Saltar la navegación

4. Reto final

 

Glosario

Promoción turística

Pictograma representando promoción turística

Definición:

Unha promoción turística é un conxunto de accións encamiñadas a dar a coñecer un lugar a visitantes.

Exemplo:

A promoción turística daquel concello está presente nas redes sociais.

Turismo devagar

Pictograma representando unha persoa viaxeira sorrinte

Definición:

Un xeito de facer turismo no que se intenta conectar co local (coa xente que vive alí, cos produtos da zona e de produción sostible, coas empresas que organizan actividades en pequenos grupos e respectuosas co medio ambiente).

Exemplo:

O turismo de vagar é unha forma de viaxar sostible, que rexeita os grandes grupos de turistas que só queren a foto no monumento máis famosos da cidade

Reto final

Agora que xa practicamos os textos literarios coa obra de teatro, retomamos a temática do turismo para comezar co reto final!

É o momento de crear un tríptico que promova a vosa localidade dun xeito respectuoso co medio e coas persoas que alí habitan! Lembrade ter en conta o concepto de "turismo devagar" e incluír os seguintes tres elementos:

  1. Unha lenda (narración). Deberás preguntar na casa que lendas coñecen e traer un resumo á aula para compartir co resto do grupo. 
  2. Unha descrición (poema ou canción) da localidade con recursos literarios.
  3. Pequenos textos informativos sobre actividades que se poden facer (ou che gustaría que se puidesen facer) na localidade ou arredores, sobre os lugares de interese e sobre produtos típicos da zona.

Ademais, como contido extra, poderedes deseñar un slogan, un código de boas condutas para visitantes ou incluír unha curiosidade sobre o lugar onde vivides.

Lectura facilitada

Imos co reto final!

Crearemos un tríptico que promova a nosa vila.

Será respectuoso co medio e as persoas.

Incluirá unha lenda.

Describiremos a vila cun poema ou canción.

Realizaremos pequenos textos informativos sobre actividades que se poidan realizar na vila.

Falaremos tamén de produtos típicos da nosa zona.

Poderemos incluír un slogan para animar os visitantes.

Exemplo de tríptico turismo sostible A Coruña

Anverso dun exemplo de tríptico de turismo sostible para a cidade da Coruña

Reverso dun exemplo de tríptico de turismo sostible para a cidade da Coruña

Exemplos de promocións turísticas

Os diferentes concellos elixen cadanseu xeito de facer unha promoción turística:

En páxinas web (abren nunha xanela nova), con información, mapas explicativos ou trípticos descargables, nas oficinas de turismo (información, mapas e trípticos en formato físico), na televisión ou radio (con anuncios ou vídeos), en carteis publicitarios ou xornais (con slogans), ou mesmo un conxunto deles nunha mesma campaña publicitaria.

Lectura facilitada

Visita as páxinas web que che damos.

Podes ver exemplos de trípticos e información turística doutros concellos.

Antes de comezar

Reflexionade nos grupos como vos gustaría que fose a promoción da vosa localidade. Dade a vosa opinión con respecto, escoitade a do resto de integrantes do equipo e alcanzade un acordo sobre o voso produto final!

  • Preferides realizar o tríptico en formato físico (nun folio en A3) ou en formato dixital (nun documento LibreOffice Draw en formato horizontal)?
  • En que zona do tríptico queredes presentar cada un dos elementos? Haberá imaxes acompañando algún destes elementos?
  • Que queredes gravar en audio e que preferides escribir?
  • Incluiredes códigos QR con ligazóns a vídeos?

Lectura facilitada

En grupo dá a túa opinión de que queres que se poña no tríptico.

Ideas:

  • Pode ser en folio ou dixital.
  • Onde queres que vaian as cousas.
  • Gravar algún audio ou escribir.
  • Incluír elementos como códigos QR ou ligazóns a vídeos.

Enfoque multinivel

Cando pensamos nun tríptico turístico, imaxinamos o formato impreso unicamente, mais, podemos realizar diferentes posibilidades co fin de completar o reto. Por iso, outras posibilidades serían: un vídeo, unha gravación (audio) ou mesmo unha presentación en formato dixital; sempre engadindo os tres elementos mencionados, sexa cal sexa o formato elixido.

