Aumento da temperatura media a longo prazo na atmosfera e nos océanos.
Exemplo:
O quecemento global é unha evidencia dende finais do século XIX.
Recursos naturais
Definición:
Produtos da natureza empregados polo ser humano. Poden ser renovables ou non.
Exemplo:
O petróleo é un recurso natural non renovable.
A importancia do equilibrio
Os ecosistemas deben estar en equilibrio para ser sostibles.
Agora vas comprobar como poden chegar a perder o seu equilibrio debido ás actividades humanas e como se volven insostibles.
A nosa responsabilidade, como compoñentes dos ecosistemas, é procurar levar a cabo accións de conservación e incorporar ás nosas vidas hábitos sostibles medioambientalmente; é dicir, buscar o seu desenvolvemento sostible.
Imos ver como os alteramos para, a continuación, incorporar ás nosas vidas hábitos sostibles.
Lectura facilitada
Os ecosistemas deben estar en equilibrio para ser sostibles.
As actividades humanas poden facer perder ese equilibrio.
Debemos procurar levar a cabo accións de conservación.
Incorporar ás nosas vidas hábitos que permitan o desenvolvemento sostible.
Audio
Protección e conservación dos ecosistemas
A humanidade debe ser consciente da necesidade de protexer e conservar os nosos ecosistemas e os seus recursos naturais; da súa protección e conservación dependen as nosas posibilidades de supervivencia como especie.
Seguro que algunha vez escoitaches falar da problemática do quecemento global. É unha realidade na evolución do planeta nos últimos anos e un problema global que nos afecta a todas e todos.
Necesitamos o noso planeta para vivir; o necesitamos e é urxente protexelo e, na medida do posible, recuperalo e conservalo para as seguintes xeracións.
Para poder facelo é necesario acudir á ciencia e fuxir de argumentacións sen base científica e que poñen en dúbida, ou directamente negan, a situación na que se atopa agora mesmo o noso fogar: a nosa Ecosfera e os seus ecosistemas.
E, cada vez máis, temos as ferramentas para facelo; así, temos o coñecemento científico e temos tamén a tecnoloxía, cada vez máis precisa e con posibilidades de ser aplicable aos problemas medioambientais.
As listaxes de medidas posibles para vivir dun modo sostible son longas e moi variadas.
Pero, por desgracia, non son suficientes.
Debe a humanidade facer un gran cambio nos seus paradigmas e modos de vida, sempre respectando a diversidade social e cultural, pero sen esquecer un obxectivo que debe ser global: incorporar nas nosas vidas hábitos saudables para o medio natural e os compoñentes dos ecosistemas; é dicir, vivir de forma sostible.
Neste camiño cara á sostibilidade, a lexislación ambiental é fundamental pero é moi importante tamén a educación ambiental.
Coñecer a historia do noso planeta, a historia da súa relación coa especie humana, as condicións de equilibrio que permitiron a orixe e evolución dos organismos que forman a Biosfera na Terra e as súas posibilidades de recuperación (se a humanidade pon en marcha medidas e hábitos de sostibilidade) é fundamental para conservar e protexer os nosos ecosistemas, os nosos auténticos fogares.
Lectura facilitada
Necesitamos protexer e conservar os nosos ecosistemas e os seus recursos naturais.
Diso dependen as nosas posibilidades de supervivencia como especie.
Seguro que escoitaches falar do quecemento global.
É un problema global que nos afecta a todas e todos.
Necesitamos o noso planeta para vivir e conservalo para as seguintes xeracións.
Para poder facelo é necesario acudir á ciencia.
As listaxes de medidas posibles para vivir dun modo sostible son longas e moi variadas.
Pero, por desgracia, non son suficientes.
A humanidade debe facer un gran cambio nos seus modos de vida.
Incorporar nas nosas vidas hábitos saudables para o medio natural e os compoñentes dos ecosistemas.
É dicir, vivir de forma sostible.
A lexislación ambiental é fundamental pero é moi importante tamén a educación.
Audio
Protexendo
Algunha vez participaches en PILABOT, a campaña de recollida de pilas en centros educativos? Aquí podes atopar información sobre ela : PILABOT
Descríbea brevemente no teu diario, ou se non busca información sobre algunha e resúmea en poucas liñas. Consideras que son necesarias? Por que?
Cres que calquera persoa pode iniciar unha campaña de protección do medio ambiente? Precisaría de coñecementos científicos?.