Situándonos
Despois dun pequeno repaso do que xa sabedes, é hora de poñerse mans á obra e seguir aprendendo!
Para ofrecer un produto de calidade é necesario reflexionar sobre o problema real do turismo masificado e como ofertar outra maneira de visitar certas vilas que se están a converter en cidades sen cidadáns. Ante un turismo de masas que busca inmediatez e pouca reflexión, o turismo sostible busca a calma e afondar no coñecemento dos lugares que se visitan.
Mantendo como punto de referencia o tríptico final que terás que realizar, imos descubrir aspectos da nosa cultura para poder transmitila en cada unha das partes dese tríptico. Farémolo buscando inspiración nos antergos trobadores do medievo ou coñecendo a creadores de contido en galego do Século XXI.
Na Fase 2 recordamos:
- Os textos informativos ou expositivos: aqueles que aparecen normalmente na prensa escrita serven para transmitir información ao receptor. Ofrecen datos, descricións da realidade, de certos feitos ou calquera outro tipo de información que teña como obxecto transmitir un coñecemento.
- Os textos narrativos: son os que aparecen nas novelas de ficción e, aínda que contan uns feitos, estes poden ser tamén imaxinarios. Este tipo de prosa acostuma contar unha historia e, con frecuencia, está cargada de emoción. Consideramos tipos de textos narrativos as novelas, contos, lendas…
- Os textos poéticos: aqueles que empregan, por un lado, as calidades estéticas facendo uso dos recursos literarios e, por outro lado, a rítmica da linguaxe que se basea na prosodia (ritmo, métrica, acentos e entoación dos poemas) para así inxerir significados distintos ou engadidos ao significado propio do texto.
Por último faremos unha actividade na que imos vencellar todos estes conceptos e de seguro que vai resultar moi interesante para a consecución do noso reto final.
Continuemos!
Lectura facilitada
Imos reflexionar sobre o turismo masificado.
Debemos buscar unha maneira diferente de visitar os lugares e de facer turismo.
Descubriremos características da nosa cultura.
No apartado anterior xa aprendemos sobre os textos informativos como as noticias.
Tamén aprendemos sobre os textos narrativos como as historias.
E tamén sobre os poemas e os seus significados.
Traballemos nunha actividade para unir estes conceptos.