Saltar la navegación

3.2 Practicamos para o reto

O teu é puro teatro

Paréceche se poñemos os contidos que acabamos de ver en práctica? Imos facelo cunha actividade en grupo que che servirá de ensaio para a elaboración do produto do reto final. A mellor forma de conxugar lenda, poesía e recomendacións (como por exemplo inculcar valores de boas prácticas á hora de realizar turismo) é a través do teatro.

Dentro da literatura galega temos infinidade de exemplos de grandes autores que se dedicaron, ademais de á prosa e poesía, ao teatro.

A continuación, presentámosvos unha pequena escolma que debemos ter en conta para realizar a obra teatral. Mirade!

Teatro das Irmandades da fala de principios do s. XX, que consideraban que o teatral era un dos ámbitos nos que o galego debía gañar o prestixio social. Cunha linguaxe moi coidada, unha das principais figuras foi Ramón Cabanillas, tamén poeta, cas súas obras A man de Santiña ou O Mariscal , que fala sobre a figura de Pardo de Cela.

Xeración Nós, que incorpora elementos surrealistas. As súas figuras máis representativas son Vicente Risco (O bufón do Rei), Otero Pedrayo (O desengano do priórico) e Castelao (OS VELLOS NON DEBEN DE NAMORARSE).

Teatro das vangardas, destacando a figura de Rafael Dieste ca Fiestra Valdeira.

Lectura facilitada

Imos cunha actividade grupal.

Realizaremos unha obra de teatro.

Moitos autores galegos dedícanse ao teatro.

Esta é unha selección de obras de teatro:

Irmandades da fala, de principios do S. XX un dos principais figuras foi Ramón Cabanillas.

Xeración Nós, con Vicente Risco (O bufón do Rei) ou Castelao (Os vellos non deben de namorarse).

Teatro das vangardas, con Rafael Dieste.

Orientacións previas

Antes de comezar a traballar hai algunhas cousas importantes que cómpre ter en conta:

  • Utiliza correctamente os signos de puntuación, pois poden dar pé a confusións se non están ben colocados. Con cada guión aparece un personaxe e, se se introduce un na metade da conversa, significa que intervén o narrador ou narradora.
  • Non só importa a historia que queres contar senón como queres contar a historia.
  • Indica con acotacións como se expresan as personaxes (berrando, sfalando miudiño... ) e como se moven polo escenario (non é o mesmo estar quietos declamando que berrando en movemento).
  • Coida os diálogos e non utilices expresións malsoantes.
  • É moi importante a forma de colocar e dirixir a voz á hora de falar ante un auditorio.
  • E o máis importante, divírtete creando e converténdote na persoa á que interpretas.

Lectura facilitada

Teremos en conta:

A maneira de contar a historia.

Anotar expresións e movementos dos actores.

Non empregar palabras malsoantes.

Empregar ben os puntos e comas.

Falar de cara ao auditorio.

Divertirse!

Actividade en grupo

A actividade consiste en crear unha pequena obra de teatro onde, por grupos, teredes que contar unha pequena historia ou lenda (existente ou inventada) que acontece nunha localización exacta da cidade de Santiago de Compostela ou na vosa cidade/vila.  Debe incluír, cando menos, unha poesía ou canción nalgún momento da obra.

Por grupos debedes repartir o traballo:

  1. Buscar unha localización. 
  2. Creación dunha situación/diálogo.
  3. Introducir unha lenda.
  4. Poema. 
  5. Interpretala ou gravala.

De cara á presentación final do produto podes escoller multitude de formatos audiovisuais:

  • Crear unha ficción sonora (audio con efectos).
  • Facer unha montaxe con monicreques.
  • Gravala con soporte dixital e visualización posterior na aula.
  • Representar a obra en directo na aula.

Como ves, hai moitas formas de afrontar esta actividade. A continuación, poñemos unha serie de recomendacións e exemplos para levala a cabo.

Lectura facilitada

Por grupos debedes repartir o traballo:

Buscar localización.

Escribir o diálogo.

