O Camiño de Santiago é un conxunto de vías de acceso de peregrinos a Santiago, creado a partir da descuberta dos supostos restos do Apóstolo no lugar do Libredón, en Santiago de Compostela, durante o reinado de Afonso II. O Camiño Francés e as rutas francesas do Camiño foron declarados pola Unesco Patrimonio da Humanidade en 1993 e 1998 respectivamente.
Exemplo:
Un gran número de peregrinos chega anualmente a Santiago a través dos seus diferentes camiños como o Francés ou Norte.
Santiago de Compostela
Definición:
Capital de Galicia (nela atópase o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o IGE, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é “santiagués”, “compostelán” e máis popularmente “picheleiro”. A súa catedral é destino das diferentes rutas que conforman o Camiño de Santiago, declarado patrimonio da humanidade, distinción que tamén posúe o seu casco vello dende o ano 1985.
Exemplo:
Santiago de Compostela é a capital de Galicia.
Turismo de masas
Definición:
Caracterízase pola concentración dun gran número de turistas nun mesmo lugar nun momento concreto, que ten consecuencias negativas na poboación local e no medio ambiente.
Exemplo:
O turismo de masas encheu as praias da costa mediterránea, dificultando o seu goce por parte da poboación local.
Turismo sostible
Definición:
Segundo a OMT (Organización Mundial do Turismo): “O turismo que ten totalmente en conta as repercusións actuais e futuras, económicas, sociais e medioambientais para satisfacer as necesidades dos visitantes, da industria, da contorna e das comunidades anfitrioas.”. O concepto ten unha clara relación cos obxectivos da axenda 2030.
Exemplo:
Precisamos que o turismo da nosa cidade sexa sostible e permita a convivencia de todos os cidadáns.
Unha cidade baixo presión
A cidade de Santiago de Compostela non aguanta máis!
Dende hai anos, dáse unha chegada masiva de turistas á cidade a través do Camiño de Santiago, o cal comeza a afectar á vida diaria da veciñanza.
O Camiño de Santiago, aínda que existe dende a Idade Media, comezou a darse a coñecer a nivel mundial coa promoción do ano Xacobeo 1993 e coa idea do cura do Cebreiro, Elías Valiña, de pintar as frechas amarelas que indican a ruta ata Compostela. A popularidade do Camiño non parou de medrar, chegando a recibir o título de “Ruta de sendeirismo máis famosa do mundo” por parte dalgúns medios de comunicación. Segue a bater marcas cada ano e, o que un día era algo totalmente positivo para a cidade, hoxe fai dubidar a moita xente.
Algunha vez pensaches que consecuencias negativas pode ter o turismo nunha localidade?
Lectura facilitada
O Camiño de Santiago dáse a coñecer a nivel mundial.
O Camiño leva moitos turistas á cidade de Santiago de Compostela.
Hai dúbidas de se é algo positivo.
Podemos cambiar isto entre todos.
Pensa consecuencias negativas do turismo nunha localidade.
Audio
Precisas máis ideas?
Cando viaxamos e somos parte de grupos grandes nunha cidade, podemos tender a falar en voz alta e non respectar, así, os momentos de descanso da veciñanza que vive nese lugar.
O turismo tamén pode favorecer a que o comercio local acabe pechando en favor dos grandes centros comerciais ou tendas enfocadas á venda de produtos baratos e de baixa calidade para os turistas.
A grande afluencia de persoas que visitan temporalmente as localidades turísticas, fan que as persoas aluguen vivendas para uso turístico en vez de para a residencia permanente. En consecuencia, a escaseza de oferta de alugueiro provoca unha suba dos prezos.
Lectura facilitada
Falar en voz alta cando estamos en grupos grandes pode molestar á veciñanza.
O comercio local pecha e tendas de produtos de baixa calidade para turistas ocupan o espazo.
Soben os prezos do alugueiro.
Estas consecuencias negativas dun turismo de masas están empezando a verse noutros lugares de Galicia (Rías Baixas, Praia das Catedrais, Vigo, a Ribeira Sacra...), pero...
Poderiamos reverter esta situación? Si, podemos ser parte do cambio de tendencia concienciando á xente para que faga turismo doutro xeito.
Lectura facilitada
Consecuencias negativas tamén noutros lugares de Galicia.
Podemos ser parte do cambio.
Audio
Que vou aprender para levar a cabo esta tarefa?
Recoñecer os elementos fundamentais de textos narrativos, informativos e poéticos.
Elaborar distintos tipos de textos.
Practicar a oralidade e potenciar a expresión oral e escrita.
Aprender que é o turismo masivo e cales poden ser as súas consecuencias negativas para a poboación.
Aprender que é o turismo sostible e como concienciar á sociedade sobre a súa importancia.
Traballar os valores da empatía, respecto, responsabilidade, autoestima e tolerancia.
Recoñecer e empregar correctamente determinantes e signos de puntuación.
Lectura facilitada
Recoñecer elementos de distintos tipos de textos.
Elaborar distintos tipos de textos.
Distinguir o turismo de masas do turismo sostible.
Traballar cos valores de empatía, respecto, responsabilidade ou tolerancia.