada

O consumo responsable

Adquisición de hábitos de consumo responsables. 

Adquirir bens e servizos obtidos a partir de medios e procesos de produción sostibles e respectuosos co medio ambiente en xeral.

Unha medida de consumo responsable é adquirir produtos procedentes do comercio local.

Produtos de tempada, non empaquetados. 

Tamén adquirir obxectos cunha longa vida útil evitando así a denominada obsolescencia programada.

A xestión dos residuos

Xestionar de forma eficiente e sostible os residuos que se producen debería ser unha prioridade para a sociedade.

A diversidade de residuos é tal que a súa xestión debe ser necesariamente integral e non unicamente local.

Sempre debe estar presente que “o mellor residuo é o que non se xera”.

Os residuos poden clasificarse seguindo diferentes criterios. 

Unha das moitas clasificacións de residuos que existen é a seguinte:

          Residuos domésticos.

          Residuos industriais.

          Residuos comerciais.

          Residuos sanitarios.

          Residuos mineiros.

O respecto ao medio natural

Temos a necesidade urxente de vivir respectando o medio natural co que convivimos.

Respectar o medio natural significa coñecelo.

Coñecelo significa ser consciente das súas necesidades.

E poñer en práctica actitudes e formas de vivir sostibles e que aseguren a conservación dos nosos ecosistemas.

A educación ambiental

É necesario que a sociedade se eduque desde un punto de vista ambiental.

É imprescindible para a supervivencia da Ecosfera que a sociedade se implique.

Que se comprometa na solución dos problemas globais aos que se enfronta o noso medio natural.

A educación ambiental debe involucrar a todos os axentes sociais, desde as persoas máis novas ata as adultas.

A UNESCO pretende que a educación ambiental para o desenvolvemento sostible sexa un compoñente central dos sistemas educativos en todos os niveis.

Define a educación ambiental como un proceso que dura toda a vida.

Cuxo obxectivo é xerar conciencia ambiental e accións que promovan o desenvolvemento sostible.

O desenvolvemento sostible

A Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible

A Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible comprende un conxunto de compromisos “a favor das persoas, o planeta e a prosperidade”.

Os compromisos da Axenda 2030 foron adoptados no ano 2015 por 193 países e o seu obxectivo global é ter un plan de acción para acadar “un futuro mellor e máis sostible para todos”.

Este obxectivo global é desenvolvido a través dos chamados 17 Obxectivos da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, que son os seguintes:

  1. Fin da pobreza.
  2. Fame cero.
  3. Saúde e benestar.
  4. Educación de calidade.
  5. Igualdade de xénero.
  6. Auga limpa e saneamento.
  7. Enerxía accesible e non contaminante.
  8. Traballo decente e crecemento económico.
  9. Industria, innovación e infraestrutura.
  10. Redución das desigualdades.
  11. Cidades e comunidades sostibles.
  12. Produción e consumo responsables.
  13. Acción polo clima.
  14. Vida submarina.
  15. Vida de ecosistemas terrestres.
  16. Paz, xustiza e institucións sólidas.
  17. Alianzas para acadar os obxectivos.

Medidas e hábitos saudables para a conservación dos ecosistemas

As medidas e hábitos saudables para a conservación dos ecosistemas e, polo tanto, da Ecosfera, son case infinitas.

Podemos elaborar listaxes de medidas de sostibilidade en función de moitos criterios; por exemplo, en función do país en que vivimos, do modo de vida, da actividade económica, do ámbito de actuación (se é a nivel global, estatal, rexional, local ou doméstico), das condicións climatolóxicas do lugar no que vivimos, ...

Todas as medidas e hábitos saudables para a conservación dos ecosistemas e, en definitiva, do ecosistema global (a Ecosfera) deben ter como obxectivo central a sostibilidade e o equilibrio no medio ambiente.

Este equilibrio medioambiental e, polo tanto, as medidas e hábitos necesarias para conseguilo e conservalo deben xirar arredor de seis eixos fundamentais:

  • A auga.
  • A enerxía.
  • A alimentación.
  • O consumo.
  • A economía.
  • A educación.

Os hábitos que promovan a conservación e o equilibrio medioambiental deben ter presente a necesidade da conservación e dos valores éticos necesarios para que se poñan en marcha.

Os obxectivos de todas as medidas que incorporemos ás nosas vidas deben ser a sostibilidade e a conservación.

Detective de hábitos saudables

Neste texto, que describe algúns hábitos dun/ha rapaz/a da túa idade, durante un día calquera da semana, deberás:Detective

  1. Buscar os hábitos que non son medioambientalmente sostibles e indicar a razón da súa insostibilidade.
  2. Redactar de novo o texto incorporando hábitos que si serían sostibles.

Atréveste?

Pois colle o caderno e comezamos!

Tomás lava os dentes todos os días varias veces, despois de cada comida; mentres os cepilla ten sempre a billa da auga aberta.

Aínda que ten a posibilidade de ir ao instituto no bus escolar el prefire non facelo e é súa nai quen o leva no coche da familia todos os días; e tamén o recolle no seu coche particular cando remata as súas clases.

Durante os recreos, Tomás merca pastelería industrial e bebe bebidas enerxéticas ou zumes azucrados artificiais. Moi frecuentemente aproveita os tempos dos recreos para pasear cos seus amigos mentres come e como non hai papeleiras cerca de onde pasean, tira os residuos plásticos ao chan. 

Na súa casa, despois de comer, séntase no sofá do salón da súa casa e aproveita para xogar e mirar as redes sociais no seu smartphone; é un smartphone novo que lle acaban de comprar porque o que tiña funcionaba xa “moi lento” (facía tres anos que llo regalaran os seus avós).

A media tarde entra no seu cuarto para facer as tarefas escolares que ten pendentes e estudar para un exame de matemáticas que ten ao día seguinte; empeza a facer exercicios e, cando se equivoca, arranca a folla do seu caderno e tíraa na papeleira aínda que estea practicamente en branco. Isto é algo que tamén fai a miúdo no instituto, cando se equivoca copiando apuntamentos ou facendo tarefas de aula arranca a folla e a tira á papeleira.

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)