Introducir unha lenda ou poema.


Interpretala ou gravala.

Diferentes formatos audiovisuais:

Crear unha ficción sonora (audio con efectos).


Facer unha montaxe con monicreques.


Gravala con soporte dixital e visualización posterior na aula.


Representar a obra en directo na aula.

Exemplos para levala a cabo:

1- Localización

Para escoller unha ambientación onde aconteza a historia, pensade nunha zona que todos coñezades e que teña, a poder ser, unha lenda ou historia asociada.

Para isto, é necesario que busques información en internet e preguntes ás persoas maiores da vosa contorna, que de seguro teñen moito que contar!

Facede unha posta en común e escollede cal se presta máis para a vosa historia.

Podedes incluso abordar o poema neste momento. Propoñemos un exemplo extraído dunha cantiga tradicional:

Pontevedra é boa vila

Pontevedra é boa vila
dá de beber a quen pasa;
a fonte na Ferrería,
San Bartolomeu na praza.
Pontevedra é boa vila
vila de moitas señoras
e a Virxe da Peregrina
é a mellor entre elas todas. 

Rico, M. No bico un cantar.

Tamén tedes exemplos en autores como Curros Enríquez:

Preto da cibdá de Ourense
camiño de Celanova,
onde é máis tépedo o vento
que a terra gallega azouta,
dun círcolo de montanas
na faldra, sempre verdosa,
esténdese un val frorido,
cuberto de herbas cheirosas,
piñeirales i arboledos
ricos de frutas e sombra.

Curros Enríquez, M. (1880). "A virxe do Cristal" , Aires d'a Miña Terra. La Ilustración Gallega y Asturiana. 

Lectura facilitada

Escolleremos a nosa vila para ambientar a lenda.

Buscaremos información na internet ou preguntando aos nosos maiores.

Faremos unha posta en común e escolleremos.

Podemos facer o poema.

Exemplo:

2- Creación dunha situación diálogo

Para crear unha situación tedes que ter en conta como vai a transcorrer a escena. 

  • Protagonistas.
  • Vai ter narrador/ voz en off.
  • Sobre que vai tratar. Tede en conta o obxectivo final do reto.
  • Indicar se hai movementos ou algunha indicación en escena (acotacións).
  • Lembrar as normas dos diálogos (non solaparse). 

Presentámosche un exemplo de comezo dunha obra de teatro para que te fagas unha idea e observes os detalles necesarios a incluír.

A obra é: Quintanilla, X. (1997). Donosiña: Drama en tres autos e un prólogo. Universidade da Coruña.

Dramatis Personae

Madanela, muller de Andrés, 28 anos

Lela, filla de Andrés, 16 anos

Maruxa, criada, 52 anos

Ramona, criada, 20 anos

Andrés, amo da casa, 40 anos

Euxenio, 32 anos

Rosendo, 30 anos

Sr. Cura, 50 anos

Prólogo

Sobrado no pazo de Ponteleira. Antigas cadeiras artísticas,  cómoda, espellos de gran lúa; un reloxo de pesas de moito  mérito, un piano: todo enfundado. Na parede do fondo un retrato de muller moza. Unha porta 6 fondo e outra é man dereita  (do que ve). Á esquerda, fiestras que dan á campía. A escena ás escuras, porque aínda que é dia, é un dia de espeto, as fiestras atópanse pechadas. Despois de ergue-lo pano, pasa un anaco de tempo. Abren a porta do fondo. Maruxa e Fuco, criadas do pazo, aparecen nela.

Fuco - (A Maruxa) Anda, muller, entra. Non se ve alimentitiño deste mundo. Ti coñeces mellor que eu a sala.

Maruxa - 0 que ti tes é medo (Entrando no sobrado e andando ás apalpadas).

Fuco - Medo eu?

Maruxa - Si, ti, seica non? (Chega a unha das fiestras e ábrea. O sol entra, choutador, pola sala adiante) Deus nos dea luz!

Fuco - E ollos para vela (Entra el tamén. Entre os dous abren as tres fiestras da esquerda. Brilla o po e semella ouro derretido).

