Saltar navegación

2.2. Non somos un ser vivo mais

 

Glosario

Consumo responsable

Calefacción

Definición:

É o que procura consumir o mínimo e que sexa o mais sostible e solidario posible.

Exemplo:

Apagar a calefacción cando non vai frío é unha mostra de consumo responsable.

Economía circular

Mercado

Definición:

É un modelo económico que busca a sostibilidade e o aforro de recursos. Trátase de reparar, reempregar e reciclar os produtos de forma circular eliminando no posible os residuos.

Exemplo:

Comprar no mercado produtos de proximidade favorece a economía circular.

Enxeñaría xenética

ADN

Definición:

Consiste na alteración do ADN dun organismo para o seu estudo ou obter un beneficio.

Exemplo:

Grazas á enxeñería xenética logrouse obter millo resistente a certas enfermidades.

Megacidades

Cidade enorme

Definición:

Áreas metropolitanas de máis de 10 millóns de habitantes.

Exemplo:

Nas megacidades a contaminación acústica é alta así como a polución do aire.

Neolítico

Neolítico

Definición:

É a última etapa da Idade de Pedra.

Exemplo:

No Neolítico aparece a agricultura por primeira vez.

Primeira revolución industrial

Fábricas

Definición:

Foi o paso dunha economía rural baseada na agricultura a unha economía urbana baseada na industria.

Exemplo:

Na primeira revolución industrial construíronse as primeiras fábricas.

Formamos parte dos ecosistemas

Agora imos comprobar que non somos un ser vivo máis nos ecosistemas.

Os seres humanos formamos parte da biocenose dos ecosistemas, somos seres vivos que nos relacionamos cos restantes compoñentes dos ecosistemas pero...Tamén os degradamos e os alteramos; é dicir, provocamos impactos ambientais.

Estes impactos ambientais tiveron lugar ao longo da historia da humanidade e provocaron efectos sobre o medio natural. Pero é agora, na actualidade, cando os efectos dos impactos ambientais son mais graves e, mesmo nalgúns casos, de difícil recuperación para os ecosistemas afectados.

Imos ver o que facemos os seres humanos nos nosos ecosistemas!

Lectura facilitada

Imos comprobar que non somos un ser vivo calquera.

Os seres humanos formamos parte da biocenose dos ecosistemas.

Relacionámonos cos restantes compoñentes dos ecosistemas.

Tamén os degradamos e os alteramos.

É dicir, provocamos impactos ambientais.

Na actualidade os efectos dos impactos ambientais son moi graves.

Nalgúns casos de difícil recuperación para os ecosistemas afectados.

Imos ver o que facemos os seres humanos nos nosos ecosistemas!

O ser humano e os ecosistemas

A relación entre o ser humano e os ecosistemas que forman o medio ambiente natural non sempre foi desequilibrada; de feito, ata aproximadamente o Neolítico (fai arredor de 10.000 anos), o ser humano vivía e levaba a cabo actividades no medio natural coas que apenas alteraba os ecosistemas cos que convivía.

Formas de vida no Neolítico

O primeiro cambio de dirección na relación entre o ser humano e o medio ambiente foi a partir do momento no que os humanos empezan a desenvolver actividades relacionadas coa agricultura e coa gandería; paralelamente, empezan a cambiar os modos de vida e a estrutura e composición dos asentamentos humanos. Esta época da historia da humanidade é considerada como o inicio da explotación e alteración dos ecosistemas naturais.

A partir dese momento, a relación entre o ser humano (mediante as súas actividades directas e indirectas) foi incrementando o grao de alteración dos ecosistemas e, en consecuencia, o seu desequilibrio.

Houbo outros momentos importantes ao longo da historia nos que o avance do desequilibrio dos ecosistemas debido ás actividades humanas sufriu unha grande aceleración; por exemplo no século XVIII, cando se iniciou a primeira Revolución Industrial.

Primeira Revolución Industrial

A partir deste momento a relación entre o ser humano e os ecosistemas continuou avanzando cara a un continuo e cada vez máis irreversible proceso de desequilibrio e degradación de todos os recursos que forman a Ecosfera: os da Atmosfera, os da Hidrosfera, os da Xeosfera e tamén os da Biosfera (dos que, non o esquezamos, o ser humano forma parte).

Pero a relación entre o ser humano e os ecosistemas que forman o medio ambiente tamén ten unha importante vertente positiva.

Así, sobre todo a partir da década dos 60 e 70 do século XX, empezaron a xurdir movementos sociais (e tamén políticos e científicos) co obxectivo de chamar a atención sobre a situación na que se atopaba o noso planeta e a necesidade urxente de frear este ritmo de alteración dos ecosistemas e a explotación dos seus recursos naturais.

A partir dese momento e ata a actualidade, cada vez é máis frecuente que grupos e organizacións procedentes de distintos países e ámbitos culturais alcen a súa voz e reclamen a protección de espazos naturais, unha lexislación ambiental que poña en valor a importancia da conservación dos recursos naturais e tamén unha educación ambiental que asegure que as xeracións futuras non cometan os mesmos erros que nos levaron a toda a humanidade ata o momento actual no que, cada vez mais, é urxente levar a cabo un cambio de paradigma nos nosos estilos de vida, que nos conduzan á adquisición dunha serie de compromisos sempre na liña do modelo de Desenvolvemento Sostible.

Hábitos saudables e modelos de desenvolvemento como os relacionados co consumo responsable, a economía circular, a xestión responsable dos recursos e, en xeral, os modos de vida centrados na sostibilidade son sen dúbida o camiño que compre seguir cara á recuperación dos ecosistemas e o seu equilibrio.

