Bióloga, conservacionista e escritora. Conseguiu a prohibición do DDT e a creación da Axencia de Protección Ambiental Estadounidense
Rachel Louise Carson naceu en Pensilvania no ano 1907 e faleceu en Maryland no 1964.
Foi unha brillante estudante, con dúas paixóns: a literatura e a natureza.
Escribiu exitosos libros dende moi pequena, pero foi A primavera silenciosa, publicado no 1962, a súa obra máis importante por moitas razóns:
Foi a primeira en deixar constancia dos perigos das fumigacións incontroladas do DDT(diclorodifeniltricloroetano), que o goberno estadounidense facía nos anos 50 e 60.
Era a primeira vez que alguén evidenciaba que o progreso tecnolóxico non favorecía aos procesos naturais, e que debería ser limitado e controlado.
Tivo moitas voces en contra, pero tamén moitas a favor, orixinándose unha nova conciencia pública que reivindicaba que o medio ambiente natural resultaba prexudicado pola intervención humana.
Faleceu en 1964, despois dunha longa loita contra o cancro, que non lle deixou presenciar como o goberno estadounidense creaba a Axencia de Protección Ambiental (EPA) no 1970, para velar polos dereitos do medio ambiente, e como se prohibía o DDT e outros pesticidas en 1972.
Hoxe é amplamente recoñecida como pioneira do espertar da conciencia medioambiental mundial.
Anne Traveset
Bióloga e Doutora en Ecoloxía pola Universidade de Pensilvania. Os seus traballos en ecoloxía de illas, son pioneiros no mundo.
Anne Traveset Vilaginés naceu en La Seu d'Urgell, Lleida.
Licenciada en Bioloxía pola Universidade de Barcelona. Doutorouse na University of Pennsylvania, en Filadelfia (EE. UU.).
En Pensilvania comezou a traballar nas interaccións planta-animal no parque nacional de Guanacaste (Costa Rica).
De volta en España estivo na Estación Biolóxica de Doñana, e finalmente trasladouse ao IMEDEA (Instituto Mediterráneo de Estudos Avanzados), dependente do CSIC (Centro Superior de Investigacións Científicas), en Mallorca, onde traballa actualmente.
Os seus traballos científicos levárona a desempeñar numerosos postos na comunidade científica, así como recibir numerosos recoñecementos e premios.
Pioneira investigando a ecoloxía de illas, recentemente está enfocada na biodiversidade dos ecosistemas insulares, coa finalidade de comprender o alcance da súa fraxilidade fronte o cambio global, principalmente nas invasións ecolóxicas.
Ademais é unha grande divulgadora da importancia da biodiversidade, así como transmisora do coñecemento científico aos xestores ambientais.
Canto plástico comes ao día?
Os problemas da bioacumulación
Sabías que na Illa de Borneo caeron os teitos das casas por fumigar con DDT?, ou que acabaron lanzando gatos en paracaídas?. Busca información sobre este curioso caso, no que toda unha rede trófica se viu afectada polo DDT.
E sabes canto plástico comes ao día? O problema é o mesmo que o anterior: a bioacumulación e magnificación de substancias químicas persistentes nas redes tróficas. E hoxe en día os microplásticos representan unha ameaza silenciosa para nosa saúde. Atende a este vídeo:
Lectura facilitada
Os problemas da bioacumulación.
Na Illa de Borneo caeron os teitos das casas por fumigar con DDT.
Acabaron lanzando gatos en paracaídas.
Busca información sobre este curioso caso.
Toda unha rede trófica viuse afectada polo DDT.
Canto plástico comemos ao día?
O problema é o mesmo que o anterior: a bioacumulación.
Hoxe os microplásticos representan unha ameaza silenciosa para nosa saúde.
Reflexiona sobre a bioacumulación
Agora que xa sabes moito sobre bioacumulación de substancias, responde a estas preguntas no teu diario de aprendizaxe:
Por que a bioacumulación constitúe un perigo para a nosa saúde?
Que podes facer ti para diminuír o problema?
Cres que é necesario aprender como funcionan os ecosistemas, para entender e solucionar estes problemas?
Lectura facilitada
Agora que xa sabes moito sobre bioacumulación de substancias.
Responde a estas preguntas no teu diario de aprendizaxe:
Por que a bioacumulación constitúe un perigo para a nosa saúde?
Que podes facer ti para diminuír o problema?
Cres que é necesario aprender como funcionan os ecosistemas?