Maruxa - Pasouche o medo?

Fuco - Mira, muller... Eu non entrei aquí, no sobrado, endexamais. E como me tes falado tantas cousas desta sala, cousas de medo... xa se ve.

Continuación

Maruxa - (Lembrando) Aquí morreu, coitada!, a miña señora. Era un día como o de hoxe: un dia de espeto. O sol era un sol ledo, que ficaba nos campos, facendo sorrir as flores. A miña señora erguíase aquel dia, por primeira vez, do leito, despois de nacer a señorita. Veu para aquí, polo serán, tan branca, tan bonita! Achegouse a esta fiestra (amosando a do medio) e respirou o sol con ledicia. E así quedou morta, de repente, sen xemer, branquiña como unha pomba! 

Fuco - E dende daquela? 

Maruxa - Dende daquela non pasou nada, até que marchou o señor, fai disto tres anos. Axiña que marchou, deixando aquí señorita Lela, connosco, encomezaron a pasar cousas raras... 

Fuco - E que cousas?

Maruxa - Unha noite, sen máis nin mais, encomezou a soar o reloxo. Deu badaladas toda a noite. Marcelo, o criado que estivo denantes ca ti, oíuno e chamoume: Ei, Maruxa! Ti non ouves? Bruaba o vento, pois era noite de tormenta, ea choiva abalaba as fiestras. No silencio da noite e do azo ouvíanse, choromiqueiras, as campás do reloxo, que xemían mainamente. 

Fuco - (Con medo) E iso, é certo?

Maruxa - Tan certo como te vexo; xúrocho por estas. (Bicando o polgar dereito) Outra noite o piano tocou sé, soíño: tocaba unha canción do gosto da señora; unha canción tristeira de bagoas e salaios.

Lectura facilitada

Teremos en conta como vai ser a escena.

Os protagonistas.

O narrador ou narradora.

O tema que vai tratar.

Os movementos na escena.

Os diálogos.

Un exemplo:

3- Introducir unha lenda

Un elemento característico dunha lenda é que mestura feitos reais con outros ficticios, dándolle un halo máxico ao relato.

Como xa comentamos con anterioridade, Galicia é unha terra onde abondan as lendas e as criaturas máxicas, de aí que se diga dela que é unha terra meiga.

Porén, ademais de procurar información na vosa contorna (familia, coñecidos, centros culturais ou mesmo biblioteca), tedes moitas páxinas que falan sobre lendas en Galicia. A máis coñecida delas é A Galicia encantada, onde hai contos, poemas ou microhistorias que quizais se localicen na vosa contorna ou preto de onde queirades realizar a vosa obra de teatro.

Tamén podedes, como non, inventar unha dende cero ou inspirarvos nas múltiples lendas existentes no noso territorio.

Lectura facilitada

Unha lenda mestura realidade e ficción.

Galicia é unha terra onde abondan as lendas e as criaturas máxicas.

Procuraremos información da nosa contorna (familia, coñecidos, biblioteca).

Na web "A Galicia encantada" hai contos, poemas ou microhistorias.

Tamén podemos inventar unha lenda.

4- Poema

  • O poema debe ter unha extensión mínima de 8 versos.
  • A súa temática é libre máis, como suxestión, podería ter que ver coa historia, co lugar ou cun personaxe que apareza na historia, circunstancia que axudaría para a consecución do reto final.
  • Pode aparecer en varias partes da representación teatral:
    - Ao principio, a modo de prólogo ou, como xa indicamos, no punto referente á localización.
    - No medio da obra, formando parte importante do transcorrer da mesma.
    - Ao final. Resultando unha conclusión/ resumo ou incluso unha ensinanza do acontecido.
  • Lembra repasar os distintos autores que viñemos traballando nas fases anteriores. 

Lectura facilitada

O poema será de 8 versos.

A súa temática é libre.

Pode aparecer en varias partes da obra:

- Ao principio, a modo de prólogo.

- No medio da obra

- Ao final. 