Hábitos sostibles

Lectura facilitada

Ata o Neolítico (fai arredor de 10.000 anos) o ser humano vivía no medio natural sen alterar os ecosistemas.

Desde esta época se empezan a desenvolver actividades relacionadas coa agricultura e coa gandería.

É o inicio da explotación e alteración dos ecosistemas naturais.

Outros momentos importantes ao longo da historia nos que o avance do desequilibrio dos ecosistemas debido ás actividades humanas sufriu unha grande aceleración:

No século XVIII, cando se iniciou a primeira Revolución Industrial.

Pero a relación entre o ser humano e os ecosistemas que forman o medio ambiente tamén ten unha importante vertente positiva.

A partir da década dos 60 e 70 do século XX, empezaron a xurdir movementos sociais.

 Piden a necesidade urxente de frear este ritmo de alteración dos ecosistemas e a explotación dos seus recursos naturais.

Se reclama a protección de espazos naturais.

Unha lexislación ambiental de  conservación dos recursos naturais.

Unha educación ambiental que promova un cambio de paradigma nos nosos estilos de vida.

Hábitos saudables, consumo responsable e economía circular.

O Desenvolvemento Sostible e a xestión responsable dos recursos.

Son sen dúbida o camiño que compre seguir cara á recuperación dos ecosistemas e o seu equilibrio.

Os recursos naturais

No medio natural, os seres humanos aproveitámonos dos recursos naturais que forman parte dos ecosistemas terrestres e acuáticos.

Somos, ao mesmo tempo, consumidores e dependentes dos recursos da Ecosfera.

Os recursos naturais non son só de tipo material; as fontes de enerxía son tamén explotadas de forma insostible debido ás actividades humanas (directa e indirectamente).

Para clasificar os recursos naturais utilízase o criterio da súa capacidade de renovación; é dicir, o tempo que tarda un determinado recurso natural en esgotarse tendo en conta o ritmo de extracción e/ou utilización que fai do mesmo o ser humano.

Tipos de recursos naturais:

Os recursos naturais poden clasificarse en tres grupos:

  • Recursos renovables: non se esgotan. Exemplo: o Sol.
  • Recursos potencialmente renovables: os procesos naturais os renovan en períodos de tempo curtos. Exemplo: algúns animais e plantas.

Recursos non renovables: unha vez sobreexplotados, esgótanse e non é posible renovalos. Exemplo: os combustibles fósiles (carbón, petróleo e gas natural).


Recurso renovable

Recurso potencialmente renovable Recurso non renovable

Os impactos ambientais

Un impacto ambiental é unha modificación de calquera compoñente dos ecosistemas que forman parte da Ecosfera, producido polas actividades humanas (de forma directa e/ou indirecta) e cuxos efectos son prexudiciais (impactos positivos) ou beneficiosas (impactos negativos).

Son impactos positivos, por exemplo, as políticas medioambientais que promulgan leis de protección dos espazos naturais, os programas de recuperación de especies en perigo de extinción, a denominación de ecosistemas como Reservas da Biosfera, a investigación en tecnoloxías innovadoras dirixidas á recuperación de espazos contaminados (por exemplo, a biorremediación baseada en enxeñaría xenética).

Son impactos negativos todos aqueles que alteran o equilibrio dos ecosistemas e, como consecuencia, os degradan e/ou os sobreexplotan. Por exemplo, todos os casos de contaminación (da atmosfera, da hidrosfera, da xeosfera e tamén da biosfera), todos os casos de sobreexplotación de recursos que poidan levar a que se esgoten a curto, medio ou longo prazo.

Tipos de impactos ambientais:

Os impactos ambientais poden clasificarse segundo diferentes criterios; por exemplo:

  • Segundo a área afectada polo impacto: a escala global, rexional ou local.
  • Segundo o tipo de ecosistema modificado: sobre o medio acuático mariño, o medio acuático continental, o medio terrestre. Segundo a causa que provoca a súa alteración: deforestación, caza e pesca insostible, introdución de especies invasoras, verteduras, destrución de hábitats debido á construción de megacidades.               
    Megacidades
  • Segundo o tempo estimado de recuperación das súas condicións de equilibrio: pequenas verteduras en augas continentais moi dinámicas ou o quentamento global.

Lectura facilitada

Os seres humanos aproveitámonos dos recursos naturais.

Somos consumidores e dependentes dos recursos da Ecosfera.

Os recursos naturais non son só de tipo material.

As fontes de enerxía son tamén explotadas debido ás actividades humanas.

Os recursos clasifícanse pola súa capacidade de renovación.

É dicir, o tempo que tarda un determinado recurso natural en esgotarse. 

Os recursos naturais poden clasificarse en tres grupos:

1. Recursos renovables: non se esgotan.

Exemplo: o Sol.

2. Recursos potencialmente renovables: os procesos naturais os renovan en períodos de tempo curtos.

Exemplo: algúns animais e plantas.

3. Recursos non renovables: unha vez sobreexplotados, esgótanse e non é posible renovalos.

Exemplo: os combustibles fósiles (carbón, petróleo e gas natural).

Recursos e impactos

Diario de aprendizaxeQue recursos empregas ao longo do día?

  • Fai una listaxe no teu diario de aprendizaxe.
  • E provocas algún impacto usándoos?
  • Reflexiona sobre os impactos que teñen todas as túas actividades, e que poderías facer para minimizalos. Cando o teñas redactado no teu diario, podes poñelo en común co teu grupo.

Lectura facilitada

Que recursos empregas ao longo do día?

Fai una listaxe no teu diario.

Provocas algún impacto usándoos?

Redacta no teu diario que podes facer para minimizalos.

Podedes poñer en común as vosas reflexións.

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)