Respectando o enfoque multinivel, este tríptico non ten que ser un produto final cun formato único escrito, senón que pode ser enfocado a través da utilización de todos aqueles recursos audiovisuais cos que conte o centro educativo (gravación de vídeo, audio, podcast…).

Ideas a ter en conta

Lembrade que ideas temos que ter en conta para a promoción turística da nosa localidade.

Queremos un turismo sostible que:

  • Pon en valor as tradicións locais.
  • Achega turistas á veciñanza a través de actividades que poden realizar en distintos lugares da cidade ou en distintos momentos do ano.
  • Dá a coñecer a comida local (de produción respectuosa co medio ambiente).
  • Dá a coñecer outros lugares de interese que non soen promoverse, para repartir o turismo polo territorio.

Non queremos un turismo masivo que:

  • Trae turistas que chegan e marchan da localidade sen coñecer a súa historia ou sen falar con veciñas e veciños da localidade que poidan contarlla.
  • Concentra a chegada de turistas nunha época do ano concreta, coa oferta de actividades restrinxida a este intervalo de tempo.
  • Dirixe grupos de turistas a establecementos de comida rápida que pouco teñen que ver cos produtos locais.
  • Promove só os lugares máis famosos, lugares onde se poden formar aglomeracións.

Lectura facilitada

Recordade as dúas ideas básicas a ter en conta:

  1. Queremos un turismo sostible.
  2. Que respecte as tradicións, comida e lugares de interese.
  3. Non queremos un turismo masivo.
  4. Non queremos que se concentre só en monumentos.

Así se vai avaliar o reto

Rúbrica de avaliación do reto
 ExcelenteBoAceptableInsuficiente
Lenda (narración)Ben desenvolta. Conta con todos os elementos da narración achegando elementos culturais do lugar. A extensión é boa e achega detalles. (2)Ben desenvolta. Conta con todos os elementos da narración. A extensión é aceptable. (1.75)Está desenvolta, pero pode carecer dalgún elemento das narracións. É demasiado breve e carece de detalle. (1.50)Está insuficientemente desenvolta e non conta cos elementos propios dunha narración. É demasiado corta e a comprensión é limitada. (1.25)
Poema/canción (descrición localidade)É creativo e está ben estruturado. Transmite a esencia e beleza da localidade de forma clara. (2)Está ben estruturado. Transmite a esencia da localidade de forma clara. (1.75)Non está ben estruturado ou é pouco orixinal. Transmite a esencia da localidade. (1.50)Está mal estruturado ou é pouco orixinal. Non transmite a esencia da localidade. (1.25)
Información sobre actividades, produtos e lugaresÉ relevante, diversa, ben organizada e ofrece unha visión completa e atractiva das tres temáticas. (2)É relevante e diversa, aínda que pode faltar detalle nalgunha das temáticas. (1.75)É limitada en relevancia e diversidade, ofrecendo unha visión incompleta das tres temáticas. (1.50)É pouco relevante ou diversa, limitando a comprensión das tres temáticas. (1.25)
Presentación e creatividadeBoa presentación, ben organizado e fácil de seguir, Utiliza imaxes e resalta información importante. (2) Presentación aceptable, está organizado, pero hai aspectos mellorables no deseño e presentación. (1.75)Presentación aceptable, pero hai certa desorganización no deseño. Pouco atractivo visualmente. (1.50)A información está desorganizada e impide a comprensión. Pouco atractivo visualmente. (1.25)
Ortografía e lexibilidadeOs textos son claros e ben estruturados, sen ningún erro ortográfico/gramatical. (2)Os textos son claros e ben estruturados, con algún erro ortográfico/gramatical que non dificulta a comprensión. (1.75)Os textos son claros, pero hai erros ortográficos/gramaticais que dificultan a comprensión. (1.50)Os textos son pouco claros, difíciles de ler. Hai erros ortográficos/gramaticais que dificultan a comprensión. (1.25)

Elaboración propia - Proxecto cREAgal. Rúbrica de avaliación do reto (CC BY-NC-SA)

  • Actividade
  • Nome
  • Data
  • Puntuación
  • Notas
  • Reiniciar
  • Imprimir
  • Aplicar
  • Nova xanela

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)