Lembra repasar os distintos autores traballados.

5- Interpretala e gravala

Tedes que ter claro a forma na que queredes representar a obra, do mesmo xeito que tedes que pensar en como presentar o tríptico final.

Tedes multitude de formatos audiovisuais utilizando un portátil de aula ou da biblioteca. 

Deseguido presentámosche unha serie de ideas para axudar a tomar decisións:

  • En canto ao audio hai varias opcións:
    - Podedes usar o ordenador de aula.
    - Podedes buscar no voso centro se contades con material audiovisual, como por exemplo micros (a poder ser panorámicos), adaptadores RCA, micros de "petaca" ou de "botón" ou mesa de gravación.
    - Para a edición do audio tedes a opción de utilizar o programa Audacity, xa que manexa un software libre e permite editar e engadir efectos de sons e normalmente atópase instalado nos ordenadores de aula.
  • En canto ao vídeo:
    - Podedes desprazarvos ao lugar ou representalo no centro utilizando algunha decoración escénica.
    - Para o material váleche unha ou varias cámaras fixas ou mesmo utilizando a cámara web do ordenador de aula.
    - Unha vez gravado, para editalo podes compaxinar Audacity con OpenShot, xa que tamén é un software libre e normalmente instalado nos diferentes ordenadores de aula.
  •  Outras técnicas de edición: podedes consultar videotitoriais sobre como facer un croma e inserir imaxes dos lugares representativos.

Lectura facilitada

Debemos ter en conta como representar a lenda e o tríptico.

Podemos empregar o portátil ou a biblioteca.

Podemos gravar o audio empregando o ordenador da aula.

Podemos buscar no centro micrófonos ou outro material para gravar.

Podemos empregar Audacity para editar o audio.

Podemos desprazarnos ao lugar de gravación ou recrealo con decoración no centro.

Empregaremos cámaras fixas ou a cámara web do ordenador de aula.

Podemos empregar Audacity e Openshot para unir son e vídeo.

Tamén podemos ver videotitoriais de axuda.

Como gravar voz con Audacity

Para practicar a oralidade



Escoitade o resultado final e intentade mellorar a pronunciación, a entoación, a colocación da voz etc...

Rúbrica

Rúbrica da lenda
 ExcelenteBoAceptableInsuficiente
PoemaO poema ten 8 versos, rimas e recursos literarios (2)O poema ten 8 versos, rimas e algún recurso literario (1.75)O poema ten 8 versos e rimas, pero non hai recurso literario (1.50)O poema ten menos de 8 versos. (1.25)
LendaA lenda ten inicio, nó e desenlace. Mestúranse elementos reais e ficticios. Está ben relacionada coa localidade. (2)A lenda ten inicio, nó e desenlace. Mestúranse elementos reais e ficticios. Está algo relacionada coa localidade. (1.75)A lenda ten inicio, nó e desenlace. Está pouco relacionada coa localidade. (1.5)Á lenda fáltalle algún elemento (inicio, nó ou desenlace). Non se refire á localidade. (1.25)
LocalidadeHai referencia clara e detallada da localidade. (2)Hai referencia clara á localidade. (1.75)Hai referencia básica á localidade. (1.50)Non hai referencia á localidade. (1.25)
DiálogoContén todos os elementos característicos dun diálogo. (2)Contén varios elementos característicos do diálogo. (1.75)Contén algún elemento característico do diálogo. (1.50)Non contén ningún elemento característico do dialogo. (1.25)
PresentaciónA presentación é clara e fluída. Participan todas as persoas do grupo. (2)A presentación é clara. Participan todas as persoas do grupo. (1.75)A presentación non é moi clara. Participan todas as persoas do grupo. (1.50)A presentación non é clara. Non participan todas as persoas do grupo. (1.25)

Elaboración propia - Proxecto cREAgal. Rúbrica da lenda (CC BY-NC-SA)

  • Actividade
  • Nome
  • Data
  • Puntuación
  • Notas
  • Reiniciar
  • Imprimir
  • Aplicar
  • Nova xanela

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)