Saltar navegación

3.3.1. Cebolas sensibles

Miniexperiencia: uso de cebolas como indicadoras de contaminación en augas

Duración:
varias sesións
Agrupamento:
pequenos grupos

O grao de crecemento das raíces de cebola (Allium cepa) é un dos índices máis empregados para avaliar a toxicidade das augas onde están medrando.

En condicións normais, estas cebolas postas en auga desenvolven unhas raiciñas brancas, que medran rapidamente de xeito uniforme. 

A presenza de contaminantes na auga altera o crecemento destas raiciñas, aparecendo síntomas desta alteración, dun xeito visible e evidenciable, en moi pouco tempo. Por iso é un método moi empregado para avaliar a contaminación de augas.

Imos comprobar como augas contaminadas con productos de uso cotián, alteran esas raíces. Anímaste?

Cebolas sensibles

Materiais

Precisamos de:

  • Cebolas frescas, que sexan dun tamaño semellante.
  • Vasos de precipitados ou frascos de vidro, tantos como cebolas.
  • Auga.
  • Escarbadentes.
  • Disolucións de contaminantes para testar: deterxentes, aceite usado, lixivia ...
  • Regras.
  • Etiquetas.

Procedemento

  • Preparar as disolucións contaminantes que se van investigar: en cada vaso de precipitados colocar un contaminante, e botarlle enriba auga, ata chegar á parte superior do vaso.
  • Etiquetar os vasos.
    • Unha variante da práctica pode ser testar os mesmos contaminantes a diferentes concentracións.
  • Preparar un vaso de precipitados con auga limpa, para ter un crecemento de control.
  • Etiquetar os vasos.
  • Sacarlle as escamas marróns ás cebolas, e colocar un bulbo enriba de cada vaso de precipitados. Se o diámetro do bulbo é inferior ao do vaso, espetarlle uns escarbadentes, facendo unha cruz, e pousar os escarbadentes no bordo do vaso de precipitados, de tal xeito que só a parte inferior da cebola quede en contacto coa auga.
  • Ao cabo de 3-4 días aparecerán moitas raiciñas que continuarán medrando continuamente. Ademais, pola parte superior da cebola poderemos observar un gromo verde.
  • En intervalos regulares: cada 2 ou 3 días medimos o crecemento das raiciñas; sempre a lonxitude da raíz máis longa de cada bulbo, e rexistramos o valor xunto coa data.
  • Anotamos as diferentes anomalías: cores, tumoracións, aspecto, puntas rotas… Tamén coa data na que aparecen.
  • Poderemos medir tamén a lonxitude do gromo superior (non é imprescindible).
  • Cando teñamos rexistradas  diferenzas evidentes, procederemos a análise dos resultados.

Análise de datos

  • Elaborar gráficas de tipo lineal para cada contaminante, e do control: no eixo de ordeadas (x) asGráfico cebolas datas, e no eixo de abcisas (y) a lonxitude das raíces.
  • Se procede: elaborar gráficas de tipo lineal para cada contaminante, e do control:  no eixo de ordeadas (x) as datas, e no eixo de abcisas (y) a lonxitude dos gromos.
  • Ordenar os contaminantes en función do efecto realizado sobre o crecemento.
  • Elaborar unha táboa de dobre entrada: na vertical o tipo de contaminantes, e na horizontal as anomalías rexistradas.

Conclusións

  • A partir das gráficas poderemos ordenar os contaminantes segundo o seu impacto nas cebolas.

Agora poderemos ter máis datos para contestar a estes interrogantes, que seguro pasaron polo teu maxín algunha vez:

Son moi diferentes os efectos producidos por cada contaminante?

Cal destes contaminantes é o que se produce en maior cantidade na túa casa?

Cara onde van as augas negras das túas casas?

Que efecto terán estas augas no crecemento das plantas da túa contorna?

Que poderías facer ti para que isto non sucedese?

E, para rematar:

  • Elaborade un informe divulgativo, desta experiencia e das conclusións, e expoñédeo no taboleiro da clase, ou no corredor